Arquivo por etiquetas: Letras Galegas

Case todo Xosé María Díaz Castro nun clic

A Coordinadora Galega de ENDL lanza a páxina monográfica de recursos didácticos sobre as Letras Galegas e a figura de Xosé María Díaz Castro. Con este especial, xa van cinco anos compilando materiais para a comunidade educativa e todas as persoas interesadas na efeméride.

De entro todos os recursos, destacaría o proxecto A lus do mundo que se desenvolve no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz por interdisciplinar, ambicioso , pola súa vontade socializadora e, por suposto, polo marabilloso resultado de todo o que están a facer.

Letras Galegas 2014

Telexornal Díaz Castro e outros materiais audiovisuais do CPI Os Dices de Rois

O pasado xoves 10 de abril máis de 30 centros puideron seguir ao vivo o Telexornal Díaz Castro que coordinou o profesor Luís Aldegunde dende o CPI Os Dices de Rois. Se xa no curso pasado o alumnado que participou no Telexornal Roberto Vidal Bolaño estivera magnífico, que podemos dicir da emisión deste ano no que, ademais do seu bo facer antes as cámaras, deron un salto cualitativo no aspecto técnico? Parabéns, pois, para todos eles, alumnos/as, profesores/as e colaboradores/as, en especial para Luís.

Desta volta emitiron dende a Cidade da Cultura e fixeron “conexións” coa sede da Academia Galega, para falar co seu presidente Xesús Alonso Montero, ou co Seminario de Mondoñedo e a Libraría Couceiro de Santiago de Compostela. Participan tamén o académico Darío Xohán Cabana;  Alfonso Blanco Torrado, presidente da A. C.  Xermolos de Guitiriz; Luís G. Tosar, presidente do Pen Clube Galicia; o crítico Armando Requeixo; Mini e Mero, da Quenlla; o relixioso Xaquín Campo Freire; a escritora e a xornalista Rosa Aneiros; e a profesora e cineasta Margarida Ledo Andión.

Así mesmo, parte das entrevistas foron aproveitadas para montar o seguinte documental, A beleza feriume para sempre. A obra de Xosé María Díaz CastroNel inclúense entrevistas con Alonso Montero, Alfonso Blanco, Armando Requeixo, Darío Xohán Cabana, Xaquín Campo Freire, Margarita Ledo Andión, Rosa Aneiros, Mero Iglesias e Mini.


Por último, Darío Xohán Cabana, Alfonso Blanco, Mero Iglesias, Mini, Margarita Ledo Andión e Xaquín Campo Freire recitan cadanseu poema de Nimbos en 7 poemas de Díaz Castro.

Telexornal Díaz Castro ao vivo

Telexornal Díaz Castro

Puntuais (coma sempre) á cita anual das Letras Galegas, Luís Aldegunde e o EDLG do CPI Os Dices volven coas súas entregas audiovisuais sobre o autor homenaxeado o 17 de maio.

Desta volta van un pouco máis alá e dan un paso tan ambicioso como arriscado tecnicamente: emitir en directo un Telexornal Díaz Castro. O evento terá lugar o vindeiro xoves 10 de abril ás 12:30 e a súa duración será duns 25 minutos. Ademais do telexornal, que logo colgarán na rede, anuncian tamén a elaboración e difusión du documental divulgativo. Ao rematar o telexornal, pemitirase o traballo “7  poemas de Díaz Castro” (6 min.).

Para asistir  a esta emisión en directo, soamente hai que seguir as seguintes instrucións:

  • Entrar na Aula Virtual do CPI dos Dices como convidado.
  • Ás 12:30 seleccionar o curso Emisión en directo do Telexornal Díaz Castro.
  • Darlle ao play do reprodutor.
Por último, cómpre sinalar que o alumnado poderá opinar e comentar o telexornal a través da conta @TelexornalRois de Twitter.
Unha vez máis, e con antelación por atreverse con semellante reto, moitos parabéns a Luís e a toda as persoas colaboradoras do CPI Os Dices.
Engádega (09/04/2014): Rois dedica un telexornal en directo ás Letras Galegas (La Voz de Galicia, 09/04/2014).

Telexornal Vidal Bolaño e documental sobre a súa obra

homenaxe a Roberto Vidal Bolaño

Un ano máis, o amigo Luís Aldegunde e o seu alumnado do CPI Os Dices de Rois son fieis á cita das Letras Galegas (Lois Pereiro un , dous e tresValentín Paz Andrade, e antes Novoneyra, Ramón Piñeiro…) e achegannos un dos materiais didácticos máis valiosos para aproximarse nas aulas a Roberto Vidal Bolaño de cara ao 17 de maio. No primeiro dos traballos audiovisuais repiten a fórmula do telexornal que tan ben funcionou no curso pasado e que supón un extraordinario modelo de formación documental e comunicativa asentado nas novas tecnoloxías e os medios. E que podemos dicir da canteira de Rois? Comprobade vós mesmos o seu bo facer.

