Arquivo por etiquetas: Consellaría de Educación

Unha parábola do negacionismo lingüístico

O rumor estendeuse como unha lapa de lume alimentada polo vento do sur. Disque querían derrubar a catedral, construída nove séculos antes, para edificar no seu predio un gran centro comercial. As razóns non deixaban lugar a dúbida, o declive constante do número de peregrinos e de practicantes da relixión de culto no templo por un lado e, polo outro, o incremento no número de posibles consumidores do centro de ocio consideraban idónea tal muda. O verdadeiramente sobresaliente non foi o estrambótico da idea senón os aplausos duns, escasos pero ruidosos, e o silencio dos outros. As razóns de utilidade estrita daban couces contra as pedras de brión cargadas de historia. O patrimonio nunca foi ben levado co progreso irracional. Por aqueles que defenden como mellor maneira de gañar o futuro o avance dos exércitos, ese que destrúe todo ao seu paso. E, claro, un dos argumentos máis esgrimido era a indefensión dos consumidores ante o poder da memoria. Que dúbida ten. A idea, lanzada como globo sonda, por algún reduto de accionistas do centro comercial foi callando ata mesmo facer dubidar o goberno da cidade. Tanto balbordo nos medios de comunicación, tanto ruxerruxe na rúa fixo por fin debater a aqueles que gobernan coas portadas na man. E, dixo algún, se cadra unha superpantalla de cine ha ser mellor cás apertas ao apóstolo, así seremos máis internacionais, máis globalizados, menos pailáns. Por uns e por outros, o proxecto do centro comercial foi medrando ata se converter no miolo da actualidade. Cando xa as máquinas de derruba se aproximaban á torre do campanario un pícaro preguntou: Nai, e se derruban a catedral, ¿quen vai saber quen somos?

Rosa Aneiros (Galicia Hoxe, 09-07-2008)

Podería desaparecer a Catedral de Santiago de Compostela? Acabará desaparecendo esta irrepetible e magnífica concreción do estro dos nosos devanceiros, sinal de identidade dun pobo, recoñecida e valorada máis alá das nosas fronteiras? A intensa actividade de colectivos especuladores como Galicia Bimilenaria, debidamente amplificados e apoiados por sectores económicos e mediáticos afíns, xunto co consentimento e a necesaria complicidade dun goberno que non cumprise os seus deberes estatutarios, podería facelo posíbel.

Grazas a Sofía por distribuír esta presentación de Miguel Anxo Mouriño, a quen lle pido desculpas por algúns cambios que tiven que facer para pasar o seu traballo a vídeo. A presentación está disponíbel para a súa descarga en Author Stream (e sen a marca de auga desta aplicación) e con vídeo de maior resolución en Vimeo.

A necesaria aposta polo software libre

 

Hai uns meses sabiamos que o SERGAS viña de gastar uns 650.000 € en licenzas de Microsoft, o que supuña un paso atrás na intención do goberno da Xunta de apostar polas tecnoloxías da información e, nese marco, polo software libre.

No ensino galego pasa o mesmo. Mentres os centros educativos seguen a gastar centenares de miles de euros en licenzas de Windows, outras administracións autonómicas -é o caso de Estremadura– levan xa tempo apostando polo software libre. É certo que parte da responsabilidade na súa posta en práctica recae nas direccións e no profesorado dos centros, mais é a Consellaría de Educación a que ten que liderar un plano ambicioso que inclúa a difusión do software en código aberto, a formación dos docentes e a adaptación do sistema informático interno… non vaia ser despois que, como aconteceu nestes últimos días no CPI don Aurelio, non se poida acceder ao XADE dende Mozilla.

No IES Xulián Magariños de Negreira levan tempo traballando nisto, os nosos máis sinceros parabéns.