Chega a segunda entrega das reseñas audiovisuais da booktuber Flocos de Millo, Os vellos non deben de namorarse, unha obra que a nosa alumna viu no curso pasado en versión para títeres de Fantoches Baj. Agradecémoslle a Iria este contributo ao Ano Castelao, que remata este mes coa gala que terá lugar o vindeiro 18 de decembro en Pontevedra.
Arquivo da categoría: Lecturas
Rúbrica para a avaliación de traballos de Lectura (2º Ciclo ESO)
Dende o curso pasado veño empregando esta rúbrica (ese palabro!!!) para os traballos de lectura de 3º e 4º da ESO e pode dicirse que, logo dalgúns retoques iniciais, está razoablemente asentada non só para min senón tamén para o alumnado, que é o máis importante.
Con todo, hai que aplicala con cautela e flexibilidade de acordo cos procesos de autocorrección asentados na aula e cos contidos e destrezas traballados por cadaquén cos seus grupos. Pode entenderse que se lle dá moito peso ao formato e ao cumprimento dos prazos de entrega (30%) fronte á corrección estritamente lingüística (20%), mais entendo que no 2º ciclo da ESO así debe ser xunto coa expresión xeral, as propiedades textuais, a capacidade analítica e argumentativa.
A rúbrica compleméntase coas claves de autocorrección para a expresión escrita (moito máis simplificadas que aquelas quiméricas que ensaiei nalgún momento, madia leva!) e permite, evidentemente, unha segunda entrega do traballo xa revisado.
Por suposto, agardo as vosas suxestións e propostas. Se alguén a quere en formato word (tamén está en scribd), non ten máis que enviar un correo a landin@edu.xunta.es.
Publicado en Lecturas, LGL 3º ESO, LGL 4º ESO, Recursos
Etiquetado avaliación,expresión escrita,rúbrica
Floco de Millo: ela é booktuber
Recén saída do forno, e aínda co arrecendo tenro do pan fresco, chega a primeira recensión en vídeo dunha novela da nosa Floco de Millo, Iria Vázquez (4º ESO B), que se estrea como booktuber na súa canle de Youtube con Agosto do 36.
O mérito é seu, que entre diferentes posibilidades que lles dei -apenas comentada moi por riba cun exemplo: Made in Galiza, por Sebas G. Mouret- para se saír do tradicional traballo escrito sobre unha lectura de clase escolleu esta. Hai outra reseña do curso pasado sobre Unha estrela no vento, de Nico (Nicolás Porto), mais ten que pasar polo taller de edición. Moitos parabéns a ambos por se saíren do rego e ter iniciativa para probar novas fórmulas!
O fenómeno dos booktubers procede do mundo anglosaxón pero chegou con forza ao ámbito hispánico a través dos países sudamericanos, como soe pasar con moitas tendencias deste tipo. Neste artigo de Ramón Nicolás no seu Caderno da Crítica e nestas aproximacións da prensa (unha e dúas), hai exemplos dabondo para se mergullar no fenómeno Booktuber. Algo máis:
- Unha referencia: El Coleccionista de Mundos, ou Sebas G. Mouret. Deumo a coñecer hai dous ou tres cursos o compañeiro Orlando e dende aquela Mouret xa puxo en marcha tamén unha canle en galego: O rocho das ideas.
- Outra moza booktuber que me dá a coñecer Heladio: Nubes baixo ti.
- Unha idea para promocionar a lectura: Eu leo, eu son Booktuber, da Biblioteca Municipal de Narón.
- Unha experiencia: Booktuber en galego, no IES Illa de Sarón (Xove).
- Unha guía: Como ser un booktuber?, no blogue do Praia das Palabras (Clube de Lectura do IES de Vilalonga).
Haberá que explorar máis en serio esta ferramenta como canle de difusión da literatura no ensino e como recurso para estimular a comunicación e a creatividade na materia de Lingua.
‘Ruído. Relatos de guerra’, de Miguel-Anxo Murado (guión de traballo da lectura)
Ruído. Relatos de guerra, unha escolla segura para o alumnado esta de Miguel-Anxo Prado, ao igual ca Mércores de cinza, outro libro que se mergulla na condición humana enfrontada ás condicións máis extremas. Como comentabamos na anterior entrada, aos rapaces e rapazas tan só se lles fai algo complexa a análise global dos relatos, os personaxes…, mais non sempre.
Publicado en Lecturas, LGL 4º ESO, LGL Bacharelato, Literatura Galega, Recursos
Etiquetado Galaxia,guerra,Lecturas,Literatura Galega,Migue-Anxo Murado,relatos,Ruído
‘Made in Galiza’, de Séchu Sende (guión de traballo da lectura)
Un título que xa se converteu nun clásico nas aulas e fóra delas, como demostran as continuas reedicións, as traducións e a cantidade de materiais que se seguen xerando nos colexios e institutos cos seus textos (e que algún día haberá que apañar para traer seleccionados a este blogue), pedía un guionciño que facilitase o traballo da lectura do alumnado.
