Arquivo por etiquetas: Arraianos

No reinado de Celso Emilio Ferreiro

A música serviunos para lle dar a benvida noutro lugar ao Ano Celso Emilio Ferreiro, que conmemora o centenario do nacemento do poeta e o cincuentenario da publicación de Longa noite de pedra, fito da poesía peninsular da posguerra.

Agora retomamos a figura e a obra de Celso Emilio Ferreiro (no noso arquivo: A cultura e a lingua galega baixo a Ditadura, Poesía contra a ignorancia e Pintemos a lingua de azul polo galego!!!) tamén a través da música. Mais cambiamos de rexistro cos Labregos do tempo dos Sputnik (ver cap. 25 de Música Ambiente, de V Televisión, a partir do 6’56”), o combo formado polo Leo, García MC e Silverio Outeiro, músicos novos mais cunha ampla traxectoria na escena galega que, precisamente, tomaron por nome grupal un verso do escritor celanovés.

O poema “O meu reinado” foi publicado en Longa Noite de Pedra e os Labregos musicárono para incluír no número de xaneiro da Revista Arraianos. Mou encargouse de gravar, mesturar e masterizar en Rapapoulo Estudio esta versión que vén e vai a México entre aceleróns punkis e versos rapeados. Podedes descargala en diversos formatos e incrustala nos sitios web dende aquí.

Engadimos a esta primeira entrada do ano de Celso Emilio Ferreiro dúas antoloxías (unha e dúas) e dous cartaces dixitais escolares, un bibliográfico e outro de escolma poética. E non esquezades que hai máis composicións musicadas do autor en Son de Poetas, a antoloxía da poesía galega musicada.

O meu reinado

Eu son o rei de min mesmo;
goberno o corazón
na libertá do vento e dos camiños.
Eu obedezo ás miñas propias leises
i os meus decretos sigo ao pé da letra.
Un cetro de solpores,
unha croa de nubes viaxeiras,
un manto avermellado
de soños i esperanzas
no limpo alborexar de cada día,
dame o poder lexítimo do pobo.
Represento aos calados,
interpreto aos que foron
voces da terra nai
nos antergos concellos da saudade.
Eu son un rei.
Un labrego do tempo dos sputniks.