Deseño de Dolores Fernández López, mestra do CRA de Bergondo e autora dun blogue ben interesante. Tamén recomendo botarlle unha ollada ao monográfico especial de recursos Nadal 2015, da CGENDL, que foi actualizado cun bo feixe de entradas relativas a campañas, materiais didácticos, agasallos, etc.
Arquivo por etiquetas: CGENDL
Cos mellores desexos para o novo ano!
Publicado en Varia
Etiquetado Apalpador,CGENDL,CRA de Bergondo,Dolores Fernández
Xeolocalización da videoconferencia do VI Día da Ciencia en Galego
En apenas 48 horas asistiremos unha vez máis á videoconferencia que a Coordinadora Galega de ENDL organiza con motivo do Día da Ciencia en Galego, que xa vai pola súa 6ª edición. Trátase dun evento que dende o ano 2010 achega milleiros de estudantes a temáticas de interese dos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, precisamente as áreas de coñecemento vetadas para a lingua galega polo Decreto do Plurilingüismo que impuxo a Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Nesta edición, Xurxo Mariño será o encargado de impartir unha suxerente charla baixo o título “A máquina que constrúe a mente e a realidade”, que está a superar os datos de participación desta actividade con 106 centros e máis de 6200 alumnos e alumnas inscritos. Se xeolocalizamos os centros participantes sobre un mapa achegamos unha perspectiva xeral moi potente que permite tecer unha impresionante rede de puntos nos que a ciencia e a tecnoloxía falará outra vez en galego. O mapa que se ve a seguir é moi simpliño, apenas contén puntos xeolocalizados e texto, nin imaxes nin vídeos incrustados (ampliade imaxe premendo no cadrado do ángulo superior dereita).
Sobre mapas dixitais xa falamos unha vez aquí. Recomendamos tamén este interesante artigo publicado no portal Cultura Galega
Presume de Galego
A Coordinadora Galega de ENDL convídanos a partillar esta mensaxe de orgullo lingüístico máis alá do 17 de maio:. O traballo audiovisual é obra do Canal Artes Plásticas, ou o que é o mesmo, do profesor Joseba Plazuelo e o seu alumnado do IES María Soliño de Cangas do Morrazo:
Contamos con vós para que esta mensaxe non se destrúa automaticamente en cinco segundos.
Contamos con vós para instalar no Sistema un virus positivo, coa lingua na boca e un sorriso nos beizos.
Contamos con vós para que a nosa mensaxe salte por todos os medios a todos os medios.
Contamos con vós porque o 17 de maio non é a meta, senón a liña de saída.
Chega o “Exprés”, o boletín de novas da CGENDL
Hai cinco anos xestábase a constitución da CGENDL nunha asemblea de docentes vinculados aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística que en réxime de autoconvocatoria se reunía un sábado 28 de marzo no Instituto Galego da Información. Dende aquela foron moitas os pasos dados (o primeiro un manifesto en defensa do Decreto 124/2007 e do PXNLG asinado por 581 ENDL e 3498 docentes) e hoxe mesmo, coincidindo con este aniversario, sóbese un chanciño máis, neste caso no ámbito da comunicación externa do colectivo.
Este é o Exprés, o boletín de novas da CGENDL, elaborado, coma sempre, grazas á vontade e ao compromiso dos docentes colaboradores.
Publicado en Normalización
Etiquetado actualidade,CGENDL,Exprés,normalización lingüística
A LOMCE, unha lei regresiva tamén para a lingua galega
A Coordinadora Galega de ENDL vén de publicar o tríptico informativo “A LOMCE resta aínda máis galego” sobre as consecuencias nefastas que a LOMCE, popularmente coñecida como Lei Wert, ten para o galego e a competencia lingüística do alumnado no noso idioma. Podedes descargalo directamente aquí.
Publicado en Normalización, Sociolingüística
Etiquetado CGENDL,lexislación,lingua galega,LOMCE,Wert
Maio, mes da lingua
Chega o mes das maio, o mes da lingua, un tempo de celebración e de traballo arreo en torno ás letras galegas e do idioma. No ensino, na república das letras e nas rúas, e ademais este ano con moita vida enriba dos escenarios para revivirmos o espírito Vidal Bolaño, unha voz de plena actualidade que non ficaría calada ante a actual situación de extrema urxencia social e cultural.
Mais é tempo de festexar, non de se laiar, tampouco da autocompracencia, porque a cultura galega, pese a todos os atrancos, ou precisamente debido a eles, vive “días de gloria” creativa, de modernidade, de imaxinación e dinamismo. Por iso, reproduzo este texto que pecha o nº 7 de Ollos de aula, a revista da CGENDL para as familias do alumnado, que expresa esta actitude moito mellor ca min.
Días de gloria
O vindeiro 17 de maio imos celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano á figura do dramaturgo compostelán Roberto Vidal Bolaño; mais desde a CGENDL non pretendemos que esta conmemoración resulte unha especie de rito oficial no que participan unicamente algúns ilustres intelectuais, senón que nos gustaría que fose unha festa colectiva na que poden participar activamente as familias do noso alumnado.
Que podemos facer todos nós arredor das Letras Galegas? En primeiro lugar, ser conscientes de que podemos estar orgullosos de contarmos cunha cultura propia, moderna e contemporánea, e que se pode converter (a pouco que lle concedamos un mínimo apoio) nun dos sectores económicos máis puxantes do país. Porque a cultura galega ofrece traballo a moitos profesionais relacionados coa industria da edición e da comunicación, das artes plásticas e musicais, do cine e do teatro, da banda deseñada e o deseño gráfico. Xente, case toda ela, chea de talento e iniciativa.
Por iso, animámosvos a que, neste mes das Letras Galegas, fagades unha aposta en positivo pola lingua e a literatura de Galicia; as opcións que se nos ofrecen resultan, desde logo, múltiples e variadas: desde a posta en escena das obras de Roberto Vidal Bolaño, pasando pola celebración das Feiras do Libro ou a lembranza de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, obra que cumpre 150 anos da súa primeira edición. E, sobre todo, aproveitemos esta ocasión para visitarmos unha libraría e agasallar as persoas queridas cun libro na nosa lingua. Esa será, dende logo, a maior mostra de gloria destes días.
Publicado en 1, Normalización, Recursos, Varia
Etiquetado CGENDL,Día das Letras Galegas,Gracia Santórum,Lines Salgado,Ollos de aula,Roberto Vidal Bolaño
Recursos didácticos para o Ano Roberto Vidal Bolaño na páxina da CGENDL
Un ano máis, e xa van catro, a Coordinadora Galega de ENDL compila materiais e recursos didácticos sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas nun web monográfico, desta volta cunhas 100 referencias de partida. Libros interactivos dixitais, cazas do tesouro, xogos interactivos, varias exposicións, cadernos didácticos sobre obras teatrais, experiencias nos centros, bibliografía de e sobre o dramaturgo, etc. e o que chegue a correo@coordinadoraendl.org, xa que a páxina se atopa en actualización constante.