Creación e uso educativo dos blogues I

O pasado xoves 9 achegueime á Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra convidado por Andrés Temprano, responsábel de recursos do centro, para improvisar unha charla baixo o título Creación e uso educativo dos blogues. Estruturei a exposición en dúas partes e introducina cunha serie de lugares comúns sobre os blogues, tópicos nos que vexo necesario incidir para desmitificar as TIC aos ollos de quen aínda non se lanzou por estes camiños. Velaí vai, tal e como combinamos, unha síntese do que alí dixen (nunha segunda entrega abordarei as aplicacións complementarias para WordPress):

0. INTRODUCIÓN

– Experiencia persoal:

  • A miña incursión no mundo blogueiro e da WEB 2.0 é a dun usuario medio de internet coa vontade de inserir as TIC na súa práctica educativa… diso vai case un ano. Por unha banda, elaborara algúns materiais que quería subir a un blogue para categorizalos e almacenalos e, por outra banda, facelos confluír con outros recursos educativos (vídeos, presentacións, música, etc.) que hai na rede. A miña é só unha experiencia que está a anos luz dos máis avezados; se cadra, por ser común, vale.

– Os recursos:

  • Materiais: as aplicacións na web 2.0 son asequíbeis para calquera que teña un equipo informático e unha conexión á rede normais. Son -na maioría dos seus tramos de uso- gratuítas e funcionan de xeito intuitivo. Non hai que ter un coñecemento profundo desta tecnoloxía, non hai que saber de código.
  • Humanos: a nivel individual, xestionar un blogue e actualizalo con asiduidade, ademais de integrar nel unha serie de aplicacións, require moitas horas. En palabras do amigo Luís Teira nunha charla que impartira o día anterior no mesmo centro “É o que ten estar solteiro e non ter fillos”. Segundo o meu compañeiro Alberto Armada: “É o que ten estar casado e cos fillos criados”. Eu fico nun punto intermedio. En todo caso, na rede vanse creando redes colaborativas que salvan todas as dificultades. Pola contra, se o obxectivo é crear blogues departamentais nun centro como a EOI, aconséllase o traballo en equipa: compartir a configuración da bitácora e a actualización dos contidos faise imprescindíbel para sortear riscos como delegar en quen manexe o blogue e depender en demasía dunha persoa. Perigos: o blogue engancha, crea adicción, mais tamén gusta aventurarse no seu manexo e descubrir novas funcionalidades e aplicacións.

– Os conceptos:

  • Que é a Web 2.0 ou web social? Este termo designa un novo xeito de os usuarios se enfrontaren á rede posto que os internautas non só son meros observadores do que fan outros senón protagonistas e creadores de información. Este paso foi posíbel grazas ao desenvolvemento dunha serie de ferramentas e servizos que permitiron almacenar información, elaborar presentacións, colgar arquivos de audio, enviar mensaxes instantáneas ou crear un espazo común dende/no que comunicarse.
  • Que é o blogue? Tamén chamado blog ou bitácora, é a imaxe máis visíbel da Web 2.0. É un sitio da web onde os textos (“post” ou “entradas”) creados por unha ou varias persoas (“blogueiros/as”) se ordenan cronoloxicamente. Pode funcionar a modo dun diario persoal en liña ou enfocar diferentes temáticas especializadas ou xerais. Trazos comúns á maioría dos blogues son: hai un espazo para que os lectores poidan deixar comentarios; fornece unha listaxe de ligazóns a outros weblogs (“blogroll”); e amosa un arquivo coas publicacións anteriores (normalmente en modo calendario). O blogue naceu en 1997, hai máis de 100 millóns unha década despois, 3700 deles en galego. As plataformas máis coñecidas a nivel mundial son WordPress, Blogger (Blogspot) ou Bloggia. En lingua galega destacan Blogaliza e Blogoteca e o “blogmillo” é a comunidade de blogueiros/as en galego. As bitácoras, como todo, teñen un día: o 31 de agosto, Día Internacional do Blogue.

Vodpod videos no longer available.

more about “Blogs in plain english subtitulado“, posted with vodpod

1. OS BLOGUES EDUCATIVOS: PARA QUE SERVEN E COMO SE USAN:

– Caderno de materia do profesor

  • Serve como un contedor de materiais de elaboración propia. Bastaría con telos á man no disco ríxido: presentacións powerpoint, audio, textos… coa diferenza de que hai recursos xerados directamente na rede (presentación en Zoho Show Funciones de los blogs en las áreas de lenguas, de Felipe Zayas).
  • Serve como almacén de materiais alleos que outras persoas soben á súa vez ás súas páxinas ou blogues. Os recursos circulan (mapa de recursos das Letras Galegas ’08 elaborado por Alberto Armada).
  • Os blogues presentan a capacidade de almacenar recursos e ordenalos, así como trascendelos a través de ligazóns (post de escolma de materiais de lingua no blogue Na punta da lingua).

