Arquivo por etiquetas: Rosa Salgueiro

Ás voltas co texto argumentativo

Para traballarmos o texto argumentativo (tamén en presentación de Loli Cid) hai multitude de propostas e materiais que podemos levar ás aulas: dende as clásicas valoracións das lecturas até a organización de debates ben planificados e pautados pasando pola elaboración de anuncios publicitarios.

O traballo coa tipoloxía textual pódese enfrontar dende variadas perspectivas mais sempre orientándose cara á práctica, e así temos interesantes recursos:

Identificar vantaxes e inconvenientes en relación a un tema, elaborar unha valoración completa e persoal dunha lectura ou comentar unha película máis alá dos típicos “gustoume/non me gustou” non é nada fácil máis alá do alumnado que tamén mostra bos resultados noutras facetas académicas.

No colexio andamos niso e nestas semanas atrás botamos man dunha curtametraxe e unha reportaxe (“Matar por diversión”, de Diego Bagnera) que dan moito xogo para traballar nas aulas de Titoría, Alternativa ou Lingua Galega, aínda que o fixemos a dous niveis diferentes (2º ESO e 4º ESO) e tan só como primeiro un primeiro chanzo no proceso. A idea é seguir turrando deste tema, o da violencia gratuíta (máis próxima do que pensamos: un e dous), para rematar propoñendo un debate máis traballado nas aulas.

Advertisements

Análise de distintas ferramentas de creación de contidos educativos na rede

Durante a segunda quincena de novembro desenvolveuse no Centro Autonómico de Formación e Innovación da Consellaría de Educación o curso “Competencia comunicativa e dixital nas áreas de Lingua”, dirixido ao profesorado de lingua galega e castelá co obxectivo de reflexionar sobre a integración das TIC no desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística nas aulas de linguas a partir do coñecemento dalgunhas experiencias, dunha boa escolma de boas prácticas, de secuencias didácticas de traballo co alumnado e de  determinadas ferramentas. Foi unha mágoa non asistir como alumno aos relatorios de compañeiros e compañeiras aos que sigo como Rosa Salgueiro, Luciano Fernández ou Loly Lago, alma mater do imprescindíbel O Segrel do Penedo, mais a través da Aula Virtual do CAFI podemos acceder aos seus materiais.

Pola parte que me toca tentei formular unha primeira reflexión e posta en común sobre algunhas implicacións metodolóxicas que debemos ter en conta ao integrar as TIC na nosa práctica profesional, cando menos como visión persoal e, polo tanto, parcial, non madurada teoricamente e resultado da vontade máis que da experiencia.

A seguir, durantes as dúas sesións do 18 e 21 de novembro, fixen un repaso por un abano de actividades de aula elaboradas con diferentes ferramentas da web 2.0 (wiki, Timerime, Mindomo, Glogster, Prezi, GoAnimate!, Toondoo, Showbeyond, VúVox, MapVivo e podcast) contextualizándoas na nosa área para comprobar se responden ao traballo das destrezas lingüísticas e microcompetencias máis directamente presentes na nosa materia. Para iso, establecín unha clasificación textual que contempla textos para aprender, textos para se expresar e textos para se comunicar tendo en conta o produto final e a súa intencionalidade comunicativa, malia que esas aplicacións citadas poden empregarse para obter textos moi diferentes.

Para acceder a esta presentación multimedia elaborada con Prezi, hai que premer na imaxe, xa que WordPress non permite embebela, nin sequera a través de VodPod como se facía antes.

Destacaría por riba de todo o catálogo de traballos que recollo na presentación, mentres que para coñecer un itinerario sistemático de relevancia didáctica recoméndovos vivamente esta entrada, e as súas bifurcacións, do blogue Remexer na Lingua.

E con este artigo cumprimos hoxe catro anos de vida deste Caderno de Lingua.

Guía de lectura de ‘Makinaria’, de Carlos Negro

Andabamos a voltas coa presentación no noso centro do poemario Makinaria, de Carlos Negro, e velaí que Rosa Salgueiro vén de poñer nas nosas mans unha estupenda e moi completa guía de lectura, que contou coa colaboración do sempre accésibel e xeneroso autor.

A proposta foi elaborada en formato LIM e presenta dúas versións diferenciadas segundo o nivel de lectura e o tempo do que se teña para traballar o libro: Gozar da paisaxe (versión completa de 40 actividades) e  Ir polo atallo (versión reducida de 30 actividade). Se a Rosa, a quen felicitamos xa de antemán por este novo recurso que pon á nosa disposición, non lle importa, o alumnado de 3º da ESO do IES de Porto do Son pode ser o primeiro en testar esta súa guía de lectura.

E quen mellor que estes rapazas e rapazas para presentarvos o poeta e amosarvos apenas unhas pinceladas  da posta en escena de Carlos Negro ante os seus lectores máis novos. Sucedeu hai uns días e alí estaban as xentes de Vinte Dez TV, a televisión en liña do noso instituto. Escoitamos poemas, lemos poemas, sentimos poemas. Despois armamos unha entrevista.

