Arquivo por etiquetas: Lois Pereiro

Presentacións multimedia con Photopeach

Os textos literarios poden ser levados á aula de múltiples formas e seren a base dos traballos creativos multimedia do alumnado. Unha ferramenta que  combina texto, imaxes e audio é Photopeach. O seu manexo é bastante sinxelo e intuitivo, dispón dunha versión gratuíta e permite elaborar presentacións multimedia bastante logradas (manuais en pdf e vídeo). Conta cunha versión para o ensino moito máis potente mais é de pago (9€/mes mínimo).

Por iso, na versión de balde Photopeach ten as súas limitacións, que considero importantes se queremos traballar con material orixinal:

  • O repertorio de audio é limitado: a aplicación conta cun pequeno abano de temas e mais a posibilidade de incorporar un vídeo de Youtube. Se queremos subir os nosos propios arquivos de audio (músicas menos comerciais non disponíbeis en Youtube, un recitado, unha narración, etc.) debemos abonarnos á versión Premium (3€/mes).
  • O vídeo cárgase en paralelo á presentación de imaxes e textos. así é fácil que ambos elementos se desacompasen xa que non forman parte dunha única produción, como poderedes comprobar na proba que fixen. Dádelle ao play e veredes que se as imaxes cargan antes có vídeo de Youtube, que se se retrasa un chisquiño (ao escoitar os primeiros sons -uns ruídos de gravación- debía entrar a primeira imaxe) ou se para xa non avanza ao ritmo das imaxes e os subtítulos.
  • Máximo de 30 imaxes por diaporama.
  • Non permite facer comentarios ás presentacións e carece dun buscador adecuado para atopar traballos do noso interese para crear comunidade. Pola contra, si permite seguir usuarios, facer buscas por categorías (amplas de máis) e marcar favoritas e partillar en Facebook, MySpace, Twitter e correo, ademais de incrustar a presentación noutos sitios web. Se a música (o vídeo) está aloxada en Youtube non se pode desscargar o traballo.
  • Insire publicidade comercial (fóra do traballo).

Para experimentar coa ferramenta recorrín aos versos de Lois Pereiro e á versión de García MC (tamén en Myspace), dos Dios ke te Crew, que versiona o poema no LP Abaixo e de pé (Galiza, 2012). Como WordPress non me permite incrustar contido flash inclúo esta ligazón ao traballo.

amor_e_sangue_en_Chiapas

Amor e sangue en Chiapas

Ando á procura dunha ollada súa
que me confirme a fe que teño nela
e avanzo a cegas coa maior firmeza
noutra rebelión xusta que é interna
nunha urxente esixencia de certezas
para este corazón rebelde e zapatista
obrigado a loitar polo evidente
cunha serea furia
antiga e sabia
Desde o amor que resiste ó que reprime
con ela por compaña como antes
ou eu só ben armado de nostalxias
deixareime invadir de sangue  maia
para que retorne á sua propia terra
ou consiga vivir outras mil vidas
en loita contra o mundo
se é preciso
crebándolle o pescozo
e desviando
á historia do seu curso
xunto coas mesmas víctimas
de sempre

Lois Pereiro
Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995)

Revisando os danos

Logo de ver esta marabilla, collan un libro de Pereiro, métanse con el na cama e procuren soñar.

Vodpod videos no longer available.

A man dereita á dereita do corpo,
a man esquerda á esquerda.
En plenas facultades,
teño a cabeza no centro do mundo
e voulle cambiando os argumentos
ós meus soños escasos e prudentes.

nadal, 94

Poemas póstumos (1992-94)

PEREIRO, Lois, 1995, Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995, Santiago de Compostela: Positivas

Lois Pereiro, percorrido multimedia

Vodpod videos no longer available.