– Taboleiro aberto á rede dun departamento, dun centro ou dun grupo de traballo.

  • Dá a coñecer actividades, avisos e novas, reflexións sobre a disciplina; establece dinámicas de colaboración con outras entidades; contén recursos para o alumnado, etc. (Bibliolaxe, blogue da biblioteca do IES Auga da Laxe de Gondomar).

– Caderno interactivo do alumnado e o profesorado:

  • Permite desenvolver actividades en liña (O caderno interactivo “Os camiños das linguas” no blogue Dis ti!), poñer tarefas (reseñas e cuestionario d’O neno do pixama a raias en Revolta da Freixa), activar a competencia lingüística da escrita e a competencia dixital se o alumnado é autor (artigo de dúas alumnas en Seica chove no patio?), etc. O blogue ten un inmenso potencial como soporte de traballo do alumnado e é, ademais, unha ferramenta motivadora ao fomentar a implicación e a participación do alumnado no desenvolvemento activo das aulas.
  • É unha ferramenta de futuro no ensino de linguas ao servir de plataforma de aplicacións como o podcast (podcast de 2 rapazas sobre Celso Emilio para o concurso da AS-PG), as vídeo-conferencias (experiencia no IES de Chapela), etc.

– Por que non unha páxina web?

  • O fácil manexo do blogue: crear un blogue leva de 30 segundos a un minuto. A chamada web dinámica dos centros educativos da Consellaría non é tan dinámica como o seu nome indica. No entanto, para manexar un blogue basta con moverse pola rede e coñecer o contorno Windows e o paquete office (word…) para dominar minimamente esta teconoloxía. O usuario medio de ofimática e internet xa está alfabetizado nesta linguaxe. De todos os xeitos, unha bitácora persoal ou dun departamento compleméntanse perfectamente coa web dinámica Drupal da Consellaría de Educación, xa que nesta o volume de almacenaxe de arquivos é moi alto.
  • Onde están todas esas ferramentas de audio, vídeo, texto… que se integran no blogue? Todo está na propia rede, as aplicacións web 2.0 e as súas guías de uso. Os blogues teñen limitacións de espazo pero podemos integrar neles toda esa serie de ferramentas. Só hai que darse de alta en cada unha das aplicacións e, ademais, a linguaxe segue sendo moi semellante en case todas elas.

2. CREACIÓN, CONFIGURACIÓN E DESEÑO DUN BLOGUE: TODO ESTÁ NA REDE.

– Onde abrir un blogue?

  • Hai moitas posibilidades, máis sinxelas e máis complexas, aínda que todas comparten unha linguaxe común.
  • Un servidor de bitácoras asequíbel: Blogoteca.
  • Un servidor de bitácoras máis complexo (e tamén máis versátil): WordPress ou Blogaliza.

– A Blogoteca: é o primeiro servidor público de blogues feito en Galiza e en galego. Presentado en abril de 2006, en dous anos de vida supera os 1450 blogues e as 15.000 imaxes na Fotoblogoteca. Créanse nel unha media de 65 blogues ao mes e un 95% deles son feitos por galegos e en galego. Xa son 32.000 artigos escritos en galego e medrando a un ritmo duns 100 blogues mensuais, contando antes do verán pasado con 2.747.457 páxinas visitadas nun total de 436.124 visitantes.

– WordPress: é o servidor de xestión de blogues máis popular da blogosfera polo seu fácil manexo, a versatilidade na xestión dos contidos e a cantidade de temas (plantillas) e plugins (aplicacións) entre as que poden escoller os usuarios. Blogaliza, pola súa banda, é un servidor de código aberto que bebe de WordPress e agrupa grande parte do blogmillo.

5 respostas a “Creación e uso educativo dos blogues I

  1. Parabéns polo traballo e, sobre todo, polo enfoque.
    Só unha precisión, non menor para quen queira crear un blogue en Blogaliza: mellor retirar a ligazón á guía de Zoho, pois desde agosto mudou o funcionamento desta plataforma. No wiki Ferramentasweb, en blogues, xa actualicei ese aspecto.

  2. Obrigado, Xano, mais é unha achega moi modesta produto da miña propia práctica. Polo tanto, de 3 ou 4 aplicacións e dunha reflexión moi persoal e pouco contrastada, de aí que haxa ausencias manifestas como as plataformas e-learning, soportes como as pizarras dixitais, as ferramentas multimedia de creación de actividades, etc. Se alguén quixer botar man de referencias na materia, pode acudir a plataformas punteiras como Educastur ou autores destacados como Pere Marquès:

    http://peremarques.blogspot.com/

    Se coñecedes algunha presentación ou documento clarificador para os novos na materia, achegádeo.

  3. Pingback: Creación e uso educativo dos blogues « ticblog

  4. Pingback: O Caderno de Lingua. Unha experiencia común « Caderno de Lingua

  5. Pingback: Propostas TIC para o desenvolvemento da competencia lingüística « Caderno de Lingua

Deixar un comentario