Arquivo por etiquetas: flocos de millo

Nova entrega de Flocos de Millo: “Os vellos non deben de namorarse”

Chega a segunda entrega das reseñas audiovisuais da booktuber Flocos de Millo, Os vellos non deben de namorarse, unha obra que a nosa alumna viu no curso pasado en versión para títeres de Fantoches Baj. Agradecémoslle a Iria este contributo ao Ano Castelao, que remata este mes coa gala que terá lugar o vindeiro 18 de decembro en Pontevedra.

Floco de Millo: ela é booktuber

Recén saída do forno, e aínda co arrecendo tenro do pan fresco, chega a primeira recensión en vídeo dunha novela da nosa Floco de Millo, Iria Vázquez (4º ESO B), que se estrea como booktuber na súa canle de Youtube con Agosto do 36.

O mérito é seu, que entre diferentes posibilidades que lles dei -apenas comentada moi por riba cun exemplo: Made in Galiza, por Sebas G. Mouret- para se saír do tradicional traballo escrito sobre unha lectura de clase escolleu esta. Hai outra reseña do curso pasado sobre Unha estrela no vento, de Nico (Nicolás Porto), mais ten que pasar polo taller de edición. Moitos parabéns a ambos por se saíren do rego e ter iniciativa para probar novas fórmulas!

O fenómeno dos booktubers procede do mundo anglosaxón pero chegou con forza ao ámbito hispánico a través dos países sudamericanos, como soe pasar con moitas  tendencias deste tipo. Neste artigo de Ramón Nicolás no seu Caderno da Crítica e nestas aproximacións da prensa (unha e dúas), hai exemplos dabondo para se mergullar no fenómeno Booktuber. Algo máis:

Haberá que explorar máis en serio esta ferramenta como canle de difusión da literatura no ensino e como recurso para estimular a comunicación e a creatividade na materia de Lingua.