Arquivo por etiquetas: web 2.0

Presentacións multimedia con Photopeach

Os textos literarios poden ser levados á aula de múltiples formas e seren a base dos traballos creativos multimedia do alumnado. Unha ferramenta que  combina texto, imaxes e audio é Photopeach. O seu manexo é bastante sinxelo e intuitivo, dispón dunha versión gratuíta e permite elaborar presentacións multimedia bastante logradas (manuais en pdf e vídeo). Conta cunha versión para o ensino moito máis potente mais é de pago (9€/mes mínimo).

Por iso, na versión de balde Photopeach ten as súas limitacións, que considero importantes se queremos traballar con material orixinal:

  • O repertorio de audio é limitado: a aplicación conta cun pequeno abano de temas e mais a posibilidade de incorporar un vídeo de Youtube. Se queremos subir os nosos propios arquivos de audio (músicas menos comerciais non disponíbeis en Youtube, un recitado, unha narración, etc.) debemos abonarnos á versión Premium (3€/mes).
  • O vídeo cárgase en paralelo á presentación de imaxes e textos. así é fácil que ambos elementos se desacompasen xa que non forman parte dunha única produción, como poderedes comprobar na proba que fixen. Dádelle ao play e veredes que se as imaxes cargan antes có vídeo de Youtube, que se se retrasa un chisquiño (ao escoitar os primeiros sons -uns ruídos de gravación- debía entrar a primeira imaxe) ou se para xa non avanza ao ritmo das imaxes e os subtítulos.
  • Máximo de 30 imaxes por diaporama.
  • Non permite facer comentarios ás presentacións e carece dun buscador adecuado para atopar traballos do noso interese para crear comunidade. Pola contra, si permite seguir usuarios, facer buscas por categorías (amplas de máis) e marcar favoritas e partillar en Facebook, MySpace, Twitter e correo, ademais de incrustar a presentación noutos sitios web. Se a música (o vídeo) está aloxada en Youtube non se pode desscargar o traballo.
  • Insire publicidade comercial (fóra do traballo).

Para experimentar coa ferramenta recorrín aos versos de Lois Pereiro e á versión de García MC (tamén en Myspace), dos Dios ke te Crew, que versiona o poema no LP Abaixo e de pé (Galiza, 2012). Como WordPress non me permite incrustar contido flash inclúo esta ligazón ao traballo.

amor_e_sangue_en_Chiapas

Amor e sangue en Chiapas

Ando á procura dunha ollada súa
que me confirme a fe que teño nela
e avanzo a cegas coa maior firmeza
noutra rebelión xusta que é interna
nunha urxente esixencia de certezas
para este corazón rebelde e zapatista
obrigado a loitar polo evidente
cunha serea furia
antiga e sabia
Desde o amor que resiste ó que reprime
con ela por compaña como antes
ou eu só ben armado de nostalxias
deixareime invadir de sangue  maia
para que retorne á sua propia terra
ou consiga vivir outras mil vidas
en loita contra o mundo
se é preciso
crebándolle o pescozo
e desviando
á historia do seu curso
xunto coas mesmas víctimas
de sempre

Lois Pereiro
Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995)

O galego na rede, espello da súa situación na sociedade? (I)

Como anda o panorama da lingua galega na rede? Vaia pregunta que lanzan as boas xentes de Irimia (blogue da asociación) no número 847 (23 de xaneiro ao 5 de febreiro) da súa publicación. Mais responden eles mesmos na propia portada: “Todo o que vai á rede é peixe”. E diso andamos necesitados, de contidos, en cantidade mais sobre todo en calidade, e niso cavilei un chisco para esta primeira entrega (que vai precedida dunha entrevista a Socorro García Conde, responsábel do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago). Para a quicena próxima seguiralle a este artigo unha segunda parte.

