Arquivo da categoría: Varia

Nova entrega de Flocos de Millo: “Os vellos non deben de namorarse”

Chega a segunda entrega das reseñas audiovisuais da booktuber Flocos de Millo, Os vellos non deben de namorarse, unha obra que a nosa alumna viu no curso pasado en versión para títeres de Fantoches Baj. Agradecémoslle a Iria este contributo ao Ano Castelao, que remata este mes coa gala que terá lugar o vindeiro 18 de decembro en Pontevedra.

Floco de Millo: ela é booktuber

Recén saída do forno, e aínda co arrecendo tenro do pan fresco, chega a primeira recensión en vídeo dunha novela da nosa Floco de Millo, Iria Vázquez (4º ESO B), que se estrea como booktuber na súa canle de Youtube con Agosto do 36.

O mérito é seu, que entre diferentes posibilidades que lles dei -apenas comentada moi por riba cun exemplo: Made in Galiza, por Sebas G. Mouret- para se saír do tradicional traballo escrito sobre unha lectura de clase escolleu esta. Hai outra reseña do curso pasado sobre Unha estrela no vento, de Nico (Nicolás Porto), mais ten que pasar polo taller de edición. Moitos parabéns a ambos por se saíren do rego e ter iniciativa para probar novas fórmulas!

O fenómeno dos booktubers procede do mundo anglosaxón pero chegou con forza ao ámbito hispánico a través dos países sudamericanos, como soe pasar con moitas  tendencias deste tipo. Neste artigo de Ramón Nicolás no seu Caderno da Crítica e nestas aproximacións da prensa (unha e dúas), hai exemplos dabondo para se mergullar no fenómeno Booktuber. Algo máis:

Haberá que explorar máis en serio esta ferramenta como canle de difusión da literatura no ensino e como recurso para estimular a comunicación e a creatividade na materia de Lingua.

Baladas da Galiza imaxinaria

Como modesta homenaxe a Fran Pérez, Narf, que nos deixou hoxe, e que arestora andará imaxinando Galiza neses mundos e músicas que procurou máis ao sul.

Fermosa tamén a animación de Carlos Lago (“O Terser Home”) que ilustra este diálogo de Narf e Uxía con Castelao.

Sempre en Galiza (Castelao/Narf)

I eu cavilo na sombra fresca das carballeiras de Lalín,
nos piñeiraes da Beiramar de Noia,
nos arumes mariñeiros de Bueu,
no cumio de Monte Louro,
na frescura do meu mar de Rianxo,
na fonte cantareira da Estrada,
nos salseiros de Corrubedo,
no ar puro de Curtis,
na paz vizosa do Lérez.
(e síntome fortalecido)

Galician Lullaby (Narf)

Summer wind, you send my soul to my homeland
Take my sorrow, and i’ll sing a gentle lullaby.
Son galego da Arxentina, galego da Alemania
Galego de Cuba, da Suíza, da Holanda, do Canadá
Galego na Galiza imaxinaria..
Son galego de Caracas, galego de Santiago
Galego de Roma, de Lima, do Cairo, de Bogotá
Galego na Galiza imaxinaria…
Non fago máis que atopar xente distinta
Ca mesma teima ca min
Non fago máis que ouvir outras voces
Que son a mesma voz
Vento do verán, traesme saudades da casa
Leva a miña pena e cantareiche unha nana…

Cos mellores desexos para o novo ano!

Deseño de Dolores Fernández López, mestra do CRA de Bergondo e autora dun blogue ben interesante. Tamén recomendo botarlle unha ollada ao monográfico especial de recursos Nadal 2015, da CGENDL, que foi actualizado cun bo feixe de entradas relativas a campañas, materiais didácticos, agasallos, etc.

Maio, mes da lingua

Chega o mes das maio, o mes da lingua, un tempo de celebración e de traballo arreo en torno ás letras galegas e do idioma. No ensino, na república das letras e nas rúas, e ademais este ano con moita vida enriba dos escenarios para revivirmos o espírito Vidal Bolaño, unha voz de plena actualidade que non ficaría calada ante a actual situación de extrema urxencia social e cultural.

Mais é tempo de festexar, non de se laiar, tampouco da autocompracencia, porque a cultura galega, pese a todos os atrancos, ou precisamente debido a eles, vive “días de gloria” creativa, de modernidade, de imaxinación e dinamismo. Por iso, reproduzo este texto que pecha o nº 7 de Ollos de aula, a revista da CGENDL para as familias do alumnado, que expresa esta actitude moito mellor ca min.

Días de gloria

O vindeiro 17 de maio imos celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano á figura do dramaturgo compostelán Roberto Vidal Bolaño; mais desde a CGENDL non pretendemos que esta conmemoración resulte unha especie de rito oficial no que participan unicamente algúns ilustres intelectuais, senón que nos gustaría que fose unha festa colectiva na que poden participar activamente as familias do noso alumnado.

Que podemos facer todos nós arredor das Letras Galegas? En primeiro lugar, ser conscientes de que podemos estar orgullosos de contarmos cunha cultura propia, moderna e contemporánea, e que se pode converter (a pouco que lle concedamos un mínimo apoio) nun dos sectores económicos máis puxantes do país. Porque a cultura galega ofrece traballo a moitos profesionais relacionados coa industria da edición e da comunicación, das artes plásticas e musicais, do cine e do teatro, da banda deseñada e o deseño gráfico. Xente, case toda ela, chea de talento e iniciativa.

Por iso, animámosvos a que, neste mes das Letras Galegas, fagades unha aposta en positivo pola lingua e a literatura de Galicia; as opcións que se nos ofrecen resultan, desde logo, múltiples e variadas: desde a posta en escena das obras de Roberto Vidal Bolaño, pasando pola celebración das Feiras do Libro ou a lembranza de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, obra que cumpre 150 anos da súa primeira edición. E, sobre todo, aproveitemos esta ocasión para visitarmos unha libraría e agasallar as persoas queridas cun libro na nosa lingua. Esa será, dende logo, a maior mostra de gloria destes días.

Porque me sae do galego

Por se alguén tiña dúbidas, así de clara e contundente chega a mensaxe dende o Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, a ritmo de hip hop nas rimas rapeadas de Gamy e a realización de Natasha Lelenco.

De imposicións, liberdade e aprendizaxe de linguas

O número 6 de Ollos de aula, a revista para as familias do alumnado que edita a CGENDL, inclúe -como vén sendo xa costume grazas ao bo facer dos/as colaboradores/as e da persoa que a coordina-  uns artigos ben interesantes e útiles. Nesta ocasión, Agustín Fernández Paz reflexiona sobre a importancia que debe ter a lectura na formación do alumnado e como se debe apostar por ela no seo das familias e no ensino; o psicólogo Alberto Casqueiro dá unha serie de pautas a ter en conta para enriquecer a comunicación de pais/nais e fillos/as; Lines Salgado informa sobre os Programas de Cualificación Profesional e Inicial (PCPI); e Gracia Santorum, coma sempre, achéganos as súas interesantes proposta de lectura, música e ocio.

Quería, especialmente, aconsellar a lectura da sección “De lingua”, porque é preciso unha vez máis reflexionar sobre o obvio e aclarar que supón estender o uso do galego como lingua vehicular do ensino para acadar a competencia comunicativa -tamén en galego, a lingua minorizada- que establece a lexislación nun marco de cooficialidade. Cando se prostitúe a linguaxe e fermosas palabras como “liberdade” se asocian ao discurso da falsa imposición (que non cesa: un e dous) a pesar das sentenzas dos órganos competentes, faise novamente necesario, sobre todo porque o mal xa foi feito (un de tantos) e a imaxe social do idioma, na que afondan or propios medios de comunicación galegos (Encapuchados e con acento galego e Sospeitosos), non fixo máis que empeorar con novos prexuízos.

Falar de aprendizaxes

Falar de aprendizaxe de linguas e de competencia lingüística na nosa terra volveuse complicado, e máis tendo en conta que moitas das palabras que se deben usar nesa conversa deixaron de ter un enfoque pedagóxico e pasárono a ter político. Quizais os dous mellores exemplos sexan os termos liberdade e imposición, que tanto se usaron nos últimos anos en Galicia.

Segundo o dicionario, o termo impoñer quere dicir “obrigar a aceptar ou padecer [algo]”, mentres que liberdade é o “dereito e posibilidade de poder actuar unha persoa segundo os propios criterios e de decidir por ela mesma aquilo que lle atinxe, sen estar sometida ás imposicións doutros”. Confrontar os dous termos a nivel de ensino non ten moito sentido, xa que cando a administración educativa organiza o currículo buscando a promoción da nosa lingua, non está buscando “impoñela”, senón que o alumnado a aprenda, ou sexa, que “adquira o coñecemento de [algo], e chegue a saber por medio do estudo, a práctica, a observación, a experiencia…” e sexa competente ou, o que é o mesmo, desenvolva “capacidade e habilidade para facer ben unha cousa”.

Por iso o Tribunal de Xustiza de Galicia, na súa sentenza sobre o Decreto para o plurilingüismo, lle di á Xunta que non pode abdicar das súas funcións ata o punto de permitir, en aras da “liberdade”, que os pais escollan se queren ou non que os seus fillos e fillas aprendan galego na escola. E non con ánimo de “impoñer”, senón de que se cumpra á Lei de Normalización Lingüística, que se creou precisamente porque a nosa lingua propia precisa de axuda e promoción para poder manter vivo un patrimonio que é símbolo do noso pasado e do noso futuro.

Ás voltas co texto argumentativo

Para traballarmos o texto argumentativo (tamén en presentación de Loli Cid) hai multitude de propostas e materiais que podemos levar ás aulas: dende as clásicas valoracións das lecturas até a organización de debates ben planificados e pautados pasando pola elaboración de anuncios publicitarios.

O traballo coa tipoloxía textual pódese enfrontar dende variadas perspectivas mais sempre orientándose cara á práctica, e así temos interesantes recursos:

Identificar vantaxes e inconvenientes en relación a un tema, elaborar unha valoración completa e persoal dunha lectura ou comentar unha película máis alá dos típicos “gustoume/non me gustou” non é nada fácil máis alá do alumnado que tamén mostra bos resultados noutras facetas académicas.

No colexio andamos niso e nestas semanas atrás botamos man dunha curtametraxe e unha reportaxe (“Matar por diversión”, de Diego Bagnera) que dan moito xogo para traballar nas aulas de Titoría, Alternativa ou Lingua Galega, aínda que o fixemos a dous niveis diferentes (2º ESO e 4º ESO) e tan só como primeiro un primeiro chanzo no proceso. A idea é seguir turrando deste tema, o da violencia gratuíta (máis próxima do que pensamos: un e dous), para rematar propoñendo un debate máis traballado nas aulas.