Máis alá, entón, do tratamento que se lle pode dar a este libro nas sesións de sociolingüística, para as cales é unha ferramenta de primeirísima utilidade, vaia esta batería sinxela de preguntas para solventar as dificultades que atopan os estudantes á hora de enfrontarse ao traballo dun libro de relatos, máis se cabe nesta miscelánea fragmentaria, ao mesmo tempo unitaria, mais complexa para abordar por eles dende unha lectura global. Aquí vai o encargo que me pedían insistentemente os que xa a escolleron como lectura trimestral. O primeiro engado para que piquen no Made in Galiza é o relato “Uf”, non falla!, e logo van atopándose co libro aquí e alá: Guía sexual da sociolingüística, Ámote ou Quéro-te son textos que ben se poden empregar na aula para achegalos ao idioma, dende os afectos e o humor, antes da sociolingüística de 4º da ESO.
Uf
Entrou na cafetaria, prendeu-se naqueles olhos, asombrou-se e soubo que atopara algo…, fixo uf e começou a…, mirou-na outra vez, e começou a ama-la, a quere-la, pensou e sentou á mesa mais achegada á cafeteira e sentiu, uf, que comezava a…
-Ola, dixo ela, que queres? -Quero… macela. Ao dia seguinte entrou á mesma hora e ela seguia ali e sentiu que, uf, que a queria, en sério, pensou. -Ola, dixo ela, que queres? -Quero… tila. Ao terceiro dia continuava querendo-a e começou a imaginar e a necesitar, ao mesmo tempo, que ela estava, que ela estivesse, começando a sentir isso tamém, uf. -Ola, que queres? -Quero… menta. Ao cuarto dia sentiu que já nom podia mais, que tinha que dicer-lho. Tenho que dicer-lho, pensou, uf. -Ola, que queres?, dixo ela. -Quero… te, dixo el. Ela abriu os olhos preguntando Como? e el dixo outra vez em baixinho Quero…te. E dixo Quero…te ao dia seguinte e Quero te ao seguinte e ao terceiro dia tamén dixo Quero te e entón ela dixo-lhe cos olhos Eu tamém.
Publicado en Lecturas, LGL 4º ESO, LGL Bacharelato, Literatura Galega, Recursos, Sociolingüística
Etiquetado Galaxia,Lecturas,Literatura Galega,Made in Galiza,relatos,Séchu Sende,Sociolingüística
Que a vida non nos sorprenda xamais desprevidos, calados e neutrais
Os centos de docentes que coordinan clubes de lectura nos centros de ensino secundario e que asistiron o pasado venres á IV Xornada dos Clubes de Lectura saben que non camiñan sós, e que o seu traballo, dedicación e profesionalidade é valorado polo alumnado, as familias e o conxunto do profesorado, e comeza a dar os seus froitos. Mais a administración dá mostras en ocasións (por desgraza con bastante regularidade ultimamente) de non acompañar nin valorar o seu labor, poñendo en risco as dinámicas colectivas que tantos recursos, sobre todo humanos, precisaron, de aí que asistamos perplexos e indignados ante a demolición (unha máis) do sistema educativo público.
O seguinte texto mereceu o aplauso unánime das persoas asistentes ao encontro e foi pronunciado por Carmen, impulsora de Nós tamén navegar, clube de lectura modélico do IES Lagoa de Antela de Xinzo da Limia. As súas palabras ben se poderían aplicar á lexislación e aos programas de fomento de uso do galego no ensino, proxectos que, a maiores da constante “tarefa” de desmantelamento que protagoniza a administración, teñen que aturar campañas de criminalización e intoxicación política, como ben saben nese centro: canto e que bo traballo realizan!
PARA QUE SERVE A LECTURA COMPARTIDA?
Un club de lectura crea un espazo de comunicación íntimo que promove o diálogo dende o respecto, provoca a reflexión, potencia a imaxinación, convida a viaxar de balde, contribúe a combater prexuízos e a desenmascarar estereotipos, crea complicidades, esperta a conciencia e a sensibilidade, incrementa a confianza, é un pasaporte ao pasado e ao futuro, favorece o coñecemento da propia identidade e do outro, polo tanto, axuda a aceptar as diferenzas, edifica espazos habitables e tende pontes entre culturas, destrúe muros, sobre todo os que constrúe a ignorancia, compensa desigualdades e contribúe á adquisición das competencias básicas. Ler fainos máis críticos e, polo tanto, máis libres. De aí que estea convencida de que a seguinte fase deste proxecto que é a lectura compartida se instale nas aulas. Como docentes comprometidos co ensino público creo que debemos rescatar a lectura das marxes e integrala no currículo e evitar así que se faga máis profunda a brecha entre favorecidos e desfavorecidos. Pero o camiño cara a ese horizonte non é fácil, máis ben se albisca arduo e cheo de obstáculos, pois, ademais de competir coa poderosa industria do ocio e consumo que vende produtos atractivos pero baleiros de contidos, ou cos medios que difunden vulgaridade e espectáculo, agora, por se fose pouco, debemos enfrontarnos ao inimigo na propia casa: a unha administración que ameaza con someter os proxectos de promoción da lectura a recortes drásticos, a unha administración que fai depender a existencia e continuidade destes proxectos do voluntarismo e da carga horaria do profesorado. Nós non somos heroes nin heroínas, nós só somos obreiros e obreiras da aprendizaxe que queremos desempeñar o noso traballo dignamente e que este sexa recoñecido, nin máis nin menos. Non, nós non somos heroes nin heroínas pero sabemos indignarnos.
