Linguas e acentos

Co firme propósito de retomar a publicación de entradas e de traer aquí recursos e materiais propios e alleos, volto ao Caderno de Lingua cun artigo do profesor Ángel Carracedo (La Voz de Galicia, 25-X-2015)  que pode ser de utilidade para tratar as interferencias lingüísticas, o fenómeno das linguas en contacto e, se cadra o máis urxente, os prexuízos lingüísticos e a autoestima lingüística. Se algún lector ou lectora deseña unha actividade a partir deste texto, xa sabe onde a pode partillar. 😉

Viñeta de Pinto

Unha das cousas que máis me divirten nas reunións internacionais onde están representados moitos países é pescudar polo acento de que país son os que falan e isto, en xeral, é fácil en Europa. Italianos, gregos, alemáns, franceses, noruegueses, portugueses ou de calquera país, todos levan no acento un sinal de identidade que, por moi perfecto que for o seu inglés, delata a súa orixe sen problema. En países con diferenzas rexionais importantes como o Reino Unido, igual que aquí cando o que fala é español, con dúas palabras que diga sabemos se é vasco, galego, catalán, andaluz ou canario, se coñeces ben o país do orador, ata podes pescudar de onde é exactamente. Na maioría dos países hai máis linguas e acentos do que pensamos e a min esta diversidade lingüística e fonética encántame, e creo que é un valor cultural que debemos preservar custe o que custe.

Aquí, como tantos de nós, emprego indistintamente as miñas linguas paterna e materna, o galego e o castelán, e as miñas charlas divulgativas en Galicia sempre as dou en galego, como é natural. No resto de España falo en castelán e na maior parte das reunións e conferencias emprego o inglés, que é a lingua da ciencia. Por iso practicamente todo o que escribo fágoo nese idioma, que utilizo acotío. En Francia intento recuperar o meu enferruxado francés nas miñas charlas, porque son tan chauvinistas que gañas xa o auditorio só con intentalo. En Brasil e Portugal emprego o galego con algunha palabra de cortesía en portugués e en Italia sempre lles pregunto antes da conferencia se queren que lles fale en inglés ou no meu itañolo e, como teñen tantas dificultades co inglés coma nós, sempre me responden que en itañolo, que é unha mestura que comeza sendo un 70 % italiano e acaba sendo unha mestura a partes iguais de galego, castelán e italiano que lles fai moita graza e non teñen problemas para entender. Pero todas estas linguas as falo co único acento que teño, que é o galego, e envexo o meu amigo Xavier Alcalá, quen, ademais de falar varios idiomas, imita calquera acento, e o meu fillo Guille cando fala portugués ou a miña filla Mar, que pode imitar ata o acento australiano cando fala inglés.

Mesturar tantas linguas leva inevitablemente a malentendidos. Xa de nenos desconcertabamos na casa á miña nai, vallisoletana, cando ao rematar de xantar diciamos «que ben comín!», e ela preguntábanos invariablemente cando, xa que deberiamos dicir «que ben comín!». Sempre lembro cando de cativo en Castela fun buscar leite á tenda que non era e como, claro, non a tiñan, preguntei «e logo?». E a resposta do empregado, «logo, tampouco», pareceume moi maleducada, porque mentres para nós «e logo?» é «e por que?», para eles é «e despois?».

E é que hai tamén palabras con significados contraditorios noutros idiomas que xa me poderían explicar os lingüistas por que evolucionaron de modo tan distinto. Así, como os galegos en xeral sabemos, se te convidan a comer en Portugal ou Brasil non podes dicir que a comida é «exquisita» porque alí iso significa «malo e raro» e pódense ofender; en cambio, se dis «espantoso», quedas de marabilla, porque significa «xenial». En moitos países de Latinoamérica xa non sei como substituír a palabra «coger», e inevitablemente «cojo» autobuses, bolígrafos, persoas e gripes, e esmendréllanse de risa con algunhas das cousas que somos quen de coller.

Pero onde máis vergoña pasei, e aínda me poño rubio ao lembralo, foi hai xa anos cunha amiga inglesa que nos veu visitar e coa que me puxen a xogar ao tenis de mesa. Para animala, quería dicirlle que o seu revés era moi bo, mais co meu inglés autodidacta utilizaba a palabra “backside” (cu) no canto de “backhand”, e non paraba de dicirlle que o seu “backside” era de alucine, que o tiña perfecto e que nunca vira nada mellor. Máis tarde, entre risos, confesábame que ao principio pensou que os españois eramos así de ligóns, pero que, como insistía tanto, estivo a piques de saír correndo pensando que era un violador en potencia ou algo así.

Non podo acabar sen lembrar a miña amiga Leonor, unha investigadora portuguesa moi brillante coa que compartín unhas charlas en Brasil. O portugués que falan en Portugal é foneticamente moi complexo, mais o de Brasil é moito máis sinxelo, semellante ao galego. Como Leonor ten un acento lisboeta moi pechado, en Brasil algúns a entendían moi mal e pensaban que ela era a galega e eu, o portugués, o que a anoxaba moito. O máximo foi no aeroporto, volvendo os dous, cando falando un co outro, ela en portugués e eu en galego, a empregada que nos atendía díxonos en perfecto inglés: «Síntoo, tiñan asentos de urxencia, pero téñolles que sentalos atrás porque aí só poden ir os pasaxeiros cuxa lingua materna sexa o portugués». Ela non dixo unha palabra, colleu os cartóns de embarque e despois soltoume toda «chateada»: «Estes brasileiros ate não sabem que o português vem de Portugal».

2 respostas a “Linguas e acentos

  1. Parabéns pola volta, supoño que os días son curtos para tantas actividades, e pola escolla do texto.

  2. Comparto na nova sección de materiais alleos de A profa.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s