Arquivo por etiquetas: TIC na educación

Xeolocalización da videoconferencia do VI Día da Ciencia en Galego

En apenas 48 horas asistiremos unha vez máis á videoconferencia que a Coordinadora Galega de ENDL organiza con motivo do Día da Ciencia en Galego, que xa vai pola súa 6ª edición. Trátase dun evento que dende o ano 2010 achega milleiros de estudantes a temáticas de interese dos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, precisamente as áreas de coñecemento vetadas para a lingua galega polo Decreto do Plurilingüismo que impuxo a Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Nesta edición, Xurxo Mariño será o encargado de impartir unha suxerente charla baixo o título “A máquina que constrúe a mente e a realidade”, que está a superar os datos de participación desta actividade con 106 centros e máis de 6200 alumnos e alumnas inscritos. Se xeolocalizamos os centros participantes sobre un mapa achegamos unha perspectiva xeral moi potente que permite tecer unha impresionante rede de puntos nos que a ciencia e a tecnoloxía falará outra vez en galego. O mapa que se ve a seguir é moi simpliño, apenas contén puntos xeolocalizados e texto, nin imaxes nin vídeos incrustados (ampliade imaxe premendo no cadrado do ángulo superior dereita).

Sobre mapas dixitais xa falamos unha vez aquí. Recomendamos tamén este interesante artigo publicado no portal Cultura Galega

O Caderno de Lingua. Unha experiencia común

No programa das xornadas Competencia en comunicación lingüística nunha Europa plurilingüe e pluricultural aparecía este blogue como título dun dos obradoiros aínda que realmente non se trataba de iniciar aos asistentes na elaboración dunha bitácora en WordPress. En Pontevedra, como reseñei antes aquí e mais aquí, tentei simplemente animar aos que aínda non se aventuraron neste mundo da web 2.0 a facelo dende unha actitude destemedida sen ter en conta as carencias iniciais, porque os coñecementos necesarios son poucos, e crendo na potencialidade destas novas ferramentas no ensino.

Unha boa plataforma onde iniciarse nas aplicacións web 2.0 é o wiki Ferramentas web, que xestiona Xano Cebreiro.

Creación e uso educativo dos blogues II: escolma de aplicacións Web 2.0

0. INTRODUCIÓN

A Web 2.0 constrúese a través dun conxunto de ferramentas que permiten que os seus usuarios creemos e compartamos contidos coa comunidade internauta. Slideshare, vimeo, slide, flickr, wikispaces, goear, snips, scribd, google docs, deezer, chuza!, youtube, etc. son só algunhas das mil e unha aplicacións enfocadas aos blogueiros e blogueiras desta inmensa tea de araña que é a rede interactiva.

Que ferramentas integrar nas bitácoras ou nos blogues educativos? Todo depende do deseño, do uso e da información que queiramos integrar nas nosas actividades docentes. Lembremos que podemos empregar os blogues para fomentar a participación e a aprendizaxe colaborativa do alumnado, para participar dunha comunidade de intereses común e intercambiar experiencias e materiais ou para amosar o noso traballo ou a actualidade do noso centro educativo… e todo sen coñecementos en programación.

Imos, xa que logo, describir brevemente algunhas ferramentas de interese e dar as ligazóns aos seus titoriais de uso. Sempre queda na man do usuario analizar outras aplicacións semellantes, comparar, descubrir outras, etc. Cada día aparecen novos recursos e mellóranse os existentes. Isto é un océano, só hai que mergullarse.

1. ALGUNHAS APLICACIÓNS PARA COMPLEMENTAR AS NOSAS BITÁCORAS

1.1. Presentacións

  • Slideshare: aplicación que permite almacenar presentacións de diapositivas. Creánse no propio ordenador con Powerpoint, OpenOffice ou calquera outro programa compatíbel cos formatos .PPT, .PPS ou .ODP. Logo, sóbense á rede en apenas uns minutos e convértense directamente a flash, o que permite integralas en calquera blogue copiando e pegando o seu código e velas como se un vídeo de Youtube se tratase (hai quen fala de slideshare como o “Youtube de powerpoint”).

