Arquivo da categoría: LGL 4º ESO

Nova entrega de Flocos de Millo: “Os vellos non deben de namorarse”

Chega a segunda entrega das reseñas audiovisuais da booktuber Flocos de Millo, Os vellos non deben de namorarse, unha obra que a nosa alumna viu no curso pasado en versión para títeres de Fantoches Baj. Agradecémoslle a Iria este contributo ao Ano Castelao, que remata este mes coa gala que terá lugar o vindeiro 18 de decembro en Pontevedra.

Rúbrica para a avaliación de traballos de Lectura (2º Ciclo ESO)

rubricasDende o curso pasado veño empregando esta rúbrica (ese palabro!!!) para os traballos de lectura de 3º e 4º da ESO e pode dicirse que, logo dalgúns retoques iniciais, está razoablemente asentada non só para min senón tamén para o alumnado, que é o máis importante.

Con todo, hai que aplicala con cautela e flexibilidade de acordo cos procesos de autocorrección asentados na aula e cos contidos e destrezas traballados por cadaquén cos seus grupos. Pode entenderse que se lle dá moito peso ao formato e ao cumprimento dos prazos de entrega (30%) fronte á corrección estritamente lingüística (20%), mais entendo que no 2º ciclo da ESO así debe ser xunto coa expresión xeral, as propiedades textuais, a capacidade analítica e argumentativa.

A rúbrica compleméntase coas claves de autocorrección para a expresión escrita (moito máis simplificadas que aquelas quiméricas que ensaiei nalgún momento, madia leva!) e permite, evidentemente, unha segunda entrega do traballo xa revisado.

Por suposto, agardo as vosas suxestións e propostas. Se alguén a quere en formato word (tamén está en scribd), non ten máis que enviar un correo a landin@edu.xunta.es.

Día Internacional da Lingua Materna: a transmisión interxeracional do galego

lingua materna portal

Ilustración da campaña de defensa do gaélico irlandés Sábháil Ár dTeanga (Salva a nosa lingua). Fonte: Portal das Palabras.

Aínda que non comparto a mensaxe que encabeza o artigo (A derradeira persoa que falou galego: Serás ti? Será alguén a quen coñezas?) nunha efeméride coma esta, por negativa e pouco construtiva -non nego que realista, pero xa estamos cheos de tantos diagnósticos de resultados máis que coñecidos-, paga a pena gardalo para as aulas de sociolingüística. Xaquín Loredo Gutiérrez (Seminario de Sociolingüística da RAG) actualiza cun par de gráficas moi clariñas os últimos datos sobre lingua inicial en Galiza: Lingua materna (Portal das Palabras, 19-02-2016).

En relación a esta cuestión, recomendo a lectura do traballo deste autor publicado n’A letra miúda, a revista de sociolingüística para o ensino da Coordinadora Galega de ENDL: Aproximación á situación sociolingüística en Galicia. A evolución da transmisión lingüística interxeracional do galego (nº 6, ano 2015). Tamén afondan nesta cuestións as palestras e mesas redondas que tiveron lugar no X Curso de Verán Traballando en Lingua 2014. Para a transimisión interxeracional en galego, que organiza a CTNL conxuntamente co SNL da UDC e o Concello de Carballo. Podedes acceder a eles aquí. Hai, ademais de intervencións que afondan directamente nesta temática (de Xaquín Loredo e Valentina Formoso, Brauli Montoya, Paula Ksares, Mariló Candedo…), unha serie de propostas, obradoiros e experiencias prácticas de moito interese. Hai que agardar, no entanto, polas actas dos XVII Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega (15/16-10-2015) e que abordaron tamén os usos lingüísticos na infancia e na mocidade nalgunha das súas sesións.

Como última observación terminolóxica, a CTNL fai unha revisión interesante, e máis orientada á intervención social, do concepto “transmisión lingüística”, para falar da “socialización en galego na infancia”, do que boa mostra é o proxecto Apego. Fica ben explicado nesta entrevista a Nel Vidal (ex-presidente xa da CTNL) no programa Galicia por diante da Radio Galega (19-02-2016).

