Esta entrada vén a conto dun suceso lamentable que aconteceu hai unhas semanas. Hai quen dirá que é anecdótico, que este tipo de actitudes son marxinais nunha sociedade europea do século XXI, e hai quen dirá que o único novidoso deste caso é que a persoa discriminada e vexada, absolutamente “estupefacta”, se atreveu a denunciar o seu caso.
Esta moza, Esther García del Barrio, comprobou na súa propia pel o que seguro que tiña escoitado na súa estadía en Galiza na boca dalgunha persoa consciente da desigualdade social, xurídica e profundamente antidemocrática que existe en torno aos dous idiomas cooficiais. Xa sabedes, vellas queixas de acomplexados galeguistas que arrastran no seu vitimismo o estigma do autoodio, a diglosia, os prexuízos lingüísticos e aínda outros termos caducos e pouco realistas. Mesmo puido lelo nalgún libro de texto, xa se sabe, unha perigosa ferramenta que se emprega na adoutrinadora escola galega.
Realmente, estes posicionamentos avanzados procuran o progreso da sociedade, que debe ir deixando de lado estas atávicas formas de comunicación empobrecedoras e disgregadoras, fortemente ideoloxizadas, que non nos permiten ir máis aló do telón de grelos. Porque acontece que isto que lle pasou a Esther, que moitos e moitas de nós recoñecemos como habituais baixo mil e unha formas, sutís ou non, no noso día a día, aínda vai ser culpa dela. Porque é totalmente intolerábel que aínda por riba se acose a quen mira polo noso ben e nos anima a abandonar o noso “ridículo, absurdo e innecesario” dialecto.
E é que “sempre haberá quen diga que a culpa de levar golpes é do cravo por se poñer debaixo do martelo”, Esther, e ti quixeches andar polo mundo abrindo cancelas. Precisamente disto vai a contraportada do último número de Ollos de aula, a revista que a Coordinadora Galega de ENDL edita para a comunidade educativa.
Cancelas e ferrollos
Esta breve historia pode que sexa verídica.
A protagonista chámase Esther, é madrileña de orixe, ten vinte e nove anos. Durante unha breve etapa da súa vida trasládase a vivir á Coruña. Nese período descobre non só unha cidade marabillosa, senón tamén xentes que falan un idioma distinto ao seu. Ela non o dubida. Decide aprender esa lingua con sabor atlántico. Para integrarse. Para ser menos allea. Para enriquecerse, mais non con moedas, senón con palabras que abren cancelas e permiten descubrir novos universos.
Un día esa moza ponse a buscar emprego. Esa tarefa, como para tantos milleiros de persoas, resulta un labor complicado. Envía centos e centos de currículos. Un deles chega ata un hotel asturiano. Nese papeliño no que figuran os seus méritos e coñecementos, Esther deixa constancia do seu coñecemento da lingua galega. Algo que semella positivo, e que non fai dano a ninguén. Porque, supostamente, vivimos nunha sociedade plurilingüe que valora e recoñece a diversidade lingüística. Non si?
Se cadra, non. Como tantos outros, a propietaria do hotel asturiano rexeita o currículo de Esther, nun exercicio de liberdade empresarial. Ata aí nada estraño acontece, está no seu dereito a facelo. Mais non lle abonda. Hai un detalle nese currículo que lle provoca proídos, unha especie de estigma, como un pelo que aparece na sopa. Por que unha moza madrileña é tan parva para alegar o galego como mérito profesional? Por favor, menudo atrevimiento! Que aprenda mejor inglés y se deje de una vez de dialectos regionales!
E así anda o mundo: con persoas que abren portas e con outras que as atrancan con ferrollos. Mais sempre haberá quen diga que a culpa de levar golpes é do cravo por se poñer debaixo do martelo.
Hai tempo que teño este artigo gardado, para lembrar que che tiña que dar as grazas por poñer por escrito as miñas propias reflexións.
Compráceme especialmente o parágrafo no que recolles as “vellas queixas de acomplexados galeguistas que arrastran no seu vitimismo o estigma do autoodio, a diglosia, os prexuízos lingüísticos e aínda outros termos caducos e pouco realistas”. E encántame a cita final, que, agora, correxidos os derradeiros exames deste curso, lévame a considerar que un aspecto do meu labor docente fracasou estrepitosamente.
Varios (non varias) dos meus alumnos de 1º Bach, nos seus textos argumentativos, culpaban á ideoloxía Galeguista de “correr en paralelo ao Rexurdimento da Literatura”, de ideoloxizala e “non permitirlle ser unha literatura normalizada”, porque , segundo eles, “unha Literatura non pode estar normalizada mentres non atenda a todas as ideoloxías do pobo e só atenda á ideoloxía galeguista”.
Non se “sempre haberá quen diga que a culpa de levar golpes é do cravo por se poñer debaixo do martelo”.