Titorial no propio slideshare de Educ.ar.

Titorial en Zoho Writer de Xano Cebreiro para o wiki ferramentasweb.

  • Slide: é unha ferramenta que permite empregar calquera material dixital (imaxes…) para elaborar presentacións. O seu manexo é simple, presenta numerosas plantillas e posibilidades de transición das fotos e de incorporación música do seu arquivo. É unha boa opción para montar presentacións de actividades extraescolares, reunións… ao alumnado encántalle.

Titorial en diapositivas de Educ.ar

1.2. Documentos

  • Scribd: é un espazo onde aloxar documentos en distintos formatos que permite distribuílos ao xerar un código que, ao xeito do Youtube ou do Slide, inserta e visualiza o documento no blogue persoal. No entanto, debe haber algún problema de incompatibilidade con WordPress que antes non había (en plataformas como Blogspot non rexistra este problema).

Titorial en vídeo (Youtube).

1.3. Imaxes

  • Flickr: é un espazo de Yahoo que posibilita subir e compartir imaxes, sobre todo, fotografías, que podemos ou non facer públicas. É a aplicación destas características máis popular da rede ao ser empregada pola blogosfera para almacenar fotos. O noso blogue persoal ten unha capacidade de almacenaxe limitada mais permite integrar calquera imaxe que estea na rede, por iso Flickr é unha boa solución. Ademais, permite, como a grande maioría das aplicacións web 2.0, etiquetar as fotografías e, deste modo, facilitar a súa busca. Tamén existen comunidades de usuarios en Flickr.

Titorial en diapositivas de Educ.ar.

1.4. Vídeos

  • Vodpod: sitio que permite crear un arquivo de vídeos favoritos (tomados de Youtube, Google Videos ou outros contedores). Con Vodpod podemos insertar un expositor de vídeos no lateral do noso blogue ou insertalo nas entradas a través dun “botón” que se instala nas “Ferramentas” do navegador web do noso ordenador. Tamén permite capturar presentacións e documentos, non só vídeos.

Titorial en Zoho Writer de Xano Cebreiro para o wiki ferramentasweb.

1.5. Audio

  • GoEar: fálase do Youtube dos documentos, o Youtube das presentacións… chegoulle a quenda agora ao Youtube da música. De aspecto bastante austero, esta ferramenta permite subir e compartir arquivos MP3 dun modo sinxelo. Tamén permite integrar as pistas de audio no blogue copiando, coma sempre, o seu código, aínda que con WordPress cómpre facer algunha trampa.

Titorial de GoEar en documento word aloxado en Scrid.

  • Deezer: espazo moi popular na rede que permite escoitar en liña todo tipo de músicas de balde e legalmente. Aloxa maís de 2 millóns e medio de temas e millóns de listaxes de reprodución que configuran os ususarios. Ademais, permite rexistrarnos para subir cancións mp3 dende o noso ordenador e facer deste modo un espazo propio no sitio. Así mesmo, podemos bloguear a nosa listaxe de reprodución.

Titorial de Deezer en presentación de Slideshare.net.

  • Snips: reprodutor de audio que permite aloxar arquivos mp3 até un máximo de 5 xigas e ofrece varios servizos para os blogues como colgar unha playlist ou pistas de audio soltas (non necesariamente de música) xerando un widget con código. Tamén permite facer slides con imaxes, textos, animacións e sons, ademais de gravacións propias.

Titorial de Snips en vídeo (en español).