A través do blogue da biblioteca do IES Concepción Arenal de Ferrol damos cunha presentación audiovisual de Elvira Roiz que aborda a traxectoria vital e literaria de Lois Pereiro en catro etapas. Destacaría a acertada selección de textos de -e sobre- o poeta monfortino e a coidadosa composición gráfica e musical deste traballo. Tras dedicar a primeira entrega, a que aquí reproducimos (capturada con VodPod dende Slideboom), á valoración da dedicatoria das Letras Galegas 2011 a Lois Pereiro, a presentación constrúese en torno aos seguintes catro momentos:

  1. Monforte. Infancia e adolescencia
  2. Madrid. Do entusiasmo á traxedia
  3. A Coruña. As luces e as sombras
  4. Resurreción e morte

Recursos didácticos para se achegar a Lois Pereiro

A Coordinadora Galega de ENDL presentou un monográfico especial dedicado á figura e á obra literaria de Lois Pereiro, que inclúe unha serie de materiais de utilidade para as aulas e os centros de ensino no ano que se lle dedica o Día das Letras Galegas ao autor de Monforte. Máis alá da información bibliográfica e das ligazóns de interese para coñecer máis polo miúdo a traxectoria de Pereiro, destacaría os apartados que albergan os recursos didácticos e actividades en liña, orientados grande parte deles á Educación Primaria, así como a Fonoteca e a Videoteca, que conteñen algunhas alfaias como o recital de Lois Pereiro no Pub Moka da Coruña en 1996, a entrevista que lle realiza en xaneiro dese mesmo ano Ana Romaní para o Diario Cultural da RG ou os vídeos didácticos elaborados por Luís Aldegunde e Sara Paz e que xa reseñamos anteriormente aquí. Por último, a sección Actividades nos centros recolle algunhas (escasas de momento) propostas de docentes ou feitas dende os Equipos de Normalizacións para achegármonos dun xeito diferente ao poeta e que complementan os obradoiros e actuacións que diferentes artistas, asociacións ou empresas ofrecen para levar aos centros.

O bucle de Lois Pereiro, por Antón Lopo

Sara Paz e Luís Aldegunde ofrecen un novo traballo para nos aproximar a Lois Pereiro, desta volta a través da análise de Antón Lopo, que xunto co documental didáctico “As armas da paixón” e as outras tres achegas audiovisuais que xa reseñamos aquí (un e dous) conforman o Especial Lois Pereiro que abriron na rede estes compañeiros.

Cartaz dixital sobre Lois Pereiro

Metidos a experimentar con novas aplicacións chegamos, da man de  Lois Pereiro, a Glogster, unha ferramenta que permite crear en liña cartaces dixitais multimedia pois permite incrustar imaxes, sons, vídeo, etc. A súa potencialidade didáctica é alta e numerosos os seus usos educativos; nin que dicir ten que a súa forte dimensión visual fai de Glogster un recurso moi atractivo para o alumnado. Das súas características técnicas e os posíbeis usos que se lle pode dar nas aulas dá boa conta Xano neste blogue centrado en diversas aplicacións multimedia, outro espazo de referencia para o aproveitamento educativo da web 2.0.

Novas achegas audiovisuais sobre Lois Pereiro

Tras o documental didáctico As armas da paixón, Sara Paz e Luís Aldegunde complementan o seu contributo ás Letras Galegas 2011 coa achega de tres novos traballos sobre Lois Pereiro: Pereiro por Pereiro, unha aproximación ao poeta da man do seu irmán, Xosé Manuel Pereiro; Unha cartografía de Lois Pereiro, análise literaria do autor monfortino feita polo profesor Arturo Casas; e Cinco poemas de Lois Pereiro, lectura de textos a cargo do propio Casas, Antón Losada, Paco Macías, Antón Patiño e Antón Lopo.

Lois Pereiro. As armas da paixón

Un curso máis chega o documental didáctico de Sara Paz (guión), do CPI San Vicente da Baña, e Luís Aldegunde (edición), do CPI Os Dices de Rois, sobre a vida e a obra do homenaxeado das Letras Galegas. Logo d’Os traballos e os días de Uxío Novoneyra, é a quenda de Lois Pereiro. As armas da paixón, outro interesante traballo que contribúe a coñecer mellor a figura de Pereiro a través das reflexións de Arturo Casas, Menchu Lamas, Antón Lopo, Antón Losada, Paco Macías, Antón Patiño e Xosé Manuel Pereiro.

Parabéns, máis que merecidos, aos autores polo traballo feito, que ha ser ben aproveitado nas aulas nestes meses.

Corporal (je t’aime…)

Da boca a furia, os dentes:
as armas da paixón
que a pel intacta exploran e profanan

Carne de luxo
amor
tóxico inxecta

Callado o frío na man e na ferida
formiguea insurxente
e cicatriza
entre os peitos posibles
doutro trunfo

Pois cada tres segundos
dúas pálpebras lubrican
os seus ollos hostiles que non cren.