Arquivo por etiquetas: poesía

Case todo Xosé María Díaz Castro nun clic

A Coordinadora Galega de ENDL lanza a páxina monográfica de recursos didácticos sobre as Letras Galegas e a figura de Xosé María Díaz Castro. Con este especial, xa van cinco anos compilando materiais para a comunidade educativa e todas as persoas interesadas na efeméride.

De entro todos os recursos, destacaría o proxecto A lus do mundo que se desenvolve no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz por interdisciplinar, ambicioso , pola súa vontade socializadora e, por suposto, polo marabilloso resultado de todo o que están a facer.

Letras Galegas 2014

Historia dunha muller, Celso Emilio feat As Garotas de Ribeira

Historia dunha muller

Contaréivos a historia
de aquela muller fea, tristemente
sentada diante a porta
de un remoto domingo de foguetes,
mentras a noite espreita nos tellados
ás ledas anduriñas tecelanas.
Seica ten un marido que foi mozo
e agora é soio sombra
ou meridián de ventos ventureiros.·
Un home que lle escribe indescifrábeles
cartas de amor cando é ano bisiesto,
datadas en Shangay ou Terranova.

Pero ela nunca chora, está sentada
á porta dunha estrela, está esperando
cos ollos postos sobre as duras pedras,
ferida polo tempo, escura llanza.

Contaréivos a historia.

Tivo un fillo de achego nas carqueixas
que aquil ano cheiraban a pecado.
Tivo un fillo lexítimo
legalizado en cánones i en libros,
folio tantos, ut supra, reintegrado
con pólizas e timbres espedientes.

Os fiIlos foron indo
hasta un día de abril, precisamente,
que lles nacéu nas maus unha paisaxe
de capricornios trópicos con lúas
e máxicos pandeiros barloventos.

¡Xa non tiña remedio!

Marcháronse o bastardo e o lexítimo
camiño de ningures
baixo estreIas sin nome.

Agora collen caucho, curten peles
de caimán no Orinoco,
según dixo un veciño
que rexenta un quilombo de mulatas
alá en Venezuela.

Pero ela nunca chora, está sentada
á porta dunha estrela,
ferida polo tempo, escura llanza.

O soño sulagado (1954)

Presentacións multimedia con Photopeach

Os textos literarios poden ser levados á aula de múltiples formas e seren a base dos traballos creativos multimedia do alumnado. Unha ferramenta que  combina texto, imaxes e audio é Photopeach. O seu manexo é bastante sinxelo e intuitivo, dispón dunha versión gratuíta e permite elaborar presentacións multimedia bastante logradas (manuais en pdf e vídeo). Conta cunha versión para o ensino moito máis potente mais é de pago (9€/mes mínimo).

Por iso, na versión de balde Photopeach ten as súas limitacións, que considero importantes se queremos traballar con material orixinal:

  • O repertorio de audio é limitado: a aplicación conta cun pequeno abano de temas e mais a posibilidade de incorporar un vídeo de Youtube. Se queremos subir os nosos propios arquivos de audio (músicas menos comerciais non disponíbeis en Youtube, un recitado, unha narración, etc.) debemos abonarnos á versión Premium (3€/mes).
  • O vídeo cárgase en paralelo á presentación de imaxes e textos. así é fácil que ambos elementos se desacompasen xa que non forman parte dunha única produción, como poderedes comprobar na proba que fixen. Dádelle ao play e veredes que se as imaxes cargan antes có vídeo de Youtube, que se se retrasa un chisquiño (ao escoitar os primeiros sons -uns ruídos de gravación- debía entrar a primeira imaxe) ou se para xa non avanza ao ritmo das imaxes e os subtítulos.
  • Máximo de 30 imaxes por diaporama.
  • Non permite facer comentarios ás presentacións e carece dun buscador adecuado para atopar traballos do noso interese para crear comunidade. Pola contra, si permite seguir usuarios, facer buscas por categorías (amplas de máis) e marcar favoritas e partillar en Facebook, MySpace, Twitter e correo, ademais de incrustar a presentación noutos sitios web. Se a música (o vídeo) está aloxada en Youtube non se pode desscargar o traballo.
  • Insire publicidade comercial (fóra do traballo).

Para experimentar coa ferramenta recorrín aos versos de Lois Pereiro e á versión de García MC (tamén en Myspace), dos Dios ke te Crew, que versiona o poema no LP Abaixo e de pé (Galiza, 2012). Como WordPress non me permite incrustar contido flash inclúo esta ligazón ao traballo.

amor_e_sangue_en_Chiapas

Amor e sangue en Chiapas

Ando á procura dunha ollada súa
que me confirme a fe que teño nela
e avanzo a cegas coa maior firmeza
noutra rebelión xusta que é interna
nunha urxente esixencia de certezas
para este corazón rebelde e zapatista
obrigado a loitar polo evidente
cunha serea furia
antiga e sabia
Desde o amor que resiste ó que reprime
con ela por compaña como antes
ou eu só ben armado de nostalxias
deixareime invadir de sangue  maia
para que retorne á sua propia terra
ou consiga vivir outras mil vidas
en loita contra o mundo
se é preciso
crebándolle o pescozo
e desviando
á historia do seu curso
xunto coas mesmas víctimas
de sempre

Lois Pereiro
Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995)

emoción+acción

Cun chisco de sabor a despedida persoal, ao remate do curso facía un pequeno balance da serie O meu Son, un dos pés cos que camiñou SonCine ao longo dun curso intenso no que fomos argallando diversas iniciativas (cinefórum, Encontro do Audiovisual Galego, XII Premio Leixaprén…) ao redor dun proxecto interdisciplinar e autoxestionado centrado na formación audiovisual do alumnado.

