Arquivo por etiquetas: Roberto Vidal Bolaño

Maio, mes da lingua

Chega o mes das maio, o mes da lingua, un tempo de celebración e de traballo arreo en torno ás letras galegas e do idioma. No ensino, na república das letras e nas rúas, e ademais este ano con moita vida enriba dos escenarios para revivirmos o espírito Vidal Bolaño, unha voz de plena actualidade que non ficaría calada ante a actual situación de extrema urxencia social e cultural.

Mais é tempo de festexar, non de se laiar, tampouco da autocompracencia, porque a cultura galega, pese a todos os atrancos, ou precisamente debido a eles, vive “días de gloria” creativa, de modernidade, de imaxinación e dinamismo. Por iso, reproduzo este texto que pecha o nº 7 de Ollos de aula, a revista da CGENDL para as familias do alumnado, que expresa esta actitude moito mellor ca min.

Días de gloria

O vindeiro 17 de maio imos celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano á figura do dramaturgo compostelán Roberto Vidal Bolaño; mais desde a CGENDL non pretendemos que esta conmemoración resulte unha especie de rito oficial no que participan unicamente algúns ilustres intelectuais, senón que nos gustaría que fose unha festa colectiva na que poden participar activamente as familias do noso alumnado.

Que podemos facer todos nós arredor das Letras Galegas? En primeiro lugar, ser conscientes de que podemos estar orgullosos de contarmos cunha cultura propia, moderna e contemporánea, e que se pode converter (a pouco que lle concedamos un mínimo apoio) nun dos sectores económicos máis puxantes do país. Porque a cultura galega ofrece traballo a moitos profesionais relacionados coa industria da edición e da comunicación, das artes plásticas e musicais, do cine e do teatro, da banda deseñada e o deseño gráfico. Xente, case toda ela, chea de talento e iniciativa.

Por iso, animámosvos a que, neste mes das Letras Galegas, fagades unha aposta en positivo pola lingua e a literatura de Galicia; as opcións que se nos ofrecen resultan, desde logo, múltiples e variadas: desde a posta en escena das obras de Roberto Vidal Bolaño, pasando pola celebración das Feiras do Libro ou a lembranza de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, obra que cumpre 150 anos da súa primeira edición. E, sobre todo, aproveitemos esta ocasión para visitarmos unha libraría e agasallar as persoas queridas cun libro na nosa lingua. Esa será, dende logo, a maior mostra de gloria destes días.

Recursos didácticos para o Ano Roberto Vidal Bolaño na páxina da CGENDL

Un ano máis, e xa van catro, a Coordinadora Galega de ENDL compila materiais e recursos didácticos sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas nun web monográfico, desta volta cunhas 100 referencias de partida. Libros interactivos dixitais, cazas do tesouro, xogos interactivos, varias exposicións, cadernos didácticos sobre obras teatrais, experiencias nos centros, bibliografía de e sobre o dramaturgo, etc. e o que chegue a correo@coordinadoraendl.org, xa que a páxina se atopa en actualización constante.

páxina_letras_CGENDL

Convoquemos o espírito Vidal Bolaño

roberto vidal bolañoSe na Ultranoite do Aquí dos Chévere se convoca o espírito de Roberto Vidal Bolaño sen necesidade de botar man da ouija, abonda co sombreiro e o nariz vermello de pallaso, agora é o incombustible Paco Nogueiras Nodar o que nos convida a deixarnos tomar polo “Espírito Vidal Bolaño”. Xa tiñamos os seus textos, e mais a careta, o chapeu e o nariz do xigante de Vista Alegre; agora temos tamén o son.

Cuestionario Roberto Vidal Bolaño

Son moi numerosos xa os recursos e os traballos que os docentes, os equipos de bibliotecas e de normalización lingüística, o alumnado, etc. están realizando ao redor da figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño. Ás veces os camiños entrecrúzanse e o que se fixo nun centro remata en mans doutro/a profesor/a que tira del un chisco máis para lle tirar proveito nas súas aulas.

Iso foi o que fixo Loli Cid (do mesmo modo que con Valentín Paz Andrade no curso pasado) cos traballos audiovisuais elaborados por Luís Aldegunde e o seu alumnado  do CPI Os Dices de Rois.

Descargar o cuestionario (pdf / word)

Telexornal Vidal Bolaño e documental sobre a súa obra

homenaxe a Roberto Vidal Bolaño

Un ano máis, o amigo Luís Aldegunde e o seu alumnado do CPI Os Dices de Rois son fieis á cita das Letras Galegas (Lois Pereiro un , dous e tresValentín Paz Andrade, e antes Novoneyra, Ramón Piñeiro…) e achegannos un dos materiais didácticos máis valiosos para aproximarse nas aulas a Roberto Vidal Bolaño de cara ao 17 de maio. No primeiro dos traballos audiovisuais repiten a fórmula do telexornal que tan ben funcionou no curso pasado e que supón un extraordinario modelo de formación documental e comunicativa asentado nas novas tecnoloxías e os medios. E que podemos dicir da canteira de Rois? Comprobade vós mesmos o seu bo facer.

O segundo traballo é un documental sobre a obra do dramaturgo compostelán elaborado sobre as intervencións de Miguel de Lira, Xabier Ron, Xosé Manuel Fernández Castro, Laura Ponte, Eduardo Alonso, Xulio Lago, Avelino González, Ernesto Chao, Rodrigo Roel, Roi Vidal Ponte, Belén Quintáns e Paco Macías.