A necesaria aposta polo software libre

 

Hai uns meses sabiamos que o SERGAS viña de gastar uns 650.000 € en licenzas de Microsoft, o que supuña un paso atrás na intención do goberno da Xunta de apostar polas tecnoloxías da información e, nese marco, polo software libre.

No ensino galego pasa o mesmo. Mentres os centros educativos seguen a gastar centenares de miles de euros en licenzas de Windows, outras administracións autonómicas -é o caso de Estremadura– levan xa tempo apostando polo software libre. É certo que parte da responsabilidade na súa posta en práctica recae nas direccións e no profesorado dos centros, mais é a Consellaría de Educación a que ten que liderar un plano ambicioso que inclúa a difusión do software en código aberto, a formación dos docentes e a adaptación do sistema informático interno… non vaia ser despois que, como aconteceu nestes últimos días no CPI don Aurelio, non se poida acceder ao XADE dende Mozilla.

No IES Xulián Magariños de Negreira levan tempo traballando nisto, os nosos máis sinceros parabéns.

2 respostas a “A necesaria aposta polo software libre

  1. Súmome á reivindicación. De feito hai hoxe en día alomenos unha ducia de navegadores gratuitos que funcionan moito mellor ca o internet explorer. Eu só uso este último para acceder ás páxinas oficiais da Xunta de Galicia cando preciso interactuar con esas páxinas (xade, cursos de Platega…). O resto do tempo utilizo Firefox, Opera e ultimamente o Flock. Tamén é certo que, inda que non empecei a usar outro sistema operativo (ubuntu, por exemplo), sei por referencias que é moi superior ó windows. E son gratuitos. Pero, claro, a Xunta de Galicia está a gastar os nosos cartos no negocio de Bill Gates. Así nos vai.

  2. Por certo, Román, estiven longo tempo a procurar unha ferramenta de tradución para webs e blogs que permita traducir de galego a catalán, eusquera, inglés, francés, etc. pero non atopei nada que sirva. Trátase dun widget ou algo semellante que permita a usuarios doutras linguas ver os contidos nelas. Sei que hai un que traduce de español a catalán e viceversa, pero de galego coma idioma orixinal a outras linguas, nada. ¿Sabes dalgún?

Deixar un comentario