Unha aclaración necesaria: cuestión de método

A esta pregunta respondía Xavier Gómez Guinovart en 2003 (A lingua galega en internet): “a situación de minoración (inferioridade e subordinación) do galego en Galicia reprodúcese en Internet en toda a súa crueza”. Facíao logo de cruzar índices como o idioma dos contidos das páxinas e o número de falantes dun idioma seguindo os datos servidos polo buscador Alltheweb (hoxe desaparecido). Cos problemas metodolóxicos que recoñecía para contar con indicadores fiábeis, o galego aparecía daquela no posto 37º, con 98.998 páxinas, o que viña sendo o 0’014% das páxinas da internet. Cruzando o número de webs nunha lingua e a cantidade de falantes desa lingua saía a 0’025 páxinas en galego por falante. Considerando a rede como un espazo propicio para a homoxeneización cultural e lingüística, cara ao inglés e o castelán, Guinovart, fundador do Seminario de Lingüística Informática da UVigo, sinalaba que habería cincuenta veces máis páxinas en inglés, e dúas veces máis en castelán, ca en galego.

Era moito ou pouco? Cal era e é o grao de vitalidade do galego na arañeira? Que pasou dende entón? Parece arriscado estabelecer comparacións entre linguas francas, estatais, locais, de países subdesenvolvidos con escaso acceso á rede, etc. mais o certo é que en internet, non no espazo físico, si “compiten” todas. A Unesco sinalaba en 2008 (Doce anos medindo a diversidade lingüística en internet: balance e perspectivas) que, tras se afinaren os mecanismos de investigación, a arrolladora presenza do inglés de comezos de século (ao redor dun 80% dos contidos) non era tal e que a presenza dunha lingua no ciberespazo é moi semellante á que ten no mundo real. Ademais, se consideramos que en territorios que se incorporaron máis tarde á rede os usuarios primeiro consomen contidos feitos por outros (noutras linguas) e que pouco a pouco os van creando (xa nas súas) ese índice (falantes/contidos) perde valor. En definitiva, o que precisa unha lingua para posicionarse na rede son políticas de alfabetización dixital e de creación de contidos, non só de acceso á internet.

A clave tamén está, polo tanto, na fenda dixital, que nun país coma o noso, con indicadores tan negativos como o avellentamento da poboación e a dispersión xeográfica, non é unha cuestión menor. A un período inicial precoz para o inglés seguíronlle a eclosión asiática (onde alternan linguas locais e o inglés),  impulsos para o español e o portugués polo acceso de Sudamérica á rede e a aprobación de dominios xenéricos (.org ou .net) que se suman aos estatais (.us, .es. ou .br), o que redundou na falta de rigor dos datos e de aí que se considere que actualmente hai unha maior diversidade lingüística en internet.

A calidade e a colaboración en rede, requisitos para xogar na división do galego

O galego pode considerarse no ránking global pero, sobre todo, xunto ao catalán, o irlandés ou o frisón, no dos idiomas minorizados que se falan en países desenvolvidos. Precisamos, entón, medir en calidade, non só en cantidade. E aquí é onde pensamos que a internet cumpre un papel fundamental no proceso de normalización lingüística porque é imprescindíbel crear contidos en galego; porque as TIC lle confiren prestixio social e utilidade; e porque, nun contexto global como o actual, as novas tecnoloxías e as novas plataformas de comunicación ofrécenlles ás linguas minorizadas unha oportunidade única para facerse visíbeis e afondar na sensibilización social contribuíndo á diversidade cultural e lingüística do planeta.

Precisamente, nestes días a cultura e a lingua galegas poden conseguir un dominio propio grazas á iniciativa Puntogal, apoiada por 12.000 persoas e unhas 180 entidades. O esforzo conxunto da sociedade civil é a que está  paliando a ausencia dunha política lingüística institucional que cree as condicións favorábeis para a extensión da lingua na rede. Porque calidade, cooperación e compromiso haino en quen desenvolveu o software libre en galego: as comunidades de usuarios como o Proxecto Trasno e as empresas do sector das TIC, principalmente agrupadas en torno a EGANET e AGASOL, que fan que hoxe en día poidamos traballar con sistemas operativos como Ubuntu, buscar información a través de Firefox ou Chrome e dispoñer dun abano, nunca suficiente pero xa importante, de numerosos programas.