E, por último, en palabras de Lois Pereiro: Que a vida non me sorprenda xamais desprevenida, calada e neutral. Porque se eles non nos deixan soñar, nós non os deixaremos durmir.
Este traballo de SonCine, gravado con ocasión do Encontro do PLAMBE (08-04-2011), ben vale de correlato audiovisual para este texto de Carmen.
Vodpod videos no longer available.
A imaxinación ao poder: lipdub do IES Fontem Albei da Fonsagrada
Recén saído do forno chega o lipdub que o Grupo de Traballo da Biblioteca do IES Fontem Albei de A Fonsagrada realizou como unha actividade para a Formación de Usuarios co obxectivo de explicar, nada máis e nada menos, que a C.D.U. Ademais de integrar as TIC, este traballo serviulles, tal e como afirman na súa canle de Youtube, para lograr a implicación da comunidade educativa nun proxecto común e fomentar a participación, e o bo ambiente, tan necesario, entre todos e todas.
Vodpod videos no longer available.
Das lecturas partilladas ao sur do Miño
Froito dos contactos que fixemos a finais do curso pasado na excursión a Viana do Castelo dos clubes de lectura dos IES de Porto do Son e Caldas de Reis e do CPI de Cuntis, na biblioteca do noso centro inaugurouse unha nova sección dedicada á literatura portuguesa. Grazas ao asesoramento do persoal da espléndida Biblioteca Municipal de Viana, fixémonos cunhas primeiras lecturas que funcionan entre o alumnado de secundaria dos licéus lusos, así como con algunhas obras destinadas ao público xeral.
Seguimos estando tan preto e tan lonxe coma sempre mais continuaremos a dar pequenos pasiños para nos aproximar algo máis. Igual que trouxemos unhas cantas propostas no noso fardel, sementamos uns cantos títulos galegos en Viana mais bótase en falta unha planificación institucional específica e decidida para exportar a literatura e a cultura galegas á Lusofonía e estreitar lazos entre o ensino galego e portugués.
Vodpod videos no longer available.
Unha primeira recomendación lectora chega da man de Sonia, do equipo da biblioteca do noso centro:
Daquela visita de final de curso, gardamos a primeira recomendación, a obra de Joao Tordo, As três vidas. O autor, vencellado ao mundo do xornalismo e o cine, e influenciado pola escrita de Edgar Allan Poe, Herman Melville ou Dostoievski e a novela negra, viña de presentar en Viana esta novela, gañadora do Premio Literario José Saramago 2009.
As três vidas, as tres vidas de António Augusto Milhouse Pascal, as tres vidas de Gustavo, Camila e Nina, as tres vidas dun mozo, dun “rapaz que nunca cresceu”, todos eles atravesando a “corda bamba” da existencia. Éste último transfórmase, 25 anos despois, no narrador da memoria de Milhouse Pascal, un psicanalista pouco convencional, afastado nun illado caserón –a Quinta do Tempo- con tres netos indolentes, un xardiñeiro escuro e unha peculiar clientela que se move nos límites da loucura. Trala morte do pai, un anuncio nun xornal lévao a traballar para ese enigmático ancián, un traballo que acabará afastándoo da realidade, atrapándoo nas vidas de complexos personaxes que afondan as raigames dos seus trastornos nos máis sanguentos conflitos do século XX: a 2ª Guerra Mundial e a Guerra Civil Española. Así, esta novela transfórmase en transcritora, nunha revisión da historia do século pasado, ao tempo que profunda nos medos do ser humano instalados no antepeito entre a lucidez do real e o irreal, nun espazo e nun tempo kafkianos, no “tempo fóra do tempo”.
O relato desta “memoria” transfórmase para o narrador en necesidade, en liberación de fantasmas propios e alleos, de sospeitas, abraios e paixóns.
Trátase dun romance de estrutura ben conformada que atrapa ao leitor nunha sucesión de episodios suspensos perigosamene á marxe do verificable e do xustificable. Do Alentejo a Lisboa ata Nova York ou Londres. Cun pé na novela negra e outro na recreación histórica.