Arquivo por etiquetas: SonCine

O meu Son

No curso que vén de rematar “O meu Son” colleu o testemuño de Vinte Dez TV, unha iniciativa de SonCine e o Equipo de Normalización Lingüística que tiña como obxectivo rexistrar a vida escolar do IES de Porto do Son e que mereceu un accésit nos Premio de Innovación en NL 2009-2010. Desta volta, David e o alumnado de 3º de Audiovisuais armaron un proxecto que tenta reflectir a súa xeografía vivencial, emocional, de Porto do Son. Os rapaces e rapazas levaron consigo unha cámara e filmaron o seu lugar preferido, e foron saíndo traballos moi interesantes, que podedes ver aquí reunidos e nos que paga a pena deterse amodo. Tahúme, a Lagoa de San Pedro, a Fervenza da Madanela, os Muíños de Cabanela e Noal foron pasando por diante nosa e hoxe xa figuran entre os mellores rexistros audiovisuais sobre o concello. Mais aínda houbo tempo para captar a intensidade dunha mata, achegarse ao pequeno microcosmos de Mirian, brincar sobre as areas de Baroña ao lombo de Ventisca ou revivir os mellores tempos do cinema de Queiruga.

E para poñerlle o ramo a este curso dedicado ao audiovisual (Cinefórum, Encontro do Audiovisual Escolar Galego, XII Premio Leixaprén a Manolo González, exposición o cinema e cartaces), nada mellor que a última peza do noso Son, o documental (unidade didactica audiovisual) “A seca. Praia de Cabeiro”, todo un exemplo de escola activa, motivadora, inserida no seu contorno e galeguizadora, próxima a iso que chaman ensino informal.

Vodpod videos no longer available.

Rebrincan os arroás diante dos nosos ollos. A beleza do mundo nas mans… pero o sargassum muticum, alga invasora aí impedindo a diversidade da vida: + info aquí sargassum.es/​invasions.html.

Tiñamos unha débeda coa praia de Cabeiro: a praia do noso IES, a praia de noso. Foi boa de pagar grazas a Antón, a Xulio e a Lucía, do Departamento de Ciencias da Natureza, e ao alumnado de 3º de SonCine e aos de 5ºA, que fixeron as fotos para un seu traballo. Escoitando a Antón dan ganas de ser outra vez un rapaz para ir á escola. Algúns mandaríns din que non traballamos; non ho!. A nosa ilusión sería que fose útil noutras escolas.

Texto tirado de SonCine

Advertisements

Unha festa do audiovisual escolar e da lingua

Mañá reunímonos en Porto do Son un bo grupo de docentes e alumnos e alumnas de 18 centros educativos de secundaria de toda Galiza para compartir proxectos, experiencias e coñecementos no Encontro do Audiovisual Escolar Galego. Tras uns cantos meses de traballo chegou o momento da celebración, o convivio e a aprendizaxe a carón do lume vivo de tanta enerxía creativa, que a hai e moita entre as paredes dos colexios e institutos. Unha boa mostra témola aquí. Tamén no Son se vai facendo camiño: SonCine, Vinte Dez TV, O meu Son, o Cinefórum

O Encontro serve de marco idóneo para entregar o XII Premio Leixaprén, da Coordinadora de ENL da comarca do Barbanza e da ría de Muros Noia, a Manolo González, en recoñecemento ao seu labor de promoción do audiovisual galego e da lingua galega no audiovisual, e como expoñente dun traballo colectivo, labor calado e de base, de todas aquelas persoas que introduciron e dinamizaron o audiovisual nos ámbitos afeccionado e escolar.

Quizais todo comece na cabina de proxección dun cine. Nun neno que mira como o seu pai coloca as bobinas no proxector, apaga as luces da sala e abre as portas á luz dos soños. O cine. Se cadra todo consista na fidelidade entusiasta a esa experiencia: a necesidade de saber, de compartir, de producir a posibilidade dunha expresión soberana, de dar lugar a que suceda a creatividade. Manolo sempre construíu canles: de produción, de difusión, canles de creatividade. Dalgunha maneira nunca deixou esa cabina de proxección no cine da súa infancia. E iso é o que queremos agradecerlle.

SonCine: ollar, sentir, ler…

Os pasados 7 e 8 de abril tiveron lugar en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 10/11, que reuniron uns 300 docentes responsábeis das bibliotecas integradas actualmente no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Nas xornadas participou o noso compañeiro David Pérez para partillar cos asistentes a experiencia do Proxecto SonCine que se densevolve no IES de Porto do Son dende o ano 2006.