Imos tendo tamén un bo número de ferramentas lingüísticas: dicionarios (Digalego ou e-Estraviz), tradutores (Opentrad, Apertium ou Traducíndote), correctores (Ortogal, OpenOffice ou Golfiño), glosarios (cunha importante  implicación dos SNL e os grupos de traballo das universidades) e mesmo aplicacións para os cada vez máis presentes, porque a rede viaxa con nós, dispositivos portátiles (como os deseñados por Galapps para o sistema operativo Android). É tamén a comunidade usuaria a que fai medrar cada día a Galipedia; a que posibilitou a opción do galego na plataforma de blogues WordPress (sen esquecer a dinámica Blogaliza); que Google ofreza parte dos seus servizos en galego (faltan Gmail e Blogger!); que redes sociais tan importantes como Facebook ou Tuenti estean en galego, como a oriúnda Cabozo; ou que hoxe en día estea en marcha unha campaña pola galeguización do Twitter (@tweet_en_galego).

De lado destes avances protagonizados por usuarios, colectivos e empresas bótase en falta unha planificación lingüística concibida para a sociedade da información, tanto, que os contributos da administración son pequenos ou chegan cando os proxectos están maduros e percorreron sós o camino. Ou aposta polo software privado (negocia con Microsoft, a quen se lle compran milleiros de copias) mentres desmantela iniciativas como Mancomún. Ou implántase un caótico programa Escola 2.0 con miles de custosos equipos sen implicar as empresas galegas do sector e sen formar nin incentivar o profesorado para elaborar e partillar contidos. Ou, en fin, non explora as posibilidades que a rede brinda para a sensibilización social que iniciativas colaborativas como Eufalo.TV ou GalegoLab, e campañas como Orgullos@s do galego da CGENDL,  demostran que son posíbeis.

Escolma de ferramentas 2.0 para o seu aproveitamento na área de lingua galega

No pasado mes de marzo participei como relator no seminario “Internet como recurso na área de lingua galega” que organizou a área de linguas do CFR da Coruña. Nas dúas sesións que me corresponderon tratei de achegar, na medida en que o tempo o permitiu, algunhas aplicacións 2.0 que presentan un potencial didáctico interesante para o desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística do alumnado de LGL: aplicacións multimedia (Glogster, MapVivo e Prezi), narracións dixitais (GoAnimate), mapas conceptuais (Mindomo) e mapas do tempo (TimeRime). Ademais, presentei un agregador como Netvibes, unha sorte de escritorio virtual que pode centralizar e ordenar todos os sitios e servizos de interese para un usuario.

Os materiais amosados no curso están reunidos nunha wiki (que elaborei por vez primeira seguindo as indicacións e o modelo de Loli Cid) que reúne unha descrición, un titorial e uns exemplos, así como unha proposta de práctica, para cada ferramenta. A páxina está vinculada tamén á Aula Virtual do CFR xunto cos materiais do resto dos compañeiros e compañeiras que participaron no curso, e que recomendo vivamente consultar:

A integración das TIC na Área de Lingua e Literatura

No curso “A linguaxe das novas tecnoloxías” que comezou no CFR de Santiago de Compostela o pasado 10 de marzo fixemos, en palabras de Leonor Mazaira, “unha reflexión sobre a necesidade de mudar as nosas propias actitudes como docentes”, proceso no que “as TIC son unha ferramenta de apoio ao cambio metodolóxico imprescindible”.

As competencias básicas, a necesidade de traballalas desde cada área e como abordalas. A obriga que temos todos de actuar como mediadores para que o noso alumnado desenvolva a competencia de comunicación lingüística (Competencia), pero tamén a competencia de aprender a aprender, a competencia de autonomía e iniciativa persoal, competencia en tratamento da información e competencia dixital, competencia social e cidadá. E todas ellas sen saírse da área de lingua nin do PROGRAMA, PROGRAMA, PROGRAMA.

Non sei se deu para tanto e se quedou claro, mais ese era o obxectivo fundamental.

Cartaz dixital sobre Lois Pereiro

Metidos a experimentar con novas aplicacións chegamos, da man de  Lois Pereiro, a Glogster, unha ferramenta que permite crear en liña cartaces dixitais multimedia pois permite incrustar imaxes, sons, vídeo, etc. A súa potencialidade didáctica é alta e numerosos os seus usos educativos; nin que dicir ten que a súa forte dimensión visual fai de Glogster un recurso moi atractivo para o alumnado. Das súas características técnicas e os posíbeis usos que se lle pode dar nas aulas dá boa conta Xano neste blogue centrado en diversas aplicacións multimedia, outro espazo de referencia para o aproveitamento educativo da web 2.0.

