A didáctica integrada de linguas no Proxecto Lingüístico de Centro

Preguntábanos Mercedes Queixas Zas aos asistentes ao III Seminario de Dinamización Lingüística que pensariamos nós, de sermos estudantes, se na aula de lingua galega o docente explicase a sinonimia e a antonimia e se na seguinte sesión se abordase a mesma cuestión na aula de lingua castelá… e se nunha terceira sesión consecutiva o/a profesor/a de inglés ou francés nos lembrase minimamente o mesmo antes de facer uns exercicios de adquisición de léxico nestas linguas. A resposta é obvia: aburririámonos. O que tentaba evidenciar era a necesidade, mesmo a obriga, que teñen os departamentos de linguas de se coordinaren para aproveitarmos mellor os recursos e rendabilizarmos a nosa práctica docente, isto é, favorecer a adquisición das competencias lingüísticas do noso alumnado, que ao fin e ao cabo é o noso obxectivo.

Coincidencias ou non, nesta semana que remata achegouse ao noso colexio o responsábel de linguas do CEFORE de Pontevedra, Francisco C. Díaz, para propoñernos unha liña de traballo que, de xeito experimental, trate de impulsar unha visión integrada no ensino das linguas presentes no centro e que cristalice no desenvolvemento de pequenas e modestas experiencias prácticas neste mesmo curso. O profesorado interesado, tanto de linguas como doutras materias, tanto de primaria como de secundaria, teremos unha primeira toma de contacto no curso A competencia en comunicación lingüística nunha Europa plurilingüe e pluricultural que se desenvolverá en Pontevedra no mes de novembro. A ver en que vai dando esta proposta ao longo do curso.

E tamén relacionado coa didáctica integrada das linguas volvemos ao III Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino (moito xogo me está a dar no blogue) para traer ao Caderno de Lingua o traballo que, baixo o título O Proxecto Lingüístico de Centro, presentou nestas xornadas a profesora da Universitat Jaume I Montserrat Ferrer. A súa é unha proposta para encarar no PLC unha programación integrada das linguas a través de tres vías:

1. A análise comparativa de libros de texto e prácticas de aula para chegar a acordos sobre aspectos metodolóxicos.

2. A selección de aspectos da aprendizaxe língüística (discurso oral, tipoloxía textual, abordaxe conxunta da literatura por temas, obradoiros, etc.).

3. O deseño conxunto de programacións e materiais.

Finalmente, pecha este diaporama con exemplos moi concretos que se poden programar dende as diferentes materias de linguas (e aínda outras, claro).

Advertisements

5 respostas a “A didáctica integrada de linguas no Proxecto Lingüístico de Centro

  1. A coordinación dos departamentos de linguas resulta indispensable e mesmo debería ser obrigatoria, si señor. Nalgunha circular que me caeu nas mans hai tempo facíana moi recomendable. O lerio está en:
    a) Atopar a hora común que xunte a un grupo de xente que pode ser moi numeroso. Creo que o domingo á hora da misa non vai valer.
    b) E se se atopa a hora, ¿cal sería o punto de partida? ¿Os currículos descritos no DOG? ¿Están pensados para a coordinación e a relación interdepartamental?

  2. Penso que as túas preguntas son certezas, non? A introdución da LOE, e a conseguinte actualización dos currículos, foi unha oportunidade inmellorábel para que nas comunidades bilingües se avanzase nesa dirección, sobre todo no que respecta á lingua galega e á lingua castelá, sen esquecer para nada as outras linguas presentes no ensino secundario: inglés e francés e, a grande distancia, o portugués (por desidia dos departamentos de lingua galega). Por poñer un exemplo: que se está a modificar no ensino do inglés para que o alumnado afronte con garantías a nova proba oral do selectivo? O traballo do discurso oral ben se pode facer dende todas as materias, non só as de linguas.

    Igual que ti falas dunha circular, eu lembro que hai dous anos circulou un correo electrónico polos centros educativos no que se pedía precisamente isto, aproveitar a oportuunidade da entrada en vigor da LOE. Viña asinado polos departamentos de castelán e galego de non sei que instituto. Mágoa que non o dea topado.

    A cuestión non é fácil de encarar, sobre todo se depende da vontade de persoas concretas en centros e CEFORES determinados. Isto vai máis alá da coordinación puntual de dous profesores (“dás ti a sintaxe e eu o comentario de texto literario”) e para iso precísanse, como ti dis, moita xente e algo máis.

    No blogue da vasca Ana Basterra hai moito material sobre este tema e dá a coñecer experiencias como a do IES Astrabudua de Erandio (Bizkaia):
    http://anabast.wordpress.com/2007/07/02/hacia-el-tratamiento-integrado-de-lenguas/

    Esta mesma profesora subiu unha presentación sobre o Programa Proxecto Lingüístico e Tratamento Integrado de Linguas:
    http://www.slideshare.net/AnaBasterra/tratamiento-integrado-de-las-lenguas-presentation/

  3. Agradécese que nos achegues estes materiais do III Seminario de Dinamización e as túas reflexións. Son todas cuestións que temos que abordar necesariamente. No noso Centro aínda non pasamos do intercambio de intencións (o que xa é algo).
    A respecto do comentario que deixaches en Remexer (ao tempo que eu estaba escribindo unha anotación con referencias ao asunto), hai aí unha vía que explorar, aínda que non sei se todos saberemos manexar o Skype; dispoñemos de alternativas (?), seica, na web: http://www.palbee.com/index.aspx (permite incrustar logo as gravacións), http://www.ekko.tv/ , http://www.mebeam.com/ (o máis sinxeliño)…
    En relación con esta anotación sobre a didáctica integrada das linguas, é evidente que o certo reparto que se intentou facer no deseño do currículo non chega e aí xa se alude a ese proceso tan espiñento e delicado. Unha referencia práctica nisto, nun contexto que non é o noso, claro, xa é o IES Ortuella: http://trestizas.wordpress.com/2008/06/20/413/
    Coma sempre, terá que axudar compartir as experiencias de noso. Saúdos.

  4. Pingback: Proxectos de comunicación « Remexer na lingua

  5. Pingback: Remexer Na Lingua - » Proxectos de comunicación

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s