Arquivo por etiquetas: Menchu Lamas

Lois Pereiro. As armas da paixón

Un curso máis chega o documental didáctico de Sara Paz (guión), do CPI San Vicente da Baña, e Luís Aldegunde (edición), do CPI Os Dices de Rois, sobre a vida e a obra do homenaxeado das Letras Galegas. Logo d’Os traballos e os días de Uxío Novoneyra, é a quenda de Lois Pereiro. As armas da paixón, outro interesante traballo que contribúe a coñecer mellor a figura de Pereiro a través das reflexións de Arturo Casas, Menchu Lamas, Antón Lopo, Antón Losada, Paco Macías, Antón Patiño e Xosé Manuel Pereiro.

Parabéns, máis que merecidos, aos autores polo traballo feito, que ha ser ben aproveitado nas aulas nestes meses.

Corporal (je t’aime…)

Da boca a furia, os dentes:
as armas da paixón
que a pel intacta exploran e profanan

Carne de luxo
amor
tóxico inxecta

Callado o frío na man e na ferida
formiguea insurxente
e cicatriza
entre os peitos posibles
doutro trunfo

Pois cada tres segundos
dúas pálpebras lubrican
os seus ollos hostiles que non cren.