Arquivo por etiquetas: Celso Emilio Ferreiro

Historia dunha muller, Celso Emilio feat As Garotas de Ribeira

Historia dunha muller

Contaréivos a historia
de aquela muller fea, tristemente
sentada diante a porta
de un remoto domingo de foguetes,
mentras a noite espreita nos tellados
ás ledas anduriñas tecelanas.
Seica ten un marido que foi mozo
e agora é soio sombra
ou meridián de ventos ventureiros.·
Un home que lle escribe indescifrábeles
cartas de amor cando é ano bisiesto,
datadas en Shangay ou Terranova.

Pero ela nunca chora, está sentada
á porta dunha estrela, está esperando
cos ollos postos sobre as duras pedras,
ferida polo tempo, escura llanza.

Contaréivos a historia.

Tivo un fillo de achego nas carqueixas
que aquil ano cheiraban a pecado.
Tivo un fillo lexítimo
legalizado en cánones i en libros,
folio tantos, ut supra, reintegrado
con pólizas e timbres espedientes.

Os fiIlos foron indo
hasta un día de abril, precisamente,
que lles nacéu nas maus unha paisaxe
de capricornios trópicos con lúas
e máxicos pandeiros barloventos.

¡Xa non tiña remedio!

Marcháronse o bastardo e o lexítimo
camiño de ningures
baixo estreIas sin nome.

Agora collen caucho, curten peles
de caimán no Orinoco,
según dixo un veciño
que rexenta un quilombo de mulatas
alá en Venezuela.

Pero ela nunca chora, está sentada
á porta dunha estrela,
ferida polo tempo, escura llanza.

O soño sulagado (1954)

‎#recitandocelsoemilio

Houbo quen deu unha idea: ‎#recitandocelsoemilio. Pero tamén había un motivo: darlle á lingua. Logo madureceu o proxecto por medio dun a-xente.

Escolleuse o poema; os destinatarios; e unha data: o 12 do 12 do 2012 ás 12h no ano do centenario de Celso Emilio Ferreiro.

Logo foi tomando corpo, cun chisco de pementa pop, un “anuncio”, un marabilloso agasallo do AudioVisual As Barxas e Luz Beloso e Seso Durán (un millón de grazas e un lote grande de parabéns!).

E agora só queda darlle forma a todo isto, que non é pouco.

No reinado de Celso Emilio Ferreiro

A música serviunos para lle dar a benvida noutro lugar ao Ano Celso Emilio Ferreiro, que conmemora o centenario do nacemento do poeta e o cincuentenario da publicación de Longa noite de pedra, fito da poesía peninsular da posguerra.

Agora retomamos a figura e a obra de Celso Emilio Ferreiro (no noso arquivo: A cultura e a lingua galega baixo a Ditadura, Poesía contra a ignorancia e Pintemos a lingua de azul polo galego!!!) tamén a través da música. Mais cambiamos de rexistro cos Labregos do tempo dos Sputnik (ver cap. 25 de Música Ambiente, de V Televisión, a partir do 6’56”), o combo formado polo Leo, García MC e Silverio Outeiro, músicos novos mais cunha ampla traxectoria na escena galega que, precisamente, tomaron por nome grupal un verso do escritor celanovés.

O poema “O meu reinado” foi publicado en Longa Noite de Pedra e os Labregos musicárono para incluír no número de xaneiro da Revista Arraianos. Mou encargouse de gravar, mesturar e masterizar en Rapapoulo Estudio esta versión que vén e vai a México entre aceleróns punkis e versos rapeados. Podedes descargala en diversos formatos e incrustala nos sitios web dende aquí.

Engadimos a esta primeira entrada do ano de Celso Emilio Ferreiro dúas antoloxías (unha e dúas) e dous cartaces dixitais escolares, un bibliográfico e outro de escolma poética. E non esquezades que hai máis composicións musicadas do autor en Son de Poetas, a antoloxía da poesía galega musicada.

O meu reinado

Eu son o rei de min mesmo;
goberno o corazón
na libertá do vento e dos camiños.
Eu obedezo ás miñas propias leises
i os meus decretos sigo ao pé da letra.
Un cetro de solpores,
unha croa de nubes viaxeiras,
un manto avermellado
de soños i esperanzas
no limpo alborexar de cada día,
dame o poder lexítimo do pobo.
Represento aos calados,
interpreto aos que foron
voces da terra nai
nos antergos concellos da saudade.
Eu son un rei.
Un labrego do tempo dos sputniks.

A cultura e a lingua galega baixo a Ditadura. Poesía galega de posguerra. Celso Emilio Ferreiro.

Xa tedes disponíbel para a súa descarga a presentación correspondente á literatura galega de posguerra, que inclúe:

– Un percorrido pola cultura e a lingua galegas baixo a ditadura.

– Un achegamento á literatura do exilio.

– A poesía de posguerra e vida e obra de Celso Emilio Ferreiro.

Ademais, acompáñase esta presentación da escolma de poemas precedida dunha breve introdución teórica do poeta (baseado nun material do profesor de Suso Sambade, do IES Esparís de Brión) e mais a selección musical de temas referidos á Guerra Civil e á Transición que traballamos na aula. Entre os temas referenciados (cuxas ligazóns se inseren na última diapositiva da presentación), podedes atopar dous do disco xa mítico “Érguete!!!”, do grupo estradense Xenreira.

“Mil Nove 36” (coa participación de Mini, de Fuxan os Ventos)

http://www.goear.com/listen/dd9955b/mil-nove-36-xenreira.mp3″

“Alalás” (versión da canción de Fuxan os Ventos)

http://www.goear.com/listen/765a3f2/alalás-xenreira.mp3″

Entradas relacionadas:

Pintamos a lingua de azul polo galego

Poesía contra a ignorancia