Propostas TIC para o desenvolvemento da competencia lingüística

Baixo este epígrafe participei nas XIX Xornadas de Lingua e Literatura organizadas pola CIG-Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega en Santiago de Compostela durante o pasado mes de abril.  O obxectivo da miña palestra era achegar a miña curta experiencia aos asistentes para animalos, cando menos aos que aínda non se botaron a andar por estes camiños, a introducir as novas tecnoloxías na súa práctica docente a través de  ferramentas de uso sinxelo que non precisan duns coñecementos técnicos moi avanzados. A maiores, quixen reunir algunhas propostas de actividades que, en maior ou menor medida, tratan de integrar estas aplicacións da web 2.0 no ensino da materia de lingua e literatura. Algunhas delas son o resultado da miña propia práctica nas aulas durante estes últimos 3 anos pero as máis  son experimentacións e realidades contrastadas de compañeiros e compañeiras docentes que son guías para todos os que tentamos profundizar neste terreo.

A seguinte presentación (adiada neste blogue até hoxe incomprensibelmente) serviume de apoio naquela ocasión e inclúe unha sinxela, e xa clásica, sistematización de usos  educativos da web 2.0 na aula, propostas de actividades, ligazóns varias e tamén algúns materiais (vídeos e viñetas) que  convidan á necesaria reflexión sobre a renovación metodolóxica que precisamos para integrar con éxito as TIC na procura do desenvolvemento da competencia lingüística do noso alumnado.

Gustaríame reproducir aquí algúns dos apuntamentos finais desta presentación para incidir nalgúns principios e unhas cantas preguntas que debemos afrontar e resolver antes de máis nada, tanto os que aínda non experimentaron como aqueles que, coma min, precisan repensar algunhas dinámicas:

  • As TIC son unha boa oportunidade para o cambio e a innovación educativa.
  • O alumnado está inmerso nunha sociedade tecnificada, e nós?
  • Só se integrarán na práctica educativa cando se empreguen con fins curriculares e para  estimular o desenvolvemento de aprendizaxes no alumnado.
  • A innovación coas TIC non consiste en facer máis do mesmo, nin en facer exposicións en Powerpoint co proxector, nin mudar o taboleiro e o xiz pola pizarra e o punteiro dixitais.
E Xaime Varela, do IES Chano Piñeiro de Forcarei, afirmaba noutra ocasión:
  • Quizais non debamos usar a tecnoloxía para algo que facemos MAL na versión analóxica: exercicios estruturais, hot potatoes, webquests.
  • Quizais non debamos usar a tecnoloxía para o que facemos BEN na versión analóxica.
  • Quizais debamos usar a tecnoloxía para facer MELLOR algo que facemos BEN na versión analóxica.
Entón, preguntábame eu: Que tememos máis?  Ao uso dos medios ou ao cambio metodolóxico que iso conleva?

Segundo Jordi Adell, da Universidade de Castellón, o proceso de asimilación e acomodación das TIC nos docentes estímase, no mellor dos casos, entre 3 e 5 anos, e atravesa as seguintes fases:

  • Acceso: coñece e aprende as tecnoloxías.
  • Adopción: comeza a empregar a tecnoloxía con fins educativos, mais en actividades como as que realizaba antes.
  • Adaptación: a súa produtividade e a do alumnado mellora co uso das TIC.
  • Apropiación: desenvolve novos métodos de traballo integrando as TIC.
  • Innovación: implica a creación de procesos orixinais.
Eu atópome entre a segunda e a terceira fase e aínda vexo lonxe a seguinte. Ás veces non é estraño verse identificado na seguinte viñeta:
Naquela ocasión lanzaba unhas cantas preguntas para rematar:

  • En que estadio vos atopades vós?  E no voso centro?
  • Como se podería dirixir/redirixir o uso das TIC cara a unha verdadeira innovación metodolóxica?
  • E cara a unha verdadeira innovación metodolóxica en LGL?
  • Que podemos achegar nós para que iso aconteza?
  • Que opinades?

Pois iso, que opinades? Aquí e mais aquí xa podedes atopar algunhas respostas.

Entradas relacionadas:

6 respostas a “Propostas TIC para o desenvolvemento da competencia lingüística

  1. Unha presentación de moito proveito que non podía ficar sen compartir cos que non tiveron a sorte de acudir á túa palestra.
    En calquera caso, a min o das fases e os estadios na acomodación (?) das TIC paréceme demasiado cuadriculado, implica que o achegamento á tecnoloxía está separado dos usos didácticos, cousa errónea, e que as actividades que realizabas antes (na “versión analóxica”) respondían necesariamente a vellos métodos e que as TIC van levar a todo o mundo á innovación (!?). Ademais, nin todos os que intentamos integrar as TIC temos os mesmos horizontes didácticos e as mesmas vontades, nin seguimos os mesmos ritmos, nin padecemos as mesmas fórmulas formativas🙂 … A reflexión de Xaime Varela paréceme máis atinada.

    Saúdos e adiante con ese 2010. Vinte dez recoñecido!

  2. Pingback: Tweets that mention Propostas TIC para o desenvolvemento da competencia lingüística « Caderno de Lingua -- Topsy.com

  3. A min tampouco me convencen esas fases, nin a equivalencia uso das TIC = innovación.
    Creo que o proceso é moito máis sinxelo e moito menos ríxido.

  4. Pois que queredes que vos diga? Eu, en cambio, si que recoñezo certas analoxías entre a miña propia experiencia e a clasificación de Adell. Si é ríxida en canto que un mesmo pode recoñecer que ten que reformular metodoloxicamente a súa práctica docente sen agardar a que a irrupción das TIC o ilumine. No caso do ensino de LGL, como no ensino doutras linguas, todos recoñecemos que a perspectiva excesivamente filolóxica na que fomos formados non ten moito sentido na adquisición das destrezas lingüísticas activas. Avanzar cara a un enfoque comunicativo -sen entrar agora na conveniencia do ensino tradicional do galego, o que eu mamei e do que pretendo fuxir, na actual conxuntura sociolingüística- que leve á aula situacións comunicativas reais non ten porque agardar pola integración das TIC. Pero, na miña opinión, introducilas e ir experimentando con elas na aula abre novas posibilidades para proxectar (e exercitar, darlles sentido, facer atractivos e pragmáticos, etc.) os usos reais da lingua entre o alumnado cunha boa dose de motivación. E esa motivación extra tamén a sinto eu e reforza a miña procura da innovación metodolóxica. En resumo, persoalmente vexo paralelismos. Agora ben, como di María, seguro que é todo é máis sinxelo e, como di Xano, depende do horizonte que nos poñamos. Ao mellor, o meu problema é querer facer todo xa, ter resultados xa…. e hai que ter paciencia.

  5. Estamos de acordo, realmente.
    Por certo, postos a poñer ligazóns, xa hai nomes na nova versión do Proxecto do Encontro. Máis propostas?

  6. Pingback: Máis propostas TIC para a aprendizaxe da lingua « Caderno de Lingua

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s