O segundo traballo é un documental sobre a obra do dramaturgo compostelán elaborado sobre as intervencións de Miguel de Lira, Xabier Ron, Xosé Manuel Fernández Castro, Laura Ponte, Eduardo Alonso, Xulio Lago, Avelino González, Ernesto Chao, Rodrigo Roel, Roi Vidal Ponte, Belén Quintáns e Paco Macías.

Telexornal Valentín Vaz Andrade e aínda máis

Non podían faltar á cita anual das Letras Galegas os compañeiros Luís Aldegunde (CPI Os Dices de Rois) e Sara Paz (CPI de San Vicente da Baña) coa súa contribución audiovisual á divulgación do autor homenaxeado. Desta volta agásallannos con tres traballos sobre Valentín Paz Andrade que, repetindo a estrutura de anteriores entregas, como as que realizaron para Uxío Novoneyra e Lois Pereiro, inclúen este ano unha proposta orixinal, fresca, dinámica e de moi boa factura, un Telexornal Paz Andrade, que conta coa participación de escolares da ESO que o bordan nos seus papeis de presentadora e correspondentes.

O documental Compromiso con Galicia e e o vídeo divulgativo Paz Andrade, supervivente, que contan coa participación de Afonso Paz-Andrade Rodríguez, Tucho Calvo e Camilo Nogueira, completan este ciclo audiovisual de máis de 40 minutos de duración.

Parabéns -unha vez máis- aos autores.

Engádega 26-04-2012

Loli Cid Cid publicou no seu blogue dous cuestionarios de verdadeiro e falso sobre os traballos Compromiso con Galicia e Telexornal Paz Andrade. Estes son o tipo de traballos que crean comunidade na rede. Moitas grazas!

Lois Pereiro, percorrido multimedia

Vodpod videos no longer available.

A través do blogue da biblioteca do IES Concepción Arenal de Ferrol damos cunha presentación audiovisual de Elvira Roiz que aborda a traxectoria vital e literaria de Lois Pereiro en catro etapas. Destacaría a acertada selección de textos de -e sobre- o poeta monfortino e a coidadosa composición gráfica e musical deste traballo. Tras dedicar a primeira entrega, a que aquí reproducimos (capturada con VodPod dende Slideboom), á valoración da dedicatoria das Letras Galegas 2011 a Lois Pereiro, a presentación constrúese en torno aos seguintes catro momentos:

  1. Monforte. Infancia e adolescencia
  2. Madrid. Do entusiasmo á traxedia
  3. A Coruña. As luces e as sombras
  4. Resurreción e morte

Recursos didácticos para se achegar a Lois Pereiro

A Coordinadora Galega de ENDL presentou un monográfico especial dedicado á figura e á obra literaria de Lois Pereiro, que inclúe unha serie de materiais de utilidade para as aulas e os centros de ensino no ano que se lle dedica o Día das Letras Galegas ao autor de Monforte. Máis alá da información bibliográfica e das ligazóns de interese para coñecer máis polo miúdo a traxectoria de Pereiro, destacaría os apartados que albergan os recursos didácticos e actividades en liña, orientados grande parte deles á Educación Primaria, así como a Fonoteca e a Videoteca, que conteñen algunhas alfaias como o recital de Lois Pereiro no Pub Moka da Coruña en 1996, a entrevista que lle realiza en xaneiro dese mesmo ano Ana Romaní para o Diario Cultural da RG ou os vídeos didácticos elaborados por Luís Aldegunde e Sara Paz e que xa reseñamos anteriormente aquí. Por último, a sección Actividades nos centros recolle algunhas (escasas de momento) propostas de docentes ou feitas dende os Equipos de Normalizacións para achegármonos dun xeito diferente ao poeta e que complementan os obradoiros e actuacións que diferentes artistas, asociacións ou empresas ofrecen para levar aos centros.

O bucle de Lois Pereiro, por Antón Lopo

Sara Paz e Luís Aldegunde ofrecen un novo traballo para nos aproximar a Lois Pereiro, desta volta a través da análise de Antón Lopo, que xunto co documental didáctico “As armas da paixón” e as outras tres achegas audiovisuais que xa reseñamos aquí (un e dous) conforman o Especial Lois Pereiro que abriron na rede estes compañeiros.