Vodpod videos no longer available.

more about “Makinaria, de Carlos Negro“, posted with vodpod

Para traballar as lecturas

Vodpod videos no longer available.

more about “Lecturas 2“, posted with vodpod

Poñémonos ao día con recursos para traballar a lectura que foron dispostos na rede por compañeiros e compañeiras, aos que xa recorramos para outros títulos literarios aquí e aquí. Desta volta, clasificámolos segundo a súa diferente natureza:

Unidades Didácticas

Pilar Ponte achéganos unha unidade didáctica para traballar A cova das vacas mortas, de Santiago Jaureguizar, que podedes atopar no seu blogue, A Profa, que recomendamos vivamente. No Espazo Didáctico da web da AELG Concha Blanco pon á nosa disposición a unidade didáctica de Gatos e leóns, de Neira Cruz.

Cuestionarios

Dende o blogue de Caladiños, o amigo Heladio Anxo Fdez. Manso achégalle ao seu alumnado o cuestionario de Enderezo descoñecido, a novela curta de Kressman Taylor que xa é unha referencia habitual nos clubes de lectura e nas aulas de Lingua Galega e Ciencias Sociais.

Guías de lectura

N’A Revolta da Freixa, un blogue no que a literatura ocupa un lugar fundamental, atopamos un bo número de guías de lectura, compostas por reseñas, notas das editoriais, recensións cinematográficas se as houber, referencias biográficas dos autores, etc. dos seguintes títulos:

Guía d’A pista de area, de Andrea Camilleri.

Guía d’A noite d’O risón, de Gonzalo Moure.

Guía d’A vida interior de Martin Frost, de Paul Auster.

Guía de Cardume, de Rexina Vega.

Guía un, dous, tres e catro d’O muiñeiro ouveador, de Arto Passilinna.

Guía de Sarou, de Ramón Caride.

Guía d’O O frío azul, de Ramón Caride.

Aproximacións globais á obra

Ollos de auga, de Domingo Villar, no blogue Revolta da Freixa.

O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz, no blogue Revolta da Freixa.

Onde o aire non era brisa, de María Victoria Moreno, no blogue Revolta da Freixa.

A pomba e o degolado, de Fina Casalderrey, no blogue Revolta da Freixa.

Poetízate, de Fran Alonso.

  • Guía de traballo, no blogue de aula Galnarciso, do IES San Narciso de Marín.
  • Guía de traballo, na páxina do Departamento de Lingua Galega do IES Leiras Pulpeiro de Lugo.
  • Guía de Traballo elaborada por Carlos Negro, do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro.
  • Guía de Traballo elaboarda por Rosa Salgueiro, do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.

Para rematar, non quixeramos despedir este post sen recomendar no ámbito da  promoción da lectura a sección “Noticias de literatura”, que neste momento acada a entrega nº 73 n’A Revolta da Freixa, unha auténtica  fonte de información da actualidade literaria galega, ademais do indispensábel e incansábel Trafegando Ronseis.

Na punta da lingua

Recibín hoxe unha boa nova na caixa dos correos, a “posta en rede” da web persoal de Rosa Salgueiro, profesora de LGL no IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. Na punta da lingua é unha nova ferramenta artellada en torno a un proxecto de expresión escrita que se completa con outros materiais de literatura e lingua de elaboración propia. Baixo epígrafes tan atractivos como “Hortografía. O cultivo das palabras: un negocio con futuro”, Rosa promete ir facendo deste espazo un depósito de materiais disposto para todo aquel/a que os quixer empregar e manipular… á vez que se brinda para recoller todos os contributos doutras páxinas e mans amigas.

O que é meu é teu

O espírito dos dous C, Creative Commons, segue a marcar na actualidade o traballo de moitos/as educadores/as empeñados/as en facer da necesidade unha virtude. “Copiar, distribuír e comunicar publicamente” está no afán de moitas iniciativas semellantes que -sen querelo e sen buscalo- están a superar as carencias das autoridades educativas galegas.

Como lembra o Seminario Permanente do IES A sangriña (A Guarda) -autores desta marabilla-:

Debería haber un sistema de difusión dos recursos que se elaboran, tanto nos seminarios permanentes como nos grupos de traballo, eficiente que permitira que traballos como o noso tiveran a difusión que merecen. A Xunta e os Centros de Formación de Profesorado deberían ter grupos estables de traballo dedicados á elaboración de contidos en galego coa liberación horaria suficiente para garantir a eficiencia dos grupos.

E Remexer na lingua súmase a estas reflexións cun feixe de preguntas retóricas:

Os resultados da conxugación de dinamización e TIC (ou mellor, da dinamización co emprego das TIC) soen ser moi atractivos e mesmo sorprendentes, nalgúns casos admirábeis. É evidente a necesidade de estender este modelo ao conxunto da comunidade educativa (centros, ENDL, didácticas específicas…), mais, que plans, coberturas e asesoramentos hai ao respecto? O encomiábel voluntarismo por parte do profesorado é quen está a poñer a educación galega ao día neste aspecto (…). A iniciativa innovadora dos docentes é imprescindíbel tamén, mais nin é suficiente nin debera chegar ao sobreesforzo. Por parte da Consellaría, abonda con (…) webs dinámicas (pdf) nuns poucos centros, convocatoria de premios e cursos de formación? Non cumprirían espazos de divulgación e plataformas coma esas de Educastur? Ademais dunha dotación decente en todos os centros, formación colaborativa en horario lectivo e asesorías non atadas á burocracia, claro.

Abonda por hoxe que estamos de celebración… parabéns Rosa!