Arquivo por etiquetas: Trier

(Re)Interpretar Galiza a través do humor

A semana pasada andei por Trier (Alemaña) convidado polo lectorado galego daquela universidade para impartir unha charla cun título e un subtítulo que poden resultar, cando menos, curiosos. Trátase dun relatorio que preparei hai uns anos cando eu mesmo era lector de lingua galega na Universidade do País Vasco, máis que nada para completar (por aquilo dos créditos de libre configuración para o alumnado) un ciclo de conferencias organizado polo lectorado baixo o título Galiza: hai alguén aí?, que quería aproximarse a distintos ámbitos da realidade galega e que contou con Xosé Manuel Beiras como convidado de excepción. Logo, tras repetir a experiencia ante os/as amigos/as da Casa de Galicia de Donostia, deille unha orientación máis académica para responder ao convite do lectorado da Universidade Complutense de Madrid.

O relatorio combina elementos moi diferentes entre si que, se cadra, non acaban de empastar moi ben mais que teñen como fío condutor o humor, máis en concreto o humor como ferramenta de análise da realidade galega en diferentes ámbitos da creación artística e literaria. Así, tras un breve achegamento aos conceptos do humor e ao máis específico da retranca, a presentación camiña polo ámbito da literatura (as cantigas de escarnio e maldizer, Castelao, Suso de Toro, Antón Reixa e Séchu Sende), do deseño gráfico aplicado á elaboración de camisolas (Rei Zentolo, Onze Varas, Nicetrip…) ou á rede (Aduaneiros Sem Fronteiras), de publicacións como Retranca ou de iniciativas nacidas na internet que teñen un pé na rúa (a Via Anti-Colonial Activa, o Agro-Pop Art, Tan Gallego como el Gazpacho ou o novísimo blogue Sei o que figestes… nos últimos 525 anos). A polémica lingüística actual motivou nesta ocasión a inclusión dalgunha referencia ao tratamento humorístico dun tema tan sensíbel.

Son apenas calas nun material que se antolla moi heteroxéneo e non moi propio dos ámbitos académicos, moito menos do alemán. Seica anda alguén por aí traballando sobre isto (ou parte disto) dunha maneira máis rigorosa porque o tema este do humor é moi serio e achegarse ao noso imaxinario colectivo dende o riso é moi san e terapéutico.