Arquivo por etiquetas: expresión escrita

Rúbrica para a avaliación de traballos de Lectura (2º Ciclo ESO)

rubricasDende o curso pasado veño empregando esta rúbrica (ese palabro!!!) para os traballos de lectura de 3º e 4º da ESO e pode dicirse que, logo dalgúns retoques iniciais, está razoablemente asentada non só para min senón tamén para o alumnado, que é o máis importante.

Con todo, hai que aplicala con cautela e flexibilidade de acordo cos procesos de autocorrección asentados na aula e cos contidos e destrezas traballados por cadaquén cos seus grupos. Pode entenderse que se lle dá moito peso ao formato e ao cumprimento dos prazos de entrega (30%) fronte á corrección estritamente lingüística (20%), mais entendo que no 2º ciclo da ESO así debe ser xunto coa expresión xeral, as propiedades textuais, a capacidade analítica e argumentativa.

A rúbrica compleméntase coas claves de autocorrección para a expresión escrita (moito máis simplificadas que aquelas quiméricas que ensaiei nalgún momento, madia leva!) e permite, evidentemente, unha segunda entrega do traballo xa revisado.

Por suposto, agardo as vosas suxestións e propostas. Se alguén a quere en formato word (tamén está en scribd), non ten máis que enviar un correo a landin@edu.xunta.es.

Reparar na escrita e reparar nas prácticas propias

Hai xa algún tempo subiamos a este blogue un primeiro e sinxelo patrón de autocorrección dos textos propios, ao que lle seguiu unha segunda entrega algo máis elaborada, e as causas que motivaron que experimentasemos este método co alumnado seguen sendo as mesmas hoxe en día: mellorar o dominio da expresión escrita e asumir responsabilidades e maior autonomía na tarefa da corrección e na aprendizaxe por parte do alumnado, e procurar unha práctica metodolóxica efectiva, práctica e didáctica por parte do profesor.

Comprobado tamén que se converte nunha tarefa difícil de manter de maneira sistemática  ao longo do curso, e que os logros, na medida en que apliquei o patrón de xeito irregular, non son os desexados, cando menos fomos adaptando o patrón ao que o estudante pode corrixir en cada momento e establecendo diferentes fases de aplicación destes sistema de signos e abreviaturas ao longo do ano conforme se vai precisando avanzar (tipos de textos, propiedades textuais, erros de redacción, etc.).

No título desta entrada xogo cunha referencia xa clásica, Daniel Cassany, que ten en Reparar la escritura un dos seus traballos máis prácticos. Nel, formula problemas e ofrece un abano de solucións, isto é, unha serie de técnicas de corrección da expresión escrita para a súa aplicación inmediata nas aulas. Recomendo tamén a súa lectura para reflexionar sobre as prácticas propias, especialmente, do primeiro apartado, no que é ben fácil verse retratado no papel tradicional que se lle asigna ao docente de lingua na corrección. Tirando dun esquema de Enseñar lengua (páx. 287), sintetizamos eses roles preestablecidos para o profesor, tamén para o alumno, no proceso da corrección:

Profesor

  • A corrección é responsabilidade exclusivamente súa, porque ten o coñecemento necesario para facelo.
  • Está obrigado a corrixir todos os exercicios. É case a demostración da súa capacidade e traballo.
  • Ten que corrixir todos os erros do texto, que ha de ficar perfecto. Ten que dar a solución correcta.

Alumno

  • Non está capacitado para autocorrixirse ou para corrixir un compañeiro, xa que non ten coñecementos de abondo para facelo e podería equivocarse.
  • Agarda que se lle corrixa todo. Non ten sentido escribir se non é corrixido.
  • Non pode cometer erros porque crean hábito. Esta é unha visión condutista do erro.

En rachar estes roles andamos e estes novos patróns que presentamos a continuación foron os que adaptei para cuarto e segundo da ESO en consonancia co propio currículo e cos libros de texto que manexamos neste curso, por aquilo de manter sempre unha ligazón co marco de referencia máis claro que adoita ter o alumnado.

