Arquivo por etiquetas: tempo metereolóxico

Xaneiro mollado, se non é bo para o pan, é bo para o gando

Prestoume a idea que Pilar Ponte acuñou no seu blogue e concretou nunha categoría, Para min e para ti, que recolle materiais publicados por diferentes persoas que poden ser aproveitables para as aulas. Esta entrada podería formar parte desa proposta pois recolle materiais publicados en distintos sitios web, que escolmo xunto con algún artigo propio para completar o tema xa recorrente da riqueza lingüística da lingua galega para nomear a chuva e outros fenómenos metereolóxicos.

Galicia Ciencia (04-01-2016)

Galicia Ciencia (04-01-2016)

Galicia Ciencia, páxina sempre interesante e de primeira utilidade, publica hoxe As cen palabras en galego para designar a chuvia coincidindo con este comezo de ano de temporal ininterrompido e recuperando a tese de investigación da profesora Elvira Fidalgo, que publicou artigos como “Denominacións galegas de chuvia / chover” (referencia bibliográfica aquí) e A onomatopeia como creadora de denominación da chuvia/chover. Noutras obras colectivas tamén atopamos traballos como os das investigadoras M. González González e B. Varela Vázquez: As denominacións da ‘chuvia miúda’: variedades diatópicas e lingua literaria e Denominacións para ‘ceo’ e ‘nubes’ en galego moderno.

Mais para aplicar directamente nas aulas recupero estes exercicios léxicos da páxina Anxo González e Vitoria Ogando e mais tres artigos propios publicados neste blogue e no do Departamento de Lingua Galega do CPI Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior, especialmente o terceiro deles, que inclúe algúns temas musicais:

Engado, así mesmo, unha proposta de traballo de aula que me dá a coñecer Miro Villar en Twitter: O alumnado de 3º da ESO do CPI Viaño Pequeno fixo en 2014 este Dicionario da chuvia en Trazo. Grazas, Miro!

Fraseoloxía, música, fotografía, cinema, literatura e ensaio… o tema dá para un mundo entre nós. Lembrades esta imaxe de Manuel Rivas en Unha espía en el reino de Galicia (Xerais, 2002):

Os indíxenas levan o paraugas como un apéndice, suxeito ás vértebras dorsais a maneira de aleta de peixe. Como bo anfibio, o que máis lle gusta ao galego é falar do tempo. Se é de política, remítese á meteoroloxía… -Mexan por nós e edicimos que chove. -Home, nunca choveu que non escampara ! O galego anfibio está en perigo de “abdución”. Ós abducidos de Expediente X méteselles un ser estraño na cachola. Os galegos abducidos méteselles unha especie de tío cachas de Vigilantes de la playa que se amouca cando chove como se caera augarrás. Trátase dunha mentalidade que considera exóticas as chuvieiras, os orballos, as brétemas, a rosa dos ventos e toda a paisaxe indómita do ceo. E Constrúense as cidades e vilas de maneira trapalleira, sen ter en conta o eterno retorno das augas, como se as borrascas das Azores foran un conto do Xestal. O galego anfibio sabe que Galicia non sería Galicia sen a chuvia. Respira polas branquias e leva o paraugas coa elegancia dun brazo ortopédico.

"O paraugas", de Dani Vázquez : https://www.flickr.com/photos/dani_vazquez/albums

“O paraugas”, de Dani Vázquez: https://www.flickr.com/photos/dani_vazquez/albums

Quen se anima a facer unha escolma de materiais humorísticos comezando, por exemplo, coas viñetas de Luís Davila ‘O Bichero’? Baixo a etiquetas metereoloxia (sen til) e metereoloxía (con til) xa publicou máis de medio cento de viñetas.

Luís Davila, "O Bichero"

Luís Davila, “O Bichero”

Orballo, poalla, mera, chuvisca, barruzo…

Era cousa un día de recoller todo canto material hai aproveitable para traballar nas aulas o léxico do tempo metereolóxico. E darlle un enfoque ameno e divertido pois hai moitísimos recursos de diversa fasquía para facelo (refraneiro, anuncios, música, textos literarios, cinema, deseños para camisolas e outras prendas e obxectos, etc.). Non faltaría o humor e a retranca da que acostumamos botar man para capear o temporal nas conversas e situacións cotiás (as viñetas de Luís Davila, O Bichero, terían un lugar destacado). Esta entrada publicada no blogue do colexio pode ser un exemplo moi modesto de por onde irían as cousas.

En relación a isto, lembro que hai un tempo armara unha charla (repetida no Centro Galego de Donostia, na Cátedra de Estudos Galegos da UCM e no Galicien Zentrum da Universität de Trier) nestes termos. Xa choveu!

charla_trier

Actualización (01/01/2014): Unha ducia de días de chuvia (por David Lombao, no Praza Pública) ou a chuvia que marca os nosos momentos colectivos.