Patrón de autocorrección da expresión escrita (adaptación)

Nos últimos dous cursos veño empregando nas aulas do 2º ciclo de Secundaria un sinxelo patrón de autocorreccion da expresión escrita ao que xa lle dediquei unha breve entrada hai máis dun ano. Daquela, xa apuntaba que se trataba dunha tarefa tediosa mais necesaria para tentar mellorar a expresión escrita do noso alumnado. É tediosa porque precisa dun traballo continuado e sistemático nas aulas até que o alumnado, tamén o profesor, entran nunha dinámica áxil de corrección que permite dedicarlle media sesión á semana. Como todo, é cousa de adestrar(se) mais se os rapaces e rapazas se dotan de certo grao de autonomía, unha vez que asimilan que esa parte do traballo non compete só ao profesorado, tamén nós nos libraremos dun pesado e repetitivo labor que, á vista da teimuda persistencia dos erros máis comúns, remata por enfrontarnos a un reto case imposíbel.

Como entón sinalaba, este patrón “proporcionarlle ao alumnado un código de signos -debidamente explicado- para que identifiquen e solucionen os erros que o/a profesor/a marcou previamente dalgunha maneira, un subliñado abonda”. Até o momento, eu sigo recollendo os textos autocorrixidos para lles dar unha segunda lectura e ver que o sistema funciona e que os erros foron detectados e corrixidos, aínda non dei o paso á autocorrección por parellas.

Desta volta, optei por empregar dous patróns diferenciados para 3º e 4º da ESO, respectivamente, condicionado polo libro de texto, que xa incorpora as propiedades textuais (en ambos cursos) e un apartado fixo para a expresión escrita (no caso de cuarto). Así, fun incluíndo novas abreviaturas para dar conta da natureza dos erros que van coñecendo ao longo do curso (redundancia, anacoluto…). Trátase de que os teñan presentes máis alá da unidade e os exercicios concretos nos que se traballaron eses erros.

2 respostas a “Patrón de autocorrección da expresión escrita (adaptación)

  1. Pingback: Reparar na escrita e reparar nas prácticas propias « Caderno de Lingua

  2. Pingback: Rúbrica para a avaliación de traballos de Lectura (2º Ciclo ESO) | Caderno de Lingua

Deixar un comentario