Arquivo por etiquetas: TIC

O galego na rede: gústanos (II)

Segunda entrega na que respondo ao pedimento dos amigos de  Irimia (blogue da asociación) que me solicitaban unha escolma de sitios web en galego de interese. O artigo sae publicado no número 848 (do 6 ao 26 de febreiro de 2012) deste veterana publicación.

Agardo propostas, que caeu moito peixe fóra da rede!

O idioma ante un novo paradigma sociocultural

Na entrega anterior formulamos a necesidade de considerar a rede como un espazo que se debe conquistar para o idioma, mais non só como un ámbito de actuación máis da política lingüística coma outros (empresa, administración, medios, etc.), senón como unha oportunidade para a normalización lingüística. Isto é: no canto de preguntármonos se a súa presenza na internet reflicte a saúde da lingua na sociedade, afrontemos o reto de ver na rede unha plataforma para ir por diante da sociedade e tirando dos usos idiomáticos. Por que? Porque xa diciamos que as TIC lle conferen un valor engadido ao galego (prestixio, utilidade e visibilización). E máis que? Porque vivimos inseridos nunha sociedade en plena transformación na que a tecnoloxía dixital e as novas canles de comunicación invaden as moi variadas parcelas do noso cotián, até o punto de afectaren aos nosos hábitos sociais e culturais. Neste novo paradigma, a creación, a transmisión e o consumo do coñecemento e a información están mediatizados por unha infinidade de ferramentas e servizos que nos converteron en consumidores e produtores a un tempo nunha fase máis participativa e horizontal da rede.

Información en galego

No camiño da normalización é preciso atinxir todos os ámbitos, mais os medios sempre foron obxecto dunha atención especial pola súa relevancia social. Era e é preciso contarmos con medios informativos en lingua galega e se botamos a vista atrás, non moito, comprobamos que saímos dun bienio horribilis coa desaparición de medios de referencia, dixitais como Vieiros, ou en papel como Galicia Hoxe, A Nosa Terra ou A Peneira (con edicións tamén na rede). Mesmo nos vimos privados de medios que foron máis alá da raquítica porcentaxe en que usan o idioma as cabeceiras tradicionais. Foi o caso de Xornal de Galicia.

Como diciamos no número anterior, ante a falta dunha política lingüística para as TIC, e (engadimos) para os medios, xorden iniciativas que, partindo de proxectos de base social, abren camiños á pluralidade informativa e á lingua. Praza Pública naceu hai uns días pensada e deseñada para internet e para “evitar o silencio que encore a Galicia”. Canda este medio, a iniciativa Vitaminas para o galego vén de darlles visibilidade a máis dunha ducia de medios de alcance nacional (De Luns a Venres, Galicia Confidencial, Tempos Dixital, Novas da Galiza ou RadioFusión), comarcal (Certo, Crónica3 A Mariña, Que pasa na Costa, Val Miñor.info, Terra Chá e O Sil) ou temáticos (Disquecool e Surf GZ), todos eles pequenos (grandes) proxectos que vehiculan información e contidos variados en galego. Nas próximas semanas uniranse a este esperanzador panorama Sermos Galiza e Diovio, empresas colectivas que fan posíbel esa rede democratizadora.

+ Internet + Galego + Futuro

Este non é só o lema dunha campaña institucional -xa vencida no tempo e nas urnas- para a tripla festividade do 17 de maio, Día da Internet, das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e das Letras Galegas. É a aposta por unha estratexia creadora, en positivo e dinamizadora da rede da que fan gala moitos sitios web que achegan contidos no noso idioma.

Na listaxe das 100 páxinas web galegas máis populares en decembro, o galego, máis alá das páxinas institucionais e de organizacións políticas e sindicais, é a lingua -ou opción preferencial- do portal informativo Galiciaé, a rede de promoción de novas Chuza, culturagalega.org, a páxina da empresa R (mundo-r) e Código Cero, o recomendábel “Diario das novas tecnolóxicas de Galicia” que publica este ránking mensual.

