Arquivo por etiquetas: Sara Paz

Telexornal Valentín Vaz Andrade e aínda máis

Non podían faltar á cita anual das Letras Galegas os compañeiros Luís Aldegunde (CPI Os Dices de Rois) e Sara Paz (CPI de San Vicente da Baña) coa súa contribución audiovisual á divulgación do autor homenaxeado. Desta volta agásallannos con tres traballos sobre Valentín Paz Andrade que, repetindo a estrutura de anteriores entregas, como as que realizaron para Uxío Novoneyra e Lois Pereiro, inclúen este ano unha proposta orixinal, fresca, dinámica e de moi boa factura, un Telexornal Paz Andrade, que conta coa participación de escolares da ESO que o bordan nos seus papeis de presentadora e correspondentes.

O documental Compromiso con Galicia e e o vídeo divulgativo Paz Andrade, supervivente, que contan coa participación de Afonso Paz-Andrade Rodríguez, Tucho Calvo e Camilo Nogueira, completan este ciclo audiovisual de máis de 40 minutos de duración.

Parabéns -unha vez máis- aos autores.

Engádega 26-04-2012

Loli Cid Cid publicou no seu blogue dous cuestionarios de verdadeiro e falso sobre os traballos Compromiso con Galicia e Telexornal Paz Andrade. Estes son o tipo de traballos que crean comunidade na rede. Moitas grazas!

O bucle de Lois Pereiro, por Antón Lopo

Sara Paz e Luís Aldegunde ofrecen un novo traballo para nos aproximar a Lois Pereiro, desta volta a través da análise de Antón Lopo, que xunto co documental didáctico “As armas da paixón” e as outras tres achegas audiovisuais que xa reseñamos aquí (un e dous) conforman o Especial Lois Pereiro que abriron na rede estes compañeiros.

Novas achegas audiovisuais sobre Lois Pereiro

Tras o documental didáctico As armas da paixón, Sara Paz e Luís Aldegunde complementan o seu contributo ás Letras Galegas 2011 coa achega de tres novos traballos sobre Lois Pereiro: Pereiro por Pereiro, unha aproximación ao poeta da man do seu irmán, Xosé Manuel Pereiro; Unha cartografía de Lois Pereiro, análise literaria do autor monfortino feita polo profesor Arturo Casas; e Cinco poemas de Lois Pereiro, lectura de textos a cargo do propio Casas, Antón Losada, Paco Macías, Antón Patiño e Antón Lopo.

Lois Pereiro. As armas da paixón

Un curso máis chega o documental didáctico de Sara Paz (guión), do CPI San Vicente da Baña, e Luís Aldegunde (edición), do CPI Os Dices de Rois, sobre a vida e a obra do homenaxeado das Letras Galegas. Logo d’Os traballos e os días de Uxío Novoneyra, é a quenda de Lois Pereiro. As armas da paixón, outro interesante traballo que contribúe a coñecer mellor a figura de Pereiro a través das reflexións de Arturo Casas, Menchu Lamas, Antón Lopo, Antón Losada, Paco Macías, Antón Patiño e Xosé Manuel Pereiro.

Parabéns, máis que merecidos, aos autores polo traballo feito, que ha ser ben aproveitado nas aulas nestes meses.

Corporal (je t’aime…)

Da boca a furia, os dentes:
as armas da paixón
que a pel intacta exploran e profanan

Carne de luxo
amor
tóxico inxecta

Callado o frío na man e na ferida
formiguea insurxente
e cicatriza
entre os peitos posibles
doutro trunfo

Pois cada tres segundos
dúas pálpebras lubrican
os seus ollos hostiles que non cren.