Patrón de autocorrección da expresión escrita (adaptación)

Nos últimos dous cursos veño empregando nas aulas do 2º ciclo de Secundaria un sinxelo patrón de autocorreccion da expresión escrita ao que xa lle dediquei unha breve entrada hai máis dun ano. Daquela, xa apuntaba que se trataba dunha tarefa tediosa mais necesaria para tentar mellorar a expresión escrita do noso alumnado. É tediosa porque precisa dun traballo continuado e sistemático nas aulas até que o alumnado, tamén o profesor, entran nunha dinámica áxil de corrección que permite dedicarlle media sesión á semana. Como todo, é cousa de adestrar(se) mais se os rapaces e rapazas se dotan de certo grao de autonomía, unha vez que asimilan que esa parte do traballo non compete só ao profesorado, tamén nós nos libraremos dun pesado e repetitivo labor que, á vista da teimuda persistencia dos erros máis comúns, remata por enfrontarnos a un reto case imposíbel.

Como entón sinalaba, este patrón “proporcionarlle ao alumnado un código de signos -debidamente explicado- para que identifiquen e solucionen os erros que o/a profesor/a marcou previamente dalgunha maneira, un subliñado abonda”. Até o momento, eu sigo recollendo os textos autocorrixidos para lles dar unha segunda lectura e ver que o sistema funciona e que os erros foron detectados e corrixidos, aínda non dei o paso á autocorrección por parellas.

Desta volta, optei por empregar dous patróns diferenciados para 3º e 4º da ESO, respectivamente, condicionado polo libro de texto, que xa incorpora as propiedades textuais (en ambos cursos) e un apartado fixo para a expresión escrita (no caso de cuarto). Así, fun incluíndo novas abreviaturas para dar conta da natureza dos erros que van coñecendo ao longo do curso (redundancia, anacoluto…). Trátase de que os teñan presentes máis alá da unidade e os exercicios concretos nos que se traballaron eses erros.

Patrón de autocorrección da expresión escrita

A corrección da expresión escrita é, se cadra, unha das tarefas máis importantes -e máis tediosas- á hora de mellorar os textos do noso alumnado. E, como di o mestre Daniel Cassany, dedicámoslle a esta actividade moito tempo, facémolo de xeito rutineiro porque a tradición escolar así nolo ten atribuído ao profesorado (e non espera menos a rapazada de nós) e abúrrenos porque, aínda por riba, non temos moita confianza nela á vista de que volven aparecer unha e outra vez os erros que queremos atallar.

Entre os procedementos máis clásicos para darlles autonomía nesta tarefa atópase a aplicación dun patrón de autocorrección da expresión escrita. Trátase de proporcionarlle ao alumnado un código de signos -debidamente explicado- para que identifiquen e solucionen os erros que o/a profesor/a marcou previamente dalgunha maneira, un subliñado abonda.

Con isto procuramos que se responsabilicen nesta tarefa e nós garantimos que o noso traballo non fica en balde, cando menos han de pasar o traballo de completar a revisión e posterior corrección… Iso si, nós teremos que darlle unha segunda pasada aos textos. Máis traballo. Unha outra opción que se pode combinar con esta é o da corrección das redaccións entre alumnos/as. Un segundo efecto positivo é a consideración que vai callando sobre o proceso da avaliación: ter unha listaxe para cotexar ou unha escala de cualificación na súa man aforra algunhas explicacións e incomprensións futuras cando, por exemplo, comproben o que se lles baixou por grallas nunha proba escrita.

Eu veño empregando este sinxelo patrón dende o curso pasado e, á vista da cara (de poucos amigos) que poñen o día en que llo presentas, algún efecto terá. Non é o descubrimento da pólvora, sei de quen se aburriu e quen deixou de empregalo, mais polo menos repartimos o traballo. Isto da escola é bidireccional, un camiño de ida e volta.