Do tempo de SonCine, que naceu no ano 2006, e análogos en boa medida, son o Certame Xosé A. Barral  e a Orquestra Orff do IES As Bizocas do Grove, a quen lle teño dedicado algunhas entradas neste blogue, non por acaso asistín á súa xestación naquel curso tan produtivo e especial para min por moitos motivos. Creo que non hai nada mellor ca este vídeo da factoría Orff para coñecer esta iniciativa singular e valorar o seu traballo.

Moitos parabéns a Seso Durán e demais profesorado implicado e, sobre todo, aos rapaces e rapazas das Bizocas.

Vodpod videos no longer available.

1st collector for Musicando Arbo
Follow my videos on vodpod

Revisando os danos

Logo de ver esta marabilla, collan un libro de Pereiro, métanse con el na cama e procuren soñar.

Vodpod videos no longer available.

A man dereita á dereita do corpo,
a man esquerda á esquerda.
En plenas facultades,
teño a cabeza no centro do mundo
e voulle cambiando os argumentos
ós meus soños escasos e prudentes.

nadal, 94

Poemas póstumos (1992-94)

PEREIRO, Lois, 1995, Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995, Santiago de Compostela: Positivas

No Día Mundial da Poesía, haikus para Xapón

Dende As Zocas Faladoras, o blogue da Biblioteca do IES de Poio, convídannos a sumarnos ao Día Mundial da Poesía elaborando haikus en homenaxe ao pobo xaponés, como xa fixeron na Aula de 6º B do CEIP Isaac Díaz Pardo do Burgo (Culleredo) a través da aplicación linoit (panel de anuncios colaborativo).

Dende o Caderno de Lingua animámosvos a que, ademais de compoñer haikus  en galego, llos fagades chegar aos galego-xaponeses Tadashi Yamamoto, a través dos comentarios deste artigo do blogue Fala Londres; Masashi Oki, por medio do seu propio blogue Imos a Galicia (ou ガリシア); e a Takekazu Asaka, embaixador da lingua galega no país nipón, ao que xa nos encargaremos remitirllos dende aquí mesmo. Nos últimos días puidemos seguir de primeira man, tamén en galego, as súas vivencias e reflexións tras a traxedia que vive o seu país e as súas xentes (aquí e mais aquí).

Se queredes ler haikus, na literatura galega temos exemplos en Uxío Novoneyra, Helena Villar Janeiro, O Leo, Marilar Aleixandre, Xoan Abeleiraoutros autores e colectivos poéticos. Tamén nos centros escolares se traballa esta modalidade poética, e con bos resultados, como no I Concurso de Haikus do Val Miñor organizado polos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e Departamentos de Lingua Galega dos IES Auga da Laxe, Escolas Proval, Terra de Turonio e Val Miñor.

Novas achegas audiovisuais sobre Lois Pereiro

Tras o documental didáctico As armas da paixón, Sara Paz e Luís Aldegunde complementan o seu contributo ás Letras Galegas 2011 coa achega de tres novos traballos sobre Lois Pereiro: Pereiro por Pereiro, unha aproximación ao poeta da man do seu irmán, Xosé Manuel Pereiro; Unha cartografía de Lois Pereiro, análise literaria do autor monfortino feita polo profesor Arturo Casas; e Cinco poemas de Lois Pereiro, lectura de textos a cargo do propio Casas, Antón Losada, Paco Macías, Antón Patiño e Antón Lopo.

O ensino é unha acción

Así, con esta premisa, chega dende O Grove unha nova edición do Certame de Poesía Xosé A. Barral, que tiven a sorte de ver nacer no IES As Bizocas hai xa cinco cursos. É este un dos concursos literarios máis singulares dos  que se celebran en Galiza, un certame que aúna palabra e música na súa festa final, o Festival Música nas túas palabras, onde un pequeno grande milagre chamado Orquestra Orff interpreta un repertorio que inclúe músicas orixinais para os textos gañadores.

Como en anteriores ocasións, traemos esta nova ao Caderno para animar a participación, aberta a todo o alumnado de secundaria e tamén…, por que non dicilo? Para fachendear dos méritos alleos e polo cariño conservado ás Bizocas 06-07.

Da factoría musical das Bizocas tamén saíron momentos coma estes:

Vodpod videos no longer available.

Vodpod videos no longer available.

Vodpod videos no longer available.