Se non atendemos a clasificacións, os contidos flúen en galego pola rede en milleiros de sitios web, blogues e nas redes sociais. Hai tantos como intereses diversos pode haber nos lectores de Irimia, que tamén se asoma ao internet. Recomendemos uns cantos pola súa calidade no deseño e no tratamento dos contidos. Xa citados: Disquecool e SurfGz. A primeira é unha fiestra para estar ao tanto das últimas tendencias en Galicia, para descubrir o máis in da moda, as novas tecnoloxías, a arte e o deseño ou a publicidade feita aquí. E a segunda páxina tráenos “as novas da praia” para os amantes dunha práctica deportiva na que Galiza é unha potencia.

Seguindo na senda deportiva, ofrece versión en galego Curuxarallye, a revista mensual dese mundo do motor que arrastra milleiros de seguidores ás pistas do rural semana tras semana. Para a música hai unha oferta variada, para seguir a actualidade e tamén para descargar discos e temas, comezando por Komunikando e seguindo por Ghastas Pista, A Regueifa, Malmequer, Música en Galego e O Toxo Rabudo. O cinema ten o seu espazo en A Cuarta Parede, a “primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica”, e Cinema Galego, un proxecto colaborativo para difundir a nosa creación audiovisual; e os videoxogos coméntanse en Memoria Pixelada.

Os amantes da gastronomía catarán as receitas máis saborosas e os viños máis exquisitos en Código Cociña, porta de entrada de ducias de bloggastrónomos, moitos tamén en galego. Un dos país da criatura é Manuel Gago, autor do popular Capítulo Cero, no que transmite paixón en todo o que conta: deseño, TIC, roteiros ou patrimonio e arqueoloxía, campo no que tamén impulsa o web Patrimonio Galego.

Moitos contidos en galego, de calidade e sustentados na implicación de moitas persoas: a rede constrúea a sociedade, aínda que non haxa unha planificación de quen debera potenciar o idioma na arañeira. O futuro escríbese no noso teclado, ten os pés nas orixes e a esperanza nos que deixan o berce. Para eses cativos, a Orella Pendella, para que lles transmitamos na lingua do corazón “ditos, recitados e cancións infantís”. E, para non esquecer as palabras coas que o pobo armou historias, Galicia Encantada, a “Enciclopedia da fantasía popular galega”. Outros dous proxectos colaborativos, diso viñemos falando, de partillar.

O galego na rede, espello da súa situación na sociedade? (I)

Como anda o panorama da lingua galega na rede? Vaia pregunta que lanzan as boas xentes de Irimia (blogue da asociación) no número 847 (23 de xaneiro ao 5 de febreiro) da súa publicación. Mais responden eles mesmos na propia portada: “Todo o que vai á rede é peixe”. E diso andamos necesitados, de contidos, en cantidade mais sobre todo en calidade, e niso cavilei un chisco para esta primeira entrega (que vai precedida dunha entrevista a Socorro García Conde, responsábel do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago). Para a quicena próxima seguiralle a este artigo unha segunda parte.

Unha aclaración necesaria: cuestión de método

A esta pregunta respondía Xavier Gómez Guinovart en 2003 (A lingua galega en internet): “a situación de minoración (inferioridade e subordinación) do galego en Galicia reprodúcese en Internet en toda a súa crueza”. Facíao logo de cruzar índices como o idioma dos contidos das páxinas e o número de falantes dun idioma seguindo os datos servidos polo buscador Alltheweb (hoxe desaparecido). Cos problemas metodolóxicos que recoñecía para contar con indicadores fiábeis, o galego aparecía daquela no posto 37º, con 98.998 páxinas, o que viña sendo o 0’014% das páxinas da internet. Cruzando o número de webs nunha lingua e a cantidade de falantes desa lingua saía a 0’025 páxinas en galego por falante. Considerando a rede como un espazo propicio para a homoxeneización cultural e lingüística, cara ao inglés e o castelán, Guinovart, fundador do Seminario de Lingüística Informática da UVigo, sinalaba que habería cincuenta veces máis páxinas en inglés, e dúas veces máis en castelán, ca en galego.