Creación e uso educativo dos blogues I

O pasado xoves 9 achegueime á Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra convidado por Andrés Temprano, responsábel de recursos do centro, para improvisar unha charla baixo o título Creación e uso educativo dos blogues. Estruturei a exposición en dúas partes e introducina cunha serie de lugares comúns sobre os blogues, tópicos nos que vexo necesario incidir para desmitificar as TIC aos ollos de quen aínda non se lanzou por estes camiños. Velaí vai, tal e como combinamos, unha síntese do que alí dixen (nunha segunda entrega abordarei as aplicacións complementarias para WordPress):

0. INTRODUCIÓN

– Experiencia persoal:

  • A miña incursión no mundo blogueiro e da WEB 2.0 é a dun usuario medio de internet coa vontade de inserir as TIC na súa práctica educativa… diso vai case un ano. Por unha banda, elaborara algúns materiais que quería subir a un blogue para categorizalos e almacenalos e, por outra banda, facelos confluír con outros recursos educativos (vídeos, presentacións, música, etc.) que hai na rede. A miña é só unha experiencia que está a anos luz dos máis avezados; se cadra, por ser común, vale.

– Os recursos:

  • Materiais: as aplicacións na web 2.0 son asequíbeis para calquera que teña un equipo informático e unha conexión á rede normais. Son -na maioría dos seus tramos de uso- gratuítas e funcionan de xeito intuitivo. Non hai que ter un coñecemento profundo desta tecnoloxía, non hai que saber de código.
  • Humanos: a nivel individual, xestionar un blogue e actualizalo con asiduidade, ademais de integrar nel unha serie de aplicacións, require moitas horas. En palabras do amigo Luís Teira nunha charla que impartira o día anterior no mesmo centro “É o que ten estar solteiro e non ter fillos”. Segundo o meu compañeiro Alberto Armada: “É o que ten estar casado e cos fillos criados”. Eu fico nun punto intermedio. En todo caso, na rede vanse creando redes colaborativas que salvan todas as dificultades. Pola contra, se o obxectivo é crear blogues departamentais nun centro como a EOI, aconséllase o traballo en equipa: compartir a configuración da bitácora e a actualización dos contidos faise imprescindíbel para sortear riscos como delegar en quen manexe o blogue e depender en demasía dunha persoa. Perigos: o blogue engancha, crea adicción, mais tamén gusta aventurarse no seu manexo e descubrir novas funcionalidades e aplicacións.

– Os conceptos:

  • Que é a Web 2.0 ou web social? Este termo designa un novo xeito de os usuarios se enfrontaren á rede posto que os internautas non só son meros observadores do que fan outros senón protagonistas e creadores de información. Este paso foi posíbel grazas ao desenvolvemento dunha serie de ferramentas e servizos que permitiron almacenar información, elaborar presentacións, colgar arquivos de audio, enviar mensaxes instantáneas ou crear un espazo común dende/no que comunicarse.
  • Que é o blogue? Tamén chamado blog ou bitácora, é a imaxe máis visíbel da Web 2.0. É un sitio da web onde os textos (“post” ou “entradas”) creados por unha ou varias persoas (“blogueiros/as”) se ordenan cronoloxicamente. Pode funcionar a modo dun diario persoal en liña ou enfocar diferentes temáticas especializadas ou xerais. Trazos comúns á maioría dos blogues son: hai un espazo para que os lectores poidan deixar comentarios; fornece unha listaxe de ligazóns a outros weblogs (“blogroll”); e amosa un arquivo coas publicacións anteriores (normalmente en modo calendario). O blogue naceu en 1997, hai máis de 100 millóns unha década despois, 3700 deles en galego. As plataformas máis coñecidas a nivel mundial son WordPress, Blogger (Blogspot) ou Bloggia. En lingua galega destacan Blogaliza e Blogoteca e o “blogmillo” é a comunidade de blogueiros/as en galego. As bitácoras, como todo, teñen un día: o 31 de agosto, Día Internacional do Blogue.

Vodpod videos no longer available.

more about “Blogs in plain english subtitulado“, posted with vodpod

1. OS BLOGUES EDUCATIVOS: PARA QUE SERVEN E COMO SE USAN:

– Caderno de materia do profesor

  • Serve como un contedor de materiais de elaboración propia. Bastaría con telos á man no disco ríxido: presentacións powerpoint, audio, textos… coa diferenza de que hai recursos xerados directamente na rede (presentación en Zoho Show Funciones de los blogs en las áreas de lenguas, de Felipe Zayas).
  • Serve como almacén de materiais alleos que outras persoas soben á súa vez ás súas páxinas ou blogues. Os recursos circulan (mapa de recursos das Letras Galegas ’08 elaborado por Alberto Armada).
  • Os blogues presentan a capacidade de almacenar recursos e ordenalos, así como trascendelos a través de ligazóns (post de escolma de materiais de lingua no blogue Na punta da lingua).

– Taboleiro aberto á rede dun departamento, dun centro ou dun grupo de traballo.

  • Dá a coñecer actividades, avisos e novas, reflexións sobre a disciplina; establece dinámicas de colaboración con outras entidades; contén recursos para o alumnado, etc. (Bibliolaxe, blogue da biblioteca do IES Auga da Laxe de Gondomar).

– Caderno interactivo do alumnado e o profesorado:

  • Permite desenvolver actividades en liña (O caderno interactivo “Os camiños das linguas” no blogue Dis ti!), poñer tarefas (reseñas e cuestionario d’O neno do pixama a raias en Revolta da Freixa), activar a competencia lingüística da escrita e a competencia dixital se o alumnado é autor (artigo de dúas alumnas en Seica chove no patio?), etc. O blogue ten un inmenso potencial como soporte de traballo do alumnado e é, ademais, unha ferramenta motivadora ao fomentar a implicación e a participación do alumnado no desenvolvemento activo das aulas.
  • É unha ferramenta de futuro no ensino de linguas ao servir de plataforma de aplicacións como o podcast (podcast de 2 rapazas sobre Celso Emilio para o concurso da AS-PG), as vídeo-conferencias (experiencia no IES de Chapela), etc.

– Por que non unha páxina web?

  • O fácil manexo do blogue: crear un blogue leva de 30 segundos a un minuto. A chamada web dinámica dos centros educativos da Consellaría non é tan dinámica como o seu nome indica. No entanto, para manexar un blogue basta con moverse pola rede e coñecer o contorno Windows e o paquete office (word…) para dominar minimamente esta teconoloxía. O usuario medio de ofimática e internet xa está alfabetizado nesta linguaxe. De todos os xeitos, unha bitácora persoal ou dun departamento compleméntanse perfectamente coa web dinámica Drupal da Consellaría de Educación, xa que nesta o volume de almacenaxe de arquivos é moi alto.
  • Onde están todas esas ferramentas de audio, vídeo, texto… que se integran no blogue? Todo está na propia rede, as aplicacións web 2.0 e as súas guías de uso. Os blogues teñen limitacións de espazo pero podemos integrar neles toda esa serie de ferramentas. Só hai que darse de alta en cada unha das aplicacións e, ademais, a linguaxe segue sendo moi semellante en case todas elas.

2. CREACIÓN, CONFIGURACIÓN E DESEÑO DUN BLOGUE: TODO ESTÁ NA REDE.

– Onde abrir un blogue?

  • Hai moitas posibilidades, máis sinxelas e máis complexas, aínda que todas comparten unha linguaxe común.
  • Un servidor de bitácoras asequíbel: Blogoteca.
  • Un servidor de bitácoras máis complexo (e tamén máis versátil): WordPress ou Blogaliza.

– A Blogoteca: é o primeiro servidor público de blogues feito en Galiza e en galego. Presentado en abril de 2006, en dous anos de vida supera os 1450 blogues e as 15.000 imaxes na Fotoblogoteca. Créanse nel unha media de 65 blogues ao mes e un 95% deles son feitos por galegos e en galego. Xa son 32.000 artigos escritos en galego e medrando a un ritmo duns 100 blogues mensuais, contando antes do verán pasado con 2.747.457 páxinas visitadas nun total de 436.124 visitantes.

– WordPress: é o servidor de xestión de blogues máis popular da blogosfera polo seu fácil manexo, a versatilidade na xestión dos contidos e a cantidade de temas (plantillas) e plugins (aplicacións) entre as que poden escoller os usuarios. Blogaliza, pola súa banda, é un servidor de código aberto que bebe de WordPress e agrupa grande parte do blogmillo.