Linguas e acentos

Co firme propósito de retomar a publicación de entradas e de traer aquí recursos e materiais propios e alleos, volto ao Caderno de Lingua cun artigo do profesor Ángel Carracedo (La Voz de Galicia, 25-X-2015)  que pode ser de utilidade para tratar as interferencias lingüísticas, o fenómeno das linguas en contacto e, se cadra o máis urxente, os prexuízos lingüísticos e a autoestima lingüística. Se algún lector ou lectora deseña unha actividade a partir deste texto, xa sabe onde a pode partillar.  😉

Viñeta de Pinto

Unha das cousas que máis me divirten nas reunións internacionais onde están representados moitos países é pescudar polo acento de que país son os que falan e isto, en xeral, é fácil en Europa. Italianos, gregos, alemáns, franceses, noruegueses, portugueses ou de calquera país, todos levan no acento un sinal de identidade que, por moi perfecto que for o seu inglés, delata a súa orixe sen problema. En países con diferenzas rexionais importantes como o Reino Unido, igual que aquí cando o que fala é español, con dúas palabras que diga sabemos se é vasco, galego, catalán, andaluz ou canario, se coñeces ben o país do orador, ata podes pescudar de onde é exactamente. Na maioría dos países hai máis linguas e acentos do que pensamos e a min esta diversidade lingüística e fonética encántame, e creo que é un valor cultural que debemos preservar custe o que custe.

Aquí, como tantos de nós, emprego indistintamente as miñas linguas paterna e materna, o galego e o castelán, e as miñas charlas divulgativas en Galicia sempre as dou en galego, como é natural. No resto de España falo en castelán e na maior parte das reunións e conferencias emprego o inglés, que é a lingua da ciencia. Por iso practicamente todo o que escribo fágoo nese idioma, que utilizo acotío. En Francia intento recuperar o meu enferruxado francés nas miñas charlas, porque son tan chauvinistas que gañas xa o auditorio só con intentalo. En Brasil e Portugal emprego o galego con algunha palabra de cortesía en portugués e en Italia sempre lles pregunto antes da conferencia se queren que lles fale en inglés ou no meu itañolo e, como teñen tantas dificultades co inglés coma nós, sempre me responden que en itañolo, que é unha mestura que comeza sendo un 70 % italiano e acaba sendo unha mestura a partes iguais de galego, castelán e italiano que lles fai moita graza e non teñen problemas para entender. Seguir lendo

A Revolução dos Cravos nun 25 de abril

Parte do monumento que hai na entrada da vila de Grândola para conmemorar o 25 aniversario do 25 de Abril

Parte central do monumento que hai á entrada da vila de Grândola para conmemorar o 25 aniversario do 25 de Abril

Da recente viaxe por terras portuguesas trouxen, coma sempre, novas descubertas, como o Cromeleque dos Almendres, a Anta Grande do Zambujeiro e a primavera do Alentejo nunha  Évora redescuberta. A Costa Vicentina  quere o seu tempo para saborear as praias de Carrapateira, os cantís sobre o areal da Arrifana, o solpor na barra do Monte dos Clérigos e o avistamento dos aniñamentos de cegoñas no Cabo Sardão. Lisboa pide cando menos unha parada técnica (quere a súa semana enteira mais…) e un café no Miradouro da Graça, mais Porto estase convertendo nunha cita habitual para ir na procura das novas tendencias e o cosmopolitismo máis próximo a nós. Falares, sabores, ritmos, o encontro (non sempre harmonioso) entre a tradición e a modernidade, xa están a pedir unha nova escapada.

Das paradiñas houbo unha en Grândola, que non sei canto terá aínda de “vila morena” mais que conserva a memoria da Revolução dos Cravos no nomenclátor e nas esculturas urbanas. Tamén nas paredes, pois do norte ao sul do país cidades e vilas, e mais axendas de xornais e revistas, estaban inzadas de actos e programas conmemorativos do 40º Aniversario do 25 de Abril, tinguidos, iso si, dunha reflexión amarga sobre a permanencia -fuxida- dos valores daquela fermosa revolta.

Pola rede adoitan chegar boas novas e dúas alertas de slideshare leváronme a cadanseu traballo de Alfonso Blanco (Biblioteca do IES Fontexería de Muros) e Sofía Rama (Dpto. de Lingua Galega do IES Félix Muriel de Rianxo) para traer a memoria do 25 de Abril ás aulas galegas, tarefa á que lle podemos achegar esta proposta de José Paz Rodrigues que atopamos no Portal Galego da Língua a partir do filme Capitães de Abril de María de Medeiros.

Unha visita recomendábel para coñecer unha parte do funesto Estado Novo é a Prisão da Fortaleza de Peniche, mellor se é tras a lectura dunha novela como Resistencia, de Rosa Aneiros (Unidade diáctica de Loli Cid), ou logo de procurar algunha información sobre a fuga de Peniche, de Álvaro Cunhal e outros prisioneiros políticos, para lle dar máis significado e emotividade á visita, pois a verdade é que como espazo museístico é pobre.

Non sei se é pecado non poñer o ramo musical a esta entrada co “Grândola vila morena”, do gran Zeca Afonso, mais por actualidade, tamén no contido, traio esta versión de “Os Vampiros” dos estradenses Nao, recén saída do forno e que se estrea ao vivo este sábado na Sala Capitol de Compostela. Ademais, conta coas colaboracións de Manuel Payno (Os Tres Trebóns, Caxade), Pikkio e Sigaro (Banda Bassotti) e Inés Álvarez .


