Arquivo por etiquetas: Séchu Sende

‘Made in Galiza’, de Séchu Sende (guión de traballo da lectura)

Un título que xa se converteu nun clásico nas aulas e fóra delas, como demostran as continuas reedicións, as traducións e a cantidade de materiais que se seguen xerando nos colexios e institutos cos seus textos (e que algún día haberá que apañar para traer seleccionados a este blogue), pedía un guionciño que facilitase o traballo da lectura do alumnado.

Máis alá, entón, do tratamento que se lle pode dar a este libro nas sesións de sociolingüística, para as cales é unha ferramenta de primeirísima utilidade, vaia esta batería sinxela de preguntas para solventar as dificultades que atopan os estudantes á hora de enfrontarse ao traballo dun libro de relatos, máis se cabe nesta miscelánea fragmentaria, ao mesmo tempo unitaria, mais complexa para abordar por eles dende unha lectura global. Aquí vai o encargo que me pedían insistentemente os que xa a escolleron como lectura trimestral. O primeiro engado para que piquen no Made in Galiza é o relato “Uf”, non falla!, e logo van atopándose co libro aquí e alá: Guía sexual da sociolingüística, Ámote ou Quéro-te son textos que ben se poden empregar na aula para achegalos ao idioma, dende os afectos e o humor, antes da sociolingüística de 4º da ESO.

Uf

Entrou na cafetaria, prendeu-se naqueles olhos, asombrou-se e soubo que atopara algo…, fixo uf e começou a…, mirou-na outra vez, e começou a ama-la, a quere-la, pensou e sentou á mesa mais achegada á cafeteira e sentiu, uf, que comezava a…
-Ola, dixo ela, que queres? -Quero… macela. Ao dia seguinte entrou á mesma hora e ela seguia ali e sentiu que, uf, que a queria, en sério, pensou. -Ola, dixo ela, que queres? -Quero… tila. Ao terceiro dia continuava querendo-a e começou a imaginar e a necesitar, ao mesmo tempo, que ela estava, que ela estivesse, começando a sentir isso tamém, uf. -Ola, que queres? -Quero… menta. Ao cuarto dia sentiu que já nom podia mais, que tinha que dicer-lho. Tenho que dicer-lho, pensou, uf. -Ola, que queres?, dixo ela. -Quero… te, dixo el. Ela abriu os olhos preguntando Como? e el dixo outra vez em baixinho Quero…te. E dixo Quero…te ao dia seguinte e Quero te ao seguinte e ao terceiro dia tamén dixo Quero te e entón ela dixo-lhe cos olhos Eu tamém.

A unidade didáctica Linguas cruzadas xa está na rede

María Yáñez Mónica Ares

Portada da UD Linguas Cruzadas

Medio ano despois da súa pobre distribución nos centros de ensino (unha unidade para cada centro e ausente das librarías do país), a unidade didáctica Linguas cruzadas, editada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, xa está disponíbel para a súa consulta e descarga na rede. Ana Iglesias, profesora de Lingua Galega e especialista en sociolingüística, elaborou este traballo a partir do documental de María Yáñez e Mónica Ares, que se estreou na Galega o 17 de maio do ano 2007.

Linguas cruzadas é un interesante e ameno filme que se aproxima á conflitiva situación sociolingüística do noso idioma a través dos ollos da mocidade, de mozos e mozas de 30 anos que falan con sinceridade e nun ton moi próximo, distendido e sincero sobre a súa relación coa lingua, os seus usos, o seu futuro, os prexuízos existentes ou o papel da escola, enfiando preguntas e respostas nunha sorte de batepapo de corpo ausente moi ben guionizado e dirixido polas súas autoras.

A unidade didáctica de Ana Iglesias aproveita este estupendo material para traballar na aula de Lingua Galega. Contén un caderno para o alumnado e outro para o profesor e estrutúrase nun pequeno bloque de actividades previas ao visionado, que definen o perfil lingüístico, as actitudes e os coñecementos sociolingüísticos do alumnado, e nun bloque de actividades posteriores ao documental. Esta parte céntrase nos prexuízos lingüísticos que dan unidade ao filme (os neofalantes, as variedades lingüísticas, o uso do galego nos diferentes espazos sociais e nas manifestacións artísticas máis próximas á mocidade, etc.) así como no achegamento a conceptos como bilingüismo e plurilingüismo ou ao papel dos falantes como motores activos para o futuro da lingua. A lectura de textos de autores como Séchu Sende ou Manuel Núñez Singala, pequenas tarefas de busca de información, lectura de gráficas, pequenos xogos de roles, etc. posibilitan a abordaxe parcial desta unidade que en conxunto constrúe unha percepción bastante aproximada da realidade social, e persoal, da lingua no alumnado.

Fan falla aínda moitos materiais que veñan suplir o baleiro que existe na abordaxe de contidos sociolingüísticos, