Arquivo por etiquetas: texto narrativo

Prácticas narrativas II

Nas Aulas de Lingua Galega de 3º da ESO seguimos ás voltas co texto narrativo a través de diferentes propostas. Aproveitando a vizosidade do chamado audiovisual galego, temos ao noso dispor unha boa cantidade de curtametraxes en lingua galega en canles temáticas, certames na rede, blogues especializados, páxinas dos propios autores e das produtoras… e nese universo infinito que é Youtube, Google Vídeos… Trátase, xa que logo, de peneirar a rede. Podemos comezar por:

Curtas na Rede (curtas gañadoras edición 2006, curtas participantes edición 2007)

Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). Visionado de películas.

Axencia Audiovisual Galega

O Soportal do Audiovisual Galego  do Consello da Cultura Galega

Curtametraxes

Esta actividade integra a narrativa noutras linguaxes artísticas aos ollos do alumnado e pode servir de introdución á linguaxe audiovisual.

  • Obxectivos:
  1. Crear un relato a partir do visionado dunha curtametraxe.
  2. Achegar o panorama actual do audiovisual galego.
  • Desenvolmento:
  1. Segundo a natureza da curta, a súa complexidade, o número de personaxes… determinarase o número de alumnos/as que elaborarán o relato de xeito individual e dende diferentes enfoques narratolóxicos.
  2. Orientarase a creación cara a unha versión máis fiel ou unha recreación libre do relato audiovisual, mais nunca se procura a plasmación exacta da curta visionada. 
  3. Páutase a narración marcándolle a cada alumno/a o tipo de narrador e o punto de vista, a escolla dun personaxe, o plano temporal, a existencia (ou non) de diálogos (en estilo directo ou indirecto), etc. para obter as perspectivas do relato.
  • Conclusión: posta en común dos textos creados polo alumnado. 

O alumnado de 3º da ESO do CPI don Aurelio realizou esta actividade a partir dunha primeira escolma de curtas, nas que prima a introspección sobre a acción e deixa unha marxe máis ou menos ampla para a libre interpretación das historias. Traballaron 2 ou 3 alumnos/as sobre cada unha delas. 

A miopía (2003), de David Pardo.

Cores (2007), de Jairo Iglesias.

A rosa dos ventos (2008), de Jairo Iglesias.

Cruzarei ese mar (2007), de Jbcav, curtametraxe participante en Curtas na Rede 2007.

Baseada en feitos que puideron ter ocorrido (2006), de Ozo.

Galiza (2005), de Pachi Baranda e Manuel I. Nanín

Prácticas narrativas I

O dominio dos elementos constitutivos do texto narrativo por parte do alumnado chega, após a súa introdución teórica e o seu recoñecemento en textos alleos, por medio da construción de textos de elaboración propia.

Unha actividade moi sinxela coma a seguinte pode visualizar a escrita coma un proceso lóxico e planificado que a través do dominio e o adestramento nunha serie de técnicas está ao alcance de todos/as.

  • Obxectivo: crear un relato a partir dunha imaxe ou unha serie de imaxes suxerentes.

  • Desenvolmento:

          – Liberdade total para o alumnado á hora de elaborar a narración.

          – Tarefa guiada ou semiguiada pautando os elementos propios do texto narrativo:
            a. Personaxes, argumento e coordenadas espazo-temporais.
            b. Tipo de narrador e punto de vista… ou combinar varios.
            c. Narración, descrición e diálogo.

         –  Variantes. Tendo en conta as premisas anteriores, pódese acometer coma:
            a. traballo individual ou grupal,
            b. elaboración dun relato encadeado
            c. reparto de funcións (un introduce diálogos, outra narra en 3ª persoa, etc.).

  • Conclusión: posta en común dos textos creados polo alumnado. 

Unha serie de cadros suxerentes e abertos a diversas interpretacións é Os amantes, de René Magritte.