Arquivo por etiquetas: Tratamento Integrado de Linguas

II Encontro de equipos e docentes pola normalización

Chega a segunda edición da xornada formativa, de intercambio de experiencias e de convivio que é o Encontro de equipos e docentes pola normalización que organiza a Coordinadora Galega de ENDL. Terá lugar na mañá do sábado 11 de febreiro no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela e para inscribirse tan só  fai falla confirmar asistencia enviando un correo a correo@coordinadoraendl.org.

O programa ábrese cunha análise do modelo educativo dos centros plurilingües posto en marcha no sistema educativo galego pola Consellería de Educación a cargo de José Manuel Vez Jeremías, catedrático de Didáctica da Lingua e Literatura na Facultade de Ciencias da Educación da USC e fundador e presidente do Observatorio Atrium Linguarum. A seguir, Mercedes Queixas Zas, profesora de ensino secundario e autora de numerosos materiais divulgativos sobre a lingua e a literatura galegas, achegará unha visión do Tratamento Integrado de Linguas, unha proposta necesaria e seria para avanzar con realismo na adquisición da competencia lingüística plurilingüe. Dúas quendas de encontros para partillar experiencias e recursos entre os Equipos de Normalización Lingüística darán paso á presentación de actividades da CGENDL para desenvolver en rede durante o que resta de curso e da iniciativa Vitaminas para o Galego, unha das campañas que apostan  nestes últimos meses polo galego nos medios de comunicación. Así mesmo, haberá unha mostra de materiais producidos polos Equipos que queiran difundir e compartir parte do seu traballo.

En definitiva, un foro preciso para avanzarmos na normalización da lingua galega, unha ferramenta creada polos propios Equipos e o profesorado para aminorar, na medida do posíbel, as consecuencias do abandono da administración educativa.

A planificación lingüística no ensino

No marco das xornadas de formación Competencia en comunicación lingüística nunha Europa plurilingüe e pluricultural organizadas polo CEFORE de Pontevedra durante este mes de novembro, a coordinadora dos ENDL da Coruña, Mercedes Queixas Zas, presentou un relatorio sobre a “Planificación Lingüística de Centro”. Ademais de convidar á reflexión sobre o equilibrio que é necesario acadar na xestión do bilingüismo nos centros educativos do país, e das súas vantaxes na adquisición da competencias lingüísticas do alumnado,   na súa exposición subliñou a necesidade de elaborar o PLC dende unha visión integrada do ensino das linguas presentes no centro, tanto das linguas maternas como das linguas estranxeiras obxecto de ensino e aprendizaxe pasando polas linguas que trae o alumnado aos nosos colexios e institutos. Este enfoque, o denominado Tratamento Integrado de Linguas (TIL), centrou boa parte das intervencións das xornadas e deu pé á conformación de grupos de traballo en diferentes centros pontevedreses e a un blogue que pretende servir de referencia nun camiño aínda pouco transitado por estas terras.

Entradas relacionadas:

Entrevista a Mercedes Queixas Zas, Coordenadora dos ENDL

A didáctica integrada das linguas no Proxecto Lingüístico de Centro

Elaboración da Planificación Sociolingüística de Centro