Era moito ou pouco? Cal era e é o grao de vitalidade do galego na arañeira? Que pasou dende entón? Parece arriscado estabelecer comparacións entre linguas francas, estatais, locais, de países subdesenvolvidos con escaso acceso á rede, etc. mais o certo é que en internet, non no espazo físico, si “compiten” todas. A Unesco sinalaba en 2008 (Doce anos medindo a diversidade lingüística en internet: balance e perspectivas) que, tras se afinaren os mecanismos de investigación, a arrolladora presenza do inglés de comezos de século (ao redor dun 80% dos contidos) non era tal e que a presenza dunha lingua no ciberespazo é moi semellante á que ten no mundo real. Ademais, se consideramos que en territorios que se incorporaron máis tarde á rede os usuarios primeiro consomen contidos feitos por outros (noutras linguas) e que pouco a pouco os van creando (xa nas súas) ese índice (falantes/contidos) perde valor. En definitiva, o que precisa unha lingua para posicionarse na rede son políticas de alfabetización dixital e de creación de contidos, non só de acceso á internet.

A clave tamén está, polo tanto, na fenda dixital, que nun país coma o noso, con indicadores tan negativos como o avellentamento da poboación e a dispersión xeográfica, non é unha cuestión menor. A un período inicial precoz para o inglés seguíronlle a eclosión asiática (onde alternan linguas locais e o inglés),  impulsos para o español e o portugués polo acceso de Sudamérica á rede e a aprobación de dominios xenéricos (.org ou .net) que se suman aos estatais (.us, .es. ou .br), o que redundou na falta de rigor dos datos e de aí que se considere que actualmente hai unha maior diversidade lingüística en internet.

A calidade e a colaboración en rede, requisitos para xogar na división do galego

O galego pode considerarse no ránking global pero, sobre todo, xunto ao catalán, o irlandés ou o frisón, no dos idiomas minorizados que se falan en países desenvolvidos. Precisamos, entón, medir en calidade, non só en cantidade. E aquí é onde pensamos que a internet cumpre un papel fundamental no proceso de normalización lingüística porque é imprescindíbel crear contidos en galego; porque as TIC lle confiren prestixio social e utilidade; e porque, nun contexto global como o actual, as novas tecnoloxías e as novas plataformas de comunicación ofrécenlles ás linguas minorizadas unha oportunidade única para facerse visíbeis e afondar na sensibilización social contribuíndo á diversidade cultural e lingüística do planeta.

Precisamente, nestes días a cultura e a lingua galegas poden conseguir un dominio propio grazas á iniciativa Puntogal, apoiada por 12.000 persoas e unhas 180 entidades. O esforzo conxunto da sociedade civil é a que está  paliando a ausencia dunha política lingüística institucional que cree as condicións favorábeis para a extensión da lingua na rede. Porque calidade, cooperación e compromiso haino en quen desenvolveu o software libre en galego: as comunidades de usuarios como o Proxecto Trasno e as empresas do sector das TIC, principalmente agrupadas en torno a EGANET e AGASOL, que fan que hoxe en día poidamos traballar con sistemas operativos como Ubuntu, buscar información a través de Firefox ou Chrome e dispoñer dun abano, nunca suficiente pero xa importante, de numerosos programas.

Imos tendo tamén un bo número de ferramentas lingüísticas: dicionarios (Digalego ou e-Estraviz), tradutores (Opentrad, Apertium ou Traducíndote), correctores (Ortogal, OpenOffice ou Golfiño), glosarios (cunha importante  implicación dos SNL e os grupos de traballo das universidades) e mesmo aplicacións para os cada vez máis presentes, porque a rede viaxa con nós, dispositivos portátiles (como os deseñados por Galapps para o sistema operativo Android). É tamén a comunidade usuaria a que fai medrar cada día a Galipedia; a que posibilitou a opción do galego na plataforma de blogues WordPress (sen esquecer a dinámica Blogaliza); que Google ofreza parte dos seus servizos en galego (faltan Gmail e Blogger!); que redes sociais tan importantes como Facebook ou Tuenti estean en galego, como a oriúnda Cabozo; ou que hoxe en día estea en marcha unha campaña pola galeguización do Twitter (@tweet_en_galego).

