Arquivo por etiquetas: seica chove no patio

Cibercadáveres exquisitos no CPI don Aurelio

Entre as actividades que levamos a cabo en 4º da ESO relacionadas coa poesía de vangarda contamos cun breve Obradoiro de Creación Poética Vangardista e lanzámonos a elaborar poemas dadístas e cadáveres exquisitos. Logo, a partir doutras experiencias semellantes, hai un mes lanzamos no blogue Seica chove no patio? de 4º da ESO a idea de elaborar un cadáver exquisito na rede (un cibercadáver exquisito) entre todos/as. O funcionamento da actividade era ben sinxelo:

1.- Dispoñemos duns versos de partida dun/dunha autor/a galego/a.

2.- O primeiro poeta continuarao nos comentarios. Terá que elaborar dous versos e, inmediatamente, o administrador do blogue actualizará este post incorporando só o seu segundo verso, que servirá de base para o par de versos seguintes.

3.- Para garantir que saia ben, ninguén, sacando ao administrador, poderá ler e aprobar os comentarios. Segundo se vaia actualizando, poderase poñer fin a un poema e comezar outro.

4.- Na composición do cibercadáver exquisito participará o alumnado de 4º, aínda que tamén poderán facelo os/as profesores/as que o desexen.

Estes foron algúns dos poemas elaborados entre Cris, Noemi, María Rey, María Prado, Alba, Sofía, Heladio, Manuel e Conchi a partir de versos de Lupe Gómez, Miro Villar e María Lado, respectivamente.

ciber1

ciber2

ciber3

Lanzando á rede un cibercadáver exquisito

Como colofón á poesía de vangarda fixeramos nas aulas de 4º un pequeno Obradoiro de Creación Poética Vangardista baseado na “Receita para facer un poema dadaísta” e na técnica do cadáver exquisito.

cadáver

Velaquí algúns dos textos resultantes (subiremos en breve algúns máis). O primeiro foi composto por Diego Rubines e Sergio Castromán seguindo as instrucións de Tristan Tzara (recorte de Yolanda Castaño incluído) e o segundo pola aula de 4º A como un cadáver exquisito:

yolanda

exquisito

A experiencia gustou entre ao alumnado e agora decidimos lanzar un cibercadáver exquisito no blogue Seica chove no patio, unha creación colectiva de versos que pretende aproveitar as posibilidades interactivas da bitácora. O poeta Igor Lugrís lanzou xa hai un tempo unha iniciativa semellante que nos serviu de inspiración e que adaptamos seguindo este esquema: 

1.- Dispoñemos duns versos de partida.

2.- O primeiro poeta continuarao no espazo dos comentarios do blogue. Terá que elaborar dous versos e, inmediatamente, o administrador actualizará o post incorporando só o seu segundo verso, que servirá de base para o par de versos seguintes.

3.- Para garantir que saia ben, ninguén, sacando ao administrador, poderá entrar nin aprobar os comentarios. Segundo se vaia actualizando, poderase poñer fin a un poema e comezar outro.

4.- Na composición do cibercadáver exquisito participará o alumnado de 4º, aínda que tamén poderán facelo os/as profesores/as que o desexen. 

Os versos escollidos para dar saída a este xogo son de Lupe Gómez:

O amor foi un trallazo moi forte

que rompeu a ventá.

E quedou rota para sempre.