Lois Pereiro. As armas da paixón

Un curso máis chega o documental didáctico de Sara Paz (guión), do CPI San Vicente da Baña, e Luís Aldegunde (edición), do CPI Os Dices de Rois, sobre a vida e a obra do homenaxeado das Letras Galegas. Logo d’Os traballos e os días de Uxío Novoneyra, é a quenda de Lois Pereiro. As armas da paixón, outro interesante traballo que contribúe a coñecer mellor a figura de Pereiro a través das reflexións de Arturo Casas, Menchu Lamas, Antón Lopo, Antón Losada, Paco Macías, Antón Patiño e Xosé Manuel Pereiro.

Parabéns, máis que merecidos, aos autores polo traballo feito, que ha ser ben aproveitado nas aulas nestes meses.

Corporal (je t’aime…)

Da boca a furia, os dentes:
as armas da paixón
que a pel intacta exploran e profanan

Carne de luxo
amor
tóxico inxecta

Callado o frío na man e na ferida
formiguea insurxente
e cicatriza
entre os peitos posibles
doutro trunfo

Pois cada tres segundos
dúas pálpebras lubrican
os seus ollos hostiles que non cren.

6 respostas a “Lois Pereiro. As armas da paixón

  1. Grazas a ti,por divulgalo, e e aos compañeiros que elaboraron este documental ao que lle tiraremos todos proveito.

  2. Alguén pode explicarme que fai Antón Losada neste video? É un experto filólogo? Trátase acaso dunha persoa relevante na vida de Lois Pereiro? Ah, claro, é que eran da “mesma xeración”. E Antón Patiño? Señor “eu vin eiqui falar do meu libro”… Pero se está todo inventado! Ademais de ser ilexíbel e unha merda pedante. Unha recomendación: dear Patiño, a un fan dos Clash nunca lle digas que lle gustan os Sex Pistols…
    (Remarca: se te queres abanicar, fai o favor de utilizar un libro de Lois, que, aínda que te pese, é o protagonista).

    Esta non é a historia de Lois: non están os seus amigos nin os seus lectores, probabelmente porque son máis coma el e prefiren dicir o xusto (pero dicilo ben). Grazas polo documental, é unha boa iniciativa, pero non logrou escapar dos catro caciques culturais que, por insistencia, están a pervertir o recordo de Lois Pereiro e a convertir a súa poesía no testamento dun rancio. Eu qué sei…

  3. Gustoume o guión pero é certo que non saen os seus amigos, pero sobre todo, non aparece ningunha amiga, cando tanto gozaba do universo feminino. Parece imposible encumbrar a Luis sen pervertir o seu recordo, porque sobre todas as cousas a súa presenza era unha garantía de autenticidade, de eliminación da imbecilidade . Os que quedamos estamos máis infectados pola estupidez humana, esa que da tanta sensación de infinito…

  4. ENSAIO
    Lois Pereiro. Radiografía do abismo
    Espiral Maior, col. Ensaio, 200 páxinas, 14 euros ***

    MONOGRAFÍA EXEMPLAR
    ANTÓN PATIÑO ASEDIA CRITICAMENTE AS DIMENSIÓNS QUE SUSCITA A PRODUCIÓN POÉTICA DE LOIS PEREIRO

    Que Antón Patiño (Monforte, 1957), alén da súa notoria e recoñecida traxectoria internacional como artista plástico, é un teórico e ensaísta de altura resulta incontestable. Por se non abondase con anteriores entregas do autor –lémbrense os seus traballos sobre Novoneyra, Reimundo Patiño ou Lugrís- céntrase agora en levantar acta da biografía e a obra de Lois Pereiro, de quen foi amigo e mais compañeiro en tarefas creativas xeracionais, conseguindo que o lector saia da súa lectura convencido, se non o estaba, dos valores permanentes da estética tan singular pola que transitou o poeta monfortino.
    O enfoque deste traballo interpretativo, ben pouco convencional, presenta unha filiación claramente transversal e agroma desde un espírito de devoción nada oculta pero ao tempo contida, mesmo nos capítulos nos que se recuperan instantáneas emocionais na que se conxura “o naufraxio das emocións”, manexando unha documentación realmente enciclopédica que se constitúe por entrevistas, fragmentos de conversas persoais e outras realizadas ad hoc, abondosas intepretacións literarias e comentarios rexistrados en prensa ou en blogs… Alén disto é evidente que a análise se beneficia do tratamento directo que Patiño mantivo co autor mais tamén da lectura profunda dunha obra literaria respecto da que se amosa como profundo coñecedor.
    Paira, así pois, neste volume unha visión na que o propósito de explicar a obra dun poeta supón reexplicar un tempo e mesmo unha xeración. A estrutura do ensaio preséntase como unha acumulación de reflexións de corte fragmentario, distribuídas en caótica aparencia mais respondendo a unha intención explícita nas páxinas limiares do ensaio: chegar a Pereiro desde a imaxe dunha porta xiratoria que, no seu movemento, alén de “reflectir varios rostros”, case sempre adquire unha pulsión de vertixe indagatoria para desvelar ás claves dun autor. A porta xiratoria é, ao mesmo tempo e simbolicamente, un espello da propia literatura “onde cada lámina de vidros amosa unha perspectiva diferente”.
    Patiño intérnanos nun territorio moi suxestivo como é o da interpretación da obra que Pereiro que nos legou e faino dun xeito pouco común como se advirte tanto polo emprego duns recursos expresivos que se abeiran á expresión concisa e rotunda, en ocasións case telegráfica, como polo uso dunha bagaxe analítica que vai máis alá do impresivo, establecendo un discurso dialéctico no medio dun xogo de espellos posible con reflexións que se desprenden ao fío de lecturas de pensadores e escritores como Walter Benjamin, Bachelard, Bataille, Baudelaire, Bergson, María Zambrano e tantos outros, realzando así a notoriedade que supón a obra do autor de Poesía última de amor e enfermidade. Esta é a razón que sustenta que o ensaio vaia mesmo máis alá da interpretación da obra dun autor, construíndose como unha ricaz reflexión sobre a poesía e Pereiro, sobre a música e Pereiro, sobre a filosofía e Pereiro, sobre o cine e Pereiro, a fotografía e Pereiro, sobre as súas influencias, as débedas, as empatías…
    Fica ben clara, abofé, a dimensión da melancolía atlántica na obra do autor, ben subliñado o uso do simbolismo cos ecos da preocupación libertaria e da estética punk, que serven para obter esa irrepetible “aleación poética de furia de señardade”; queda remarcado o carácter oracular da escrita-palimpsesto de Pereiro ou o fascinio que sentiu polo substrato cultural centroeuropeo, entre outras tantas reflexións que erixen unha auténtica cartografía de Pereiro e da súa obra. Unha primeira revisión sobre a que xa é insoslaiable apoiarse para camiñar por este universo Pereiro cun inequívoco e envexable rigor analítico.

    Ramón Nicolás
    Caderno da crítica/ Culturas “La Voz de Galicia”.

  5. Pingback: O bucle de Lois Pereiro, por Antón Lopo | Caderno de Lingua

  6. Pingback: Telexornal Vidal Bolaño e documental sobre a súa obra | Caderno de Lingua

Deixar un comentario