Permítome reproducir o seguinte texto de Sonia Ces, a nosa compañeira que coordina o Equipo da Biblioteca, para sintetizar a mensaxe do relatorio:

O título “académico” dicía así: “Rexistrando as actividades da biblioteca”, e o que el expuso era “Ollar, sentir, ler”. A realidade, o sistema, crítica, erros, acertos, consellos, posibilidades, arelas. Ou como fuxir do cadrado se o que se pretende é facer algo “redondo”. Case sempre se fai audiovisual nas aulas con dúas intencións: unha, incitar a aprendizaxe: en natureza, literatura, química ou educación física (vaite ti ver); dúas, aprender a contar. En realidade, non o sabes ata que sabes contalo. (…) E o audiovisual é a arma máis forte que temos para facelo. O valor dos audiovisuais medra cada día que pasa porque esas imaxes son a mesmiña escrita do Tempo”. É nisto no que cre, e esta é a razon que, para fortuna nosa, o leva a participar connosco nas actividades que organizamos dende a biblioteca. Como xa sabedes, está a ser a nosa mirada no centro e ten conseguido que algúns de vos manifestedes xa tamén a vosa mirada e a vosa voz.

Acredito, e comparto a fortuna de ver traballar a David e de que o seu alumnado e mais el “rexistrasen” estas fermosas e intensas vivencias educativas. Recomendo visualizar a seguinte presentación: así se constrúe o audiovisual dende as/nas aulas.

E, coma xa aconteceu nalgunha ocasión anterior, na volta da viaxe sempre hai un agasallo. Onde vai o cineasta sen cámara, aínda que sexa un aparello modesto pois os rapaces e rapazas levan para a casa os bos para filmar nas tardes e na fin de semana?

Isto non é un vídeo. É indignación e un agradecemento sen límites aos docentes de Galicia. Foi capturado, no mesmo día, en dous espazos próximos, cunha cámara de 5ª fila. Hai quen o dá todo día día nas aulas, inventándose os medios que non ten, comendo o xenio e ofrecendo luz, imaxinación e ilusión ás nenas e nenos galegos. Saúde e ánimo.

Vodpod videos no longer available.

Bibliotecas, posted with vodpod

Engádega do martes, 26 de marzo de 2011: Aulas a ritmo de cine, reportaxe de Culturagalega.org sobre SonCine, o Encontro do Audiovisual Escolar Galego e a escolma de cinema escolar feita por David.

Medo

Logo de moito traballo e moita ilusión, o verdadeiro motor dos soños, chega á rede o último froito do proxecto SonCine, unha humilde utopía escolar feita realidade no Instituto de Porto do Son.

Vodpod videos no longer available.

more about “Medo“, posted with vodpod

medo from SonCine on Vimeo.

Lemos na canle de SonCine:

é unha curta de medo / morre ata o apuntador / o profe di que cando matas un personaxe é que non sabes que facer con el / fixémola rapaces de 3º de ESO / o profesor di que o que importa é facer; que se non fas é como se non non soubeses; el di: saber é unha acción; e berramos acción canto quixemos / tamén di que o resultado é importante pero que moito máis o son os riscos que asumes e o que aprendes dos erros / se o mira por aí imos levar unha nota moi alta porque erros hai a mancheas / quizais por iso o puxemos (ao profe) nesta curta de profesor… fantasma

Gustoume andar preto desta xente durante este curso que xa vai chamando polo verán.

LinguaSon, Vinte Dez, SonCine…

Despois de dous anos en Cuntis, onde me sentín moi a gusto, toca aterrar e comezar novos proxectos no meu novo centro. Imos amodo, que as présas non son boas, e a ver se podemos poñer en funcionamento e consolidar o Clube da Lingua facendo partícipes ao alumnado e ao profesorado e tentando establecer unhas primeiras relacións coas familias e o contorno do centro. Como até o de agora non existía esa dinámica, vai custar un pouco, a ver que damos feito.

Para comezar, súbome ao Proxecto SonCine, un proxecto pioneiro e máis que consolidado que hoxe mesmo vai dar un novo froito, a curtametraxe “Mar”, que se proxectará a partir das 21:00 no Coliseo Noela de Noia no marco da Mostra de Curtas da vila. E, partindo da experiencia deste interesante programa, nace o proxecto 2010. Vinte Dez, a creación dunha TV en liña do IES Porto do Son, que acaba de recibir un accésit nos Premios á Innovación en Normalización Lingüística que convoca a SXPL.

E a ventá do noso traballo ha ser o blogue LinguaSon, que aínda se atopa en fase de probas e que seguro que ha ser acompañado en breve por novas páxinas e redes sociais e outras aplicacións do noso ENDL.

Nova da estrea de “Mar” e nota de prensa no xornal dixital Certo.