Os Vampiros (Zeca Afonso)

No ceo cincento baixo o astro mudo
Batendo as ás na noite calada
Veñen en bandos con pés de veludo
Chupar o sangue fresco da manada

A todas partes chegan os vampiros
Pousan nos predios pousan nas calzadas
Traen no seu ventre despoxos antigos
máis nada os prende as vidas acabadas

Eles comen todo, eles comen todo
Eles comen todo e non deixan nada (bis)

No chan do medo tomban os vencidos
Óense os gritos na noite abafada
Xacen nos fosos vítimas dun credo
E non se esgota o sangue da manada

Son os mordomos do universo todo
amos á forza donos sen lei
enchen contedores beben viño novo
danzan a ronda no Pinhal do Rei

Eles comen todo, eles comen todo
Eles comen todo e non deixan nada (bis)

Per terra cadono impauriti i vinti
Si senton grida nella notte soffocata
Giaccion nei fossi vittime di un idea
Non s’esaurisce il sangue del gregge

Sono padroni dell’universo intero
Dominatori a forza signori senta legge
Riempion granai bevono vino nuovo
Danzano in tondo nella pineta del re.

Mangiano tutto, mangiano tutto
Mangiano tutto e non lasciano niente (bis)

A todas partes chegan os vampiros
Pousan nos predios pousan nas calzadas
se alguén se engana co seu ar sisudo
E lles franquea as portas á chegada

Eles comen todo, eles comen todo
Eles comen todo e non deixan nada (bis)

Engádega (25-04-2015): Unha ducia de horas do 25 de abril (Praza Pública)

Ás voltas co texto argumentativo

Para traballarmos o texto argumentativo (tamén en presentación de Loli Cid) hai multitude de propostas e materiais que podemos levar ás aulas: dende as clásicas valoracións das lecturas até a organización de debates ben planificados e pautados pasando pola elaboración de anuncios publicitarios.

O traballo coa tipoloxía textual pódese enfrontar dende variadas perspectivas mais sempre orientándose cara á práctica, e así temos interesantes recursos:

Identificar vantaxes e inconvenientes en relación a un tema, elaborar unha valoración completa e persoal dunha lectura ou comentar unha película máis alá dos típicos “gustoume/non me gustou” non é nada fácil máis alá do alumnado que tamén mostra bos resultados noutras facetas académicas.

No colexio andamos niso e nestas semanas atrás botamos man dunha curtametraxe e unha reportaxe (“Matar por diversión”, de Diego Bagnera) que dan moito xogo para traballar nas aulas de Titoría, Alternativa ou Lingua Galega, aínda que o fixemos a dous niveis diferentes (2º ESO e 4º ESO) e tan só como primeiro un primeiro chanzo no proceso. A idea é seguir turrando deste tema, o da violencia gratuíta (máis próxima do que pensamos: un e dous), para rematar propoñendo un debate máis traballado nas aulas.

Telexornal Vidal Bolaño e documental sobre a súa obra

homenaxe a Roberto Vidal Bolaño

Un ano máis, o amigo Luís Aldegunde e o seu alumnado do CPI Os Dices de Rois son fieis á cita das Letras Galegas (Lois Pereiro un , dous e tresValentín Paz Andrade, e antes Novoneyra, Ramón Piñeiro…) e achegannos un dos materiais didácticos máis valiosos para aproximarse nas aulas a Roberto Vidal Bolaño de cara ao 17 de maio. No primeiro dos traballos audiovisuais repiten a fórmula do telexornal que tan ben funcionou no curso pasado e que supón un extraordinario modelo de formación documental e comunicativa asentado nas novas tecnoloxías e os medios. E que podemos dicir da canteira de Rois? Comprobade vós mesmos o seu bo facer.

O segundo traballo é un documental sobre a obra do dramaturgo compostelán elaborado sobre as intervencións de Miguel de Lira, Xabier Ron, Xosé Manuel Fernández Castro, Laura Ponte, Eduardo Alonso, Xulio Lago, Avelino González, Ernesto Chao, Rodrigo Roel, Roi Vidal Ponte, Belén Quintáns e Paco Macías.

‘Ruído. Relatos de guerra’, de Miguel-Anxo Murado (guión de traballo da lectura)

Ruído. Relatos de guerra, unha escolla segura para o alumnado esta de Miguel-Anxo Prado, ao igual ca Mércores de cinza, outro libro que se mergulla na condición humana enfrontada ás condicións máis extremas. Como comentabamos na anterior entrada,  aos rapaces e rapazas tan só se lles fai algo complexa a análise global dos relatos, os personaxes…, mais non sempre.