Arquivo por etiquetas: Showbeyond

Análise de distintas ferramentas de creación de contidos educativos na rede

Durante a segunda quincena de novembro desenvolveuse no Centro Autonómico de Formación e Innovación da Consellaría de Educación o curso “Competencia comunicativa e dixital nas áreas de Lingua”, dirixido ao profesorado de lingua galega e castelá co obxectivo de reflexionar sobre a integración das TIC no desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística nas aulas de linguas a partir do coñecemento dalgunhas experiencias, dunha boa escolma de boas prácticas, de secuencias didácticas de traballo co alumnado e de  determinadas ferramentas. Foi unha mágoa non asistir como alumno aos relatorios de compañeiros e compañeiras aos que sigo como Rosa Salgueiro, Luciano Fernández ou Loly Lago, alma mater do imprescindíbel O Segrel do Penedo, mais a través da Aula Virtual do CAFI podemos acceder aos seus materiais.

Pola parte que me toca tentei formular unha primeira reflexión e posta en común sobre algunhas implicacións metodolóxicas que debemos ter en conta ao integrar as TIC na nosa práctica profesional, cando menos como visión persoal e, polo tanto, parcial, non madurada teoricamente e resultado da vontade máis que da experiencia.

A seguir, durantes as dúas sesións do 18 e 21 de novembro, fixen un repaso por un abano de actividades de aula elaboradas con diferentes ferramentas da web 2.0 (wiki, Timerime, Mindomo, Glogster, Prezi, GoAnimate!, Toondoo, Showbeyond, VúVox, MapVivo e podcast) contextualizándoas na nosa área para comprobar se responden ao traballo das destrezas lingüísticas e microcompetencias máis directamente presentes na nosa materia. Para iso, establecín unha clasificación textual que contempla textos para aprender, textos para se expresar e textos para se comunicar tendo en conta o produto final e a súa intencionalidade comunicativa, malia que esas aplicacións citadas poden empregarse para obter textos moi diferentes.

Para acceder a esta presentación multimedia elaborada con Prezi, hai que premer na imaxe, xa que WordPress non permite embebela, nin sequera a través de VodPod como se facía antes.

Destacaría por riba de todo o catálogo de traballos que recollo na presentación, mentres que para coñecer un itinerario sistemático de relevancia didáctica recoméndovos vivamente esta entrada, e as súas bifurcacións, do blogue Remexer na Lingua.

E con este artigo cumprimos hoxe catro anos de vida deste Caderno de Lingua.

Experimentando con Showbeyond e Issuu

A primeira destas aplicacións, Showbeyond, é unha ferramenta de manexo moi sinxelo que permite crear presentacións en liña. Ao igual que Slide,  unha vez que nos damos de alta como usuarios de Showbeyond podemos subir as nosas imaxes para montar unha presentación. Igualmente, podemos escoller a orde das diapositivas, unha disposición limitada das imaxes, subir unha pista de audio do noso computador, unha canción que estea na rede e mesmo gravar voz. No entanto, as posibilidades que ofrece á hora de costumizar a presentación son moi poucas en canto a cores ou efectos. Destacaría, con todo, que un dos deseños permite contar cunha marxe xenerosa para introducir un texto de certa extensión acompañando cada unha das imaxes. É por isto, e tamén pola opción de comentar as fotos con voz, que Showbeyond se presenta como unha aplicación para “tell stories, your stories”. O resultado intégrase noutras plataformas, agás, coma sempre, en WordPress, mais si en blogspot, nunha rede social, nas webs dinámicas dos centros escolares… Se premedes na imaxe que encabeza esta entrada, accederedes a un presentación de proba que reume algunhas das actividades levadas a cabo na biblioteca do noso centro.

Issuu é unha ferramenta máis popular cá anterior, tamén diferente, e nos últimos tempos foi moi mellorada. Serve para publicar documentos .pdf (revistas, catálogos, folletos, apuntamentos, etc.) de até un máximo de 500 páxinas e 100 Mb. O máis novidoso é que o libro dixital xerado pode ser visualizado en liña pasando páxina a páxina como se dun libro se tratase. Así mesmo, pódese descargar, imprimir, comentar e insertar nun blogue (salvo en WordPress, a non ser vía Vodpod).  Para introducirse na ferramenta atopamos un titorial elaborado no propio Issuu e o exemplo que se mostra máis arriba (premede para acceder a el) é a última guía de lectura noso Clube de Lectura As Campaíñas. Tamén é accesíbel na barra lateral esquerda do Caderno de Lingua, en concreto na galería de vídeos de Vodpod.