Un escritorio virtual para a materia de Lingua Galega e Literatura

Hai tempo que quería centralizar nunha única páxina os sitios da rede (blogues e outras aplicacións da web 2.0) que se centran na Área de Lingua Galega e Literatura co obxectivo de optimizar o tempo de navegación da rede e ofrecer un espazo común para o profesorado de LGL. Tratábase de organizar, categorizar e distribuír os blogues da materia, do profesorado e de aula, as wikis, as presentacións e unidades didácticas,  as propostas de actividades, etc. nun só sitio de marcado carácter visual e intuitivo,  personalizábel e que permitise agregar sementes,e ligazóns, ademais de abrir a posibilidade de acceder a servizos como o correo persoal,  calendario, axenda de contactos, redes sociais como Twiter e Facebook, etc.  Esta aplicación é Netbives e tiña no IES de Porto do Son modelos como o da nosa biblioteca, o de Física e Química ou o dedicado ás canles de vídeo dos centros escolares galegos que podedes atopar na columna dereita do blogue do Encontro do Audiovisual Escolar Galego SonCine.

De momento, para comezar, incluín en Aula LGL os sitios que xa tiña na listaxe de ligazóns de aula neste mesmo Caderno, que agora paso a eliminar. Agardo as vosas suxestións para seguir agregando contidos e novos servizos.

Para aqueles que queiran facer unha incursión en Netvibes temos manuais  (doc.) en castelán, ademais de vídeo-titoriais en portugués e castelán. Mágoa que non haxa en galego, que tampouco se ofrece para a interface deste servizo dende que Mancomun, que estaba traballando na localización de Netvibes, foi desmantelado pola Xunta de Galicia.

Máis propostas TIC para a normalización lingüística e a aprendizaxe do galego

O vindeiro venres comezan na Facultade de Ciencias da Educación da USC as II Xornadas sobre Linguas e Educación en Galiza, que nesta edición se centran na “planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios”. O programa recolle palestras e relatorios que teñen como eixo común a planificación lingüística como ferramenta para a normalización dos centros escolares e da súa contorna e o papel que xogan os docentes nos proxectos normalizadores. Ademais, daranse a coñecer experiencias concretas que nesta dirección se desenvolven en diferentes niveis e centros educativos enmarcados en contextos moi diversos.

No bloque de experiencias que abordan a Planificación lingüística orientada tamén á normalización da contorna social acompañarei (e digo ben, acompañar) a Pilar Ponte para achegar unha panorámica, algún proxecto xa testado e unhas cantas propostas e reflexións sobre o uso educativo das redes sociais no ámbito da normalización lingüística.

Como base da miña intervención recorrerei, entre outros materiais, a esta magnífica e moi traballada proposta do profesor de Lingua Galega e Literatura Xaime Varela Sieiro (actualmente por aquí), que é a base dun relatorio presentado hai xa un tempo nunha Xornada de Encontro dos Lectores de Galego. Aínda que o autor se centra no uso educativo das aplicacións da web 2.0, especialmente dos blogues, no ensino/aprendizaxe nos lectorados de galego (que só parcialmente se puxo en práctica neste Planeta GaLE), moitas das actividades (diapositivas 35-42) que propón nesta presentación son adaptábeis ao ensino non universitario para dinamizar unha rede social de intercambio entre equipos de normalización ou na materia de lingua, como el mesmo experimenta cos seus cativos londinenses (1, 2 e 3).

Cumpría xa, pois sen tempo non era, publicar este traballo:

Unha iniciativa necesaria

O ENDL e o ETIC do IES da Pobra do Caramiñal veñen de poñer en marcha unha wiki de materiais en lingua galega que estean disponíbeis na rede. Trátase dunha plataforma aberta ao profesorado para recoller e partillar recursos de todas as áreas didácticas de Secundaria e, como din os responsábeis do proxecto “aínda que a iniciativa é nosa, está aberto á colaboración de todo o mundo. Se o espallas e fas achegas, saímos todos e todas gañando…”. A que agardamos?

Parabéns!