Arquivo por etiquetas: Pinto

Linguas e acentos

Co firme propósito de retomar a publicación de entradas e de traer aquí recursos e materiais propios e alleos, volto ao Caderno de Lingua cun artigo do profesor Ángel Carracedo (La Voz de Galicia, 25-X-2015)  que pode ser de utilidade para tratar as interferencias lingüísticas, o fenómeno das linguas en contacto e, se cadra o máis urxente, os prexuízos lingüísticos e a autoestima lingüística. Se algún lector ou lectora deseña unha actividade a partir deste texto, xa sabe onde a pode partillar.  😉

Viñeta de Pinto

Unha das cousas que máis me divirten nas reunións internacionais onde están representados moitos países é pescudar polo acento de que país son os que falan e isto, en xeral, é fácil en Europa. Italianos, gregos, alemáns, franceses, noruegueses, portugueses ou de calquera país, todos levan no acento un sinal de identidade que, por moi perfecto que for o seu inglés, delata a súa orixe sen problema. En países con diferenzas rexionais importantes como o Reino Unido, igual que aquí cando o que fala é español, con dúas palabras que diga sabemos se é vasco, galego, catalán, andaluz ou canario, se coñeces ben o país do orador, ata podes pescudar de onde é exactamente. Na maioría dos países hai máis linguas e acentos do que pensamos e a min esta diversidade lingüística e fonética encántame, e creo que é un valor cultural que debemos preservar custe o que custe.

Aquí, como tantos de nós, emprego indistintamente as miñas linguas paterna e materna, o galego e o castelán, e as miñas charlas divulgativas en Galicia sempre as dou en galego, como é natural. No resto de España falo en castelán e na maior parte das reunións e conferencias emprego o inglés, que é a lingua da ciencia. Por iso practicamente todo o que escribo fágoo nese idioma, que utilizo acotío. En Francia intento recuperar o meu enferruxado francés nas miñas charlas, porque son tan chauvinistas que gañas xa o auditorio só con intentalo. En Brasil e Portugal emprego o galego con algunha palabra de cortesía en portugués e en Italia sempre lles pregunto antes da conferencia se queren que lles fale en inglés ou no meu itañolo e, como teñen tantas dificultades co inglés coma nós, sempre me responden que en itañolo, que é unha mestura que comeza sendo un 70 % italiano e acaba sendo unha mestura a partes iguais de galego, castelán e italiano que lles fai moita graza e non teñen problemas para entender. Seguir lendo