De lado destes avances protagonizados por usuarios, colectivos e empresas bótase en falta unha planificación lingüística concibida para a sociedade da información, tanto, que os contributos da administración son pequenos ou chegan cando os proxectos están maduros e percorreron sós o camino. Ou aposta polo software privado (negocia con Microsoft, a quen se lle compran milleiros de copias) mentres desmantela iniciativas como Mancomún. Ou implántase un caótico programa Escola 2.0 con miles de custosos equipos sen implicar as empresas galegas do sector e sen formar nin incentivar o profesorado para elaborar e partillar contidos. Ou, en fin, non explora as posibilidades que a rede brinda para a sensibilización social que iniciativas colaborativas como Eufalo.TV ou GalegoLab, e campañas como Orgullos@s do galego da CGENDL,  demostran que son posíbeis.

Cartaz dixital sobre Lois Pereiro

Metidos a experimentar con novas aplicacións chegamos, da man de  Lois Pereiro, a Glogster, unha ferramenta que permite crear en liña cartaces dixitais multimedia pois permite incrustar imaxes, sons, vídeo, etc. A súa potencialidade didáctica é alta e numerosos os seus usos educativos; nin que dicir ten que a súa forte dimensión visual fai de Glogster un recurso moi atractivo para o alumnado. Das súas características técnicas e os posíbeis usos que se lle pode dar nas aulas dá boa conta Xano neste blogue centrado en diversas aplicacións multimedia, outro espazo de referencia para o aproveitamento educativo da web 2.0.

A lingua galega e a relación coas TIC

Os asistentes ao III Seminario de Dinamización Lingüística que se celebra estes días en Pontevedra puidemos coñecer no día de onte a primeira experiencia práctica no eido da normalización que se presentou nas xornadas . Marcelino Veiguela Fuentes, Asesor Científico-Tecnolóxico do CEFORE en Tui, achegounos o traballo colaborativo “A lingua galega e a relación coas TIC” do IES de Chapela (Redondela), que contou co recoñecemento da Secretaría Xeral de Política Linguística como Premio á Innovación en normalización lingüística 2007. Este ambicioso proxecto, que podedes descargar na web da SXPL ou baixar como presentación en slideshare.net (a que vedes máis abaixo), asenta en catro liñas de traballo:

– Creación de weblogues da Biblioteca e da materia de Tecnoloxía de 4º da ESO do instituto.

– Elabración de webquest, miniquest e buscas do tesouro (exemplo).

– Podcast para o fomento do galego dentro e fóra das aulas do centro educativo (exemplo).

Videoconferencia das Letras Galegas 2008 mantida entre o alumnado de 1º ESO do IES Chapela e de 6º de Primaria do CEIP Alexandre Bóveda a través de skype.

Paga a pena deterse polo miúdo neste traballo, tanto no arquivo .pdf como no diaporama, (tamén está disponíbel a memoria) non só en canto aos contidos en si mesmos senón tamén pola calidade do proxecto. A súa estruturación, o cronograma, a concreción dos pasos dados ou as guías de cada unha das aplicacións empregadas no seu desenvolvemento (blogue, skype, podcast, audacity, etc.) incorporadas na presentación constitúen un bo punto de partida para botar a andar actividades semellantes nos nosos centros, xa dende un simple weblogue xa apostando por unha ferramenta máis complexa como os podcast. Afrontar un proxecto global require xa da implicación dun grupo interdisciplinar importante. Neste caso traballaron as áreas de lingua galega e tecnoloxía, o ENDL, o centro de recursos da zona e o departamento de música, que chegou a adaptar software para mellorar o son nos podcast.

Para todos eles, parabéns.

Na páxina do Departamento de Lingua Galega tamén hai recursos de interese para o traballo nas aulas.