Arquivo por etiquetas: Xaime Varela Sieiro

Ferramentas innovadoras para o ensino de Lingua e Literatura Galega

curso_barrié

Por aquí andaremos a finais de febreiro xunto con dous auténticos mestres nisto do uso educativo das TIC na Área de Lingua e Literatura, Xano e Xaime (moitos parabéns por este novo recoñecemento ao proxecto Fala Londres). Mesmo dá reparo rematar o curso tras eles. Quedades convidados/as!

Máis propostas TIC para a normalización lingüística e a aprendizaxe do galego

O vindeiro venres comezan na Facultade de Ciencias da Educación da USC as II Xornadas sobre Linguas e Educación en Galiza, que nesta edición se centran na “planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios”. O programa recolle palestras e relatorios que teñen como eixo común a planificación lingüística como ferramenta para a normalización dos centros escolares e da súa contorna e o papel que xogan os docentes nos proxectos normalizadores. Ademais, daranse a coñecer experiencias concretas que nesta dirección se desenvolven en diferentes niveis e centros educativos enmarcados en contextos moi diversos.

No bloque de experiencias que abordan a Planificación lingüística orientada tamén á normalización da contorna social acompañarei (e digo ben, acompañar) a Pilar Ponte para achegar unha panorámica, algún proxecto xa testado e unhas cantas propostas e reflexións sobre o uso educativo das redes sociais no ámbito da normalización lingüística.

Como base da miña intervención recorrerei, entre outros materiais, a esta magnífica e moi traballada proposta do profesor de Lingua Galega e Literatura Xaime Varela Sieiro (actualmente por aquí), que é a base dun relatorio presentado hai xa un tempo nunha Xornada de Encontro dos Lectores de Galego. Aínda que o autor se centra no uso educativo das aplicacións da web 2.0, especialmente dos blogues, no ensino/aprendizaxe nos lectorados de galego (que só parcialmente se puxo en práctica neste Planeta GaLE), moitas das actividades (diapositivas 35-42) que propón nesta presentación son adaptábeis ao ensino non universitario para dinamizar unha rede social de intercambio entre equipos de normalización ou na materia de lingua, como el mesmo experimenta cos seus cativos londinenses (1, 2 e 3).

Cumpría xa, pois sen tempo non era, publicar este traballo:

Os blogues educativos (revisión)

Convidado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, acudín como “sparring” á  Xornada de Encontro dos Lectores de Galego (29-30 de decembro) para falar dos blogues educativos ante o colectivo de docentes que conforman a rede de Lectorados de Lingua Galega polo mundo adiante e do que eu mesmo formei parte entre os anos 2002 e comezos do 2006.

Esta presentación vén sendo unha revisión destoutra elaborada hai un mes para outro curso de formación. Máis que nada, a miña achega é moi limitada e, se cadra, este Caderno de Lingua demostra que calquera docente sen coñecementos previos da web 2.0 pode aproveitar estas novas ferramentas no seu traballo cotián. O slide actualiza algunhas ligazóns a bitácoras educativas e apenas incorpora, como contidos novos, un achegamento ás redes sociais, en concreto á plataforma NING e mais a Palabea e Edufrysk, dúas redes sociais orientadas á aprendizaxe de segundas linguas, a primeira a linguas maioritarias como o inglés, o español, o alemán, etc. e a segunda á lingua frisoa.

Nas xornadas organizadas pola SXPL houbo achegas de moito valor. Destacaría a proposta de traballo para a aplicación das TIC na aprendizaxe do galego polo alumnado dos lectorados (e non só), presentada por Xaime Varela Sieiro, profesor de lingua galega no IES Chano Piñeiro de Forcarei, ou experiencias concretas como o manexo do programa Subtitle Workshop para a lexendaxe de filmes, dada a coñecer por Uxía Iglesias, lectora na Universidade de Kiel (Alemaña); o proxecto dun documentario de Xabier Cid, da Universidade de Stirling (Escocia); e o traballo co vídeo nas aulas de Séchu Sende. Son todas elas actividades que poden dar moito xogo no ensino secundario e das que falaremos en breve.