Arquivo por etiquetas: discriminación

De xente pechada

prexuizosEsta entrada vén a conto dun suceso lamentable que aconteceu hai unhas semanas. Hai quen dirá que é anecdótico, que este tipo de actitudes son marxinais nunha sociedade europea do século XXI, e hai quen dirá que o único novidoso deste caso é que a persoa discriminada e vexada, absolutamente “estupefacta”, se atreveu a denunciar o seu caso.

Esta moza, Esther García del Barrio, comprobou na súa propia pel o que seguro que tiña escoitado na súa estadía en Galiza na boca dalgunha persoa consciente da desigualdade social, xurídica e profundamente antidemocrática que existe en torno aos dous idiomas cooficiais. Xa sabedes, vellas queixas de acomplexados galeguistas que arrastran no seu vitimismo o estigma do autoodio, a diglosia, os prexuízos lingüísticos e aínda outros termos caducos e pouco realistas. Mesmo puido lelo nalgún libro de texto, xa se sabe, unha perigosa ferramenta que se emprega na adoutrinadora escola galega.

Realmente, estes posicionamentos avanzados procuran o progreso da sociedade, que debe ir deixando de lado estas atávicas formas de comunicación empobrecedoras e disgregadoras, fortemente ideoloxizadas, que non nos permiten ir máis aló do telón de grelos. Porque acontece que isto que lle pasou a Esther, que moitos e moitas de nós recoñecemos como habituais baixo mil e unha formas, sutís ou non, no noso día a día, aínda vai ser culpa dela. Porque é  totalmente intolerábel que aínda por riba se acose a quen mira polo noso ben e nos anima a abandonar o noso “ridículo, absurdo e innecesario” dialecto.

E é que “sempre haberá quen diga que a culpa de levar golpes é do cravo por se poñer debaixo do martelo”, Esther, e ti quixeches andar polo mundo abrindo cancelas. Precisamente disto vai a contraportada do último número de Ollos de aula, a revista que a Coordinadora Galega de ENDL edita para a comunidade educativa.

Cancelas e ferrollos

Esta breve historia pode que sexa verídica.

portada ollos 14A protagonista chámase Esther, é madrileña de orixe, ten vinte e nove anos. Durante unha breve etapa da súa vida trasládase a vivir á Coruña. Nese período descobre non só unha cidade marabillosa, senón tamén xentes que falan un idioma distinto ao seu. Ela non o dubida. Decide aprender esa lingua con sabor atlántico. Para integrarse. Para ser menos allea. Para enriquecerse, mais non con moedas, senón con palabras que abren cancelas e permiten descubrir novos universos.

Un día esa moza ponse a buscar emprego. Esa tarefa, como para tantos milleiros de persoas, resulta un labor complicado. Envía centos e centos de currículos. Un deles chega ata un hotel asturiano. Nese papeliño no que figuran os seus méritos e coñecementos, Esther deixa constancia do seu coñecemento da lingua galega. Algo que semella positivo, e que non fai dano a ninguén. Porque, supostamente, vivimos nunha sociedade plurilingüe que valora e recoñece a diversidade lingüística. Non si?

Se cadra, non. Como tantos outros, a propietaria do hotel asturiano rexeita o currículo de Esther, nun exercicio de liberdade empresarial. Ata aí nada estraño acontece, está no seu dereito a facelo. Mais non lle abonda. Hai un detalle nese currículo que lle provoca proídos, unha especie de estigma, como un pelo que aparece na sopa. Por que unha moza madrileña é tan parva para alegar o galego como mérito profesional? Por favor, menudo atrevimiento! Que aprenda mejor inglés y se deje de una vez de dialectos regionales!

E así anda o mundo: con persoas que abren portas e con outras que as atrancan con ferrollos. Mais sempre haberá quen diga que a culpa de levar golpes é do cravo por se poñer debaixo do martelo.