No reinado de Celso Emilio Ferreiro

A música serviunos para lle dar a benvida noutro lugar ao Ano Celso Emilio Ferreiro, que conmemora o centenario do nacemento do poeta e o cincuentenario da publicación de Longa noite de pedra, fito da poesía peninsular da posguerra.

Agora retomamos a figura e a obra de Celso Emilio Ferreiro (no noso arquivo: A cultura e a lingua galega baixo a Ditadura, Poesía contra a ignorancia e Pintemos a lingua de azul polo galego!!!) tamén a través da música. Mais cambiamos de rexistro cos Labregos do tempo dos Sputnik (ver cap. 25 de Música Ambiente, de V Televisión, a partir do 6’56”), o combo formado polo Leo, García MC e Silverio Outeiro, músicos novos mais cunha ampla traxectoria na escena galega que, precisamente, tomaron por nome grupal un verso do escritor celanovés.

O poema “O meu reinado” foi publicado en Longa Noite de Pedra e os Labregos musicárono para incluír no número de xaneiro da Revista Arraianos. Mou encargouse de gravar, mesturar e masterizar en Rapapoulo Estudio esta versión que vén e vai a México entre aceleróns punkis e versos rapeados. Podedes descargala en diversos formatos e incrustala nos sitios web dende aquí.

Engadimos a esta primeira entrada do ano de Celso Emilio Ferreiro dúas antoloxías (unha e dúas) e dous cartaces dixitais escolares, un bibliográfico e outro de escolma poética. E non esquezades que hai máis composicións musicadas do autor en Son de Poetas, a antoloxía da poesía galega musicada.

O meu reinado

Eu son o rei de min mesmo;
goberno o corazón
na libertá do vento e dos camiños.
Eu obedezo ás miñas propias leises
i os meus decretos sigo ao pé da letra.
Un cetro de solpores,
unha croa de nubes viaxeiras,
un manto avermellado
de soños i esperanzas
no limpo alborexar de cada día,
dame o poder lexítimo do pobo.
Represento aos calados,
interpreto aos que foron
voces da terra nai
nos antergos concellos da saudade.
Eu son un rei.
Un labrego do tempo dos sputniks.

Unha resposta a “No reinado de Celso Emilio Ferreiro

  1. O país faise entre moitos.” ¡Bon viaxe aos guerreiros que ao seu pobo son fideis… (Lluis LLach)”

    Bótalle unha ollada ao blog que estou a construír paseniñamente.

    http://galizapoetica.wordpress.com/category/biografia/

    Un saúdo, Xocas

Deixar un comentario