Arquivo por etiquetas: normalización lingüística

Día Internacional da Lingua Materna: a transmisión interxeracional do galego

lingua materna portal

Ilustración da campaña de defensa do gaélico irlandés Sábháil Ár dTeanga (Salva a nosa lingua). Fonte: Portal das Palabras.

Aínda que non comparto a mensaxe que encabeza o artigo (A derradeira persoa que falou galego: Serás ti? Será alguén a quen coñezas?) nunha efeméride coma esta, por negativa e pouco construtiva -non nego que realista, pero xa estamos cheos de tantos diagnósticos de resultados máis que coñecidos-, paga a pena gardalo para as aulas de sociolingüística. Xaquín Loredo Gutiérrez (Seminario de Sociolingüística da RAG) actualiza cun par de gráficas moi clariñas os últimos datos sobre lingua inicial en Galiza: Lingua materna (Portal das Palabras, 19-02-2016).

En relación a esta cuestión, recomendo a lectura do traballo deste autor publicado n’A letra miúda, a revista de sociolingüística para o ensino da Coordinadora Galega de ENDL: Aproximación á situación sociolingüística en Galicia. A evolución da transmisión lingüística interxeracional do galego (nº 6, ano 2015). Tamén afondan nesta cuestións as palestras e mesas redondas que tiveron lugar no X Curso de Verán Traballando en Lingua 2014. Para a transimisión interxeracional en galego, que organiza a CTNL conxuntamente co SNL da UDC e o Concello de Carballo. Podedes acceder a eles aquí. Hai, ademais de intervencións que afondan directamente nesta temática (de Xaquín Loredo e Valentina Formoso, Brauli Montoya, Paula Ksares, Mariló Candedo…), unha serie de propostas, obradoiros e experiencias prácticas de moito interese. Hai que agardar, no entanto, polas actas dos XVII Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega (15/16-10-2015) e que abordaron tamén os usos lingüísticos na infancia e na mocidade nalgunha das súas sesións.

Como última observación terminolóxica, a CTNL fai unha revisión interesante, e máis orientada á intervención social, do concepto “transmisión lingüística”, para falar da “socialización en galego na infancia”, do que boa mostra é o proxecto Apego. Fica ben explicado nesta entrevista a Nel Vidal (ex-presidente xa da CTNL) no programa Galicia por diante da Radio Galega (19-02-2016).

Presume de Galego

A Coordinadora Galega de ENDL convídanos a partillar esta mensaxe de orgullo lingüístico máis alá do 17 de maio:. O traballo audiovisual é obra do Canal Artes Plásticas, ou o que é o mesmo, do profesor Joseba Plazuelo e o seu alumnado do IES María Soliño de Cangas do Morrazo:

Contamos con vós para que esta mensaxe non se destrúa automaticamente en cinco segundos.

Contamos con vós para instalar no Sistema un virus positivo, coa lingua na boca e un sorriso nos beizos.

Contamos con vós para que a nosa mensaxe salte por todos os medios a todos os medios.

Contamos con vós porque o 17 de maio non é a meta, senón a liña de saída.

Chega o “Exprés”, o boletín de novas da CGENDL

Hai cinco anos xestábase a constitución da CGENDL nunha asemblea de docentes  vinculados aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística que en réxime de autoconvocatoria se reunía un sábado 28 de marzo no Instituto Galego da Información. Dende aquela foron moitas os pasos dados (o primeiro un manifesto en defensa do Decreto 124/2007 e do PXNLG asinado por 581 ENDL e 3498 docentes) e hoxe mesmo, coincidindo con este aniversario, sóbese un chanciño máis, neste caso no ámbito da comunicación externa do colectivo.

Este é o Exprés, o boletín de novas da CGENDL, elaborado, coma sempre, grazas á vontade e ao compromiso dos docentes colaboradores.

exprés

Idioma

Idioma_odavide

Pasan os días e sigo rillando unha e outra vez neste texto do amigo David. Non hai codia ningunha nel, todo é miolo.

Que non falte o humor!

Se a realidade se volta seria e hai xente fea, ñoña, triste e cruel, que a hai e moita, sempre se pode recorrer ao surrealismo. Duns dignos sucesores de Tan gallego como el gazpacho, a versión seria daquel grupo humorístico chamado Tan gallego como el gallego, chega “Por el gallego me corto la polla!”. Máis información na súa canle de Facebook.

En galego…. meu o mundo é!, noso o mundo é!

O Magosto e o Apalpador, o Samaín, o Entroido, o Día da Árbore ou o Día do Libro ou a figura de Roberto Vidal Bolaño. Na canle de Youtube de Paco Nogueiras Nodar comeza a haber un bo repertorio de videoclips musicais orixinais, creativos e divertidos, para levar ás aulas nas diferentes efemerides escolares que imos celebrando ao longo do curso. Ou traballos coma este, que non teñen data sinalada, que valen para os 365 días do ano porque co galego… noso o mundo é! (versión extendida, cómica e teatral aquí),

Recursos didácticos para o Ano Roberto Vidal Bolaño na páxina da CGENDL

Un ano máis, e xa van catro, a Coordinadora Galega de ENDL compila materiais e recursos didácticos sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas nun web monográfico, desta volta cunhas 100 referencias de partida. Libros interactivos dixitais, cazas do tesouro, xogos interactivos, varias exposicións, cadernos didácticos sobre obras teatrais, experiencias nos centros, bibliografía de e sobre o dramaturgo, etc. e o que chegue a correo@coordinadoraendl.org, xa que a páxina se atopa en actualización constante.

páxina_letras_CGENDL

Porque me sae do galego

Por se alguén tiña dúbidas, así de clara e contundente chega a mensaxe dende o Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, a ritmo de hip hop nas rimas rapeadas de Gamy e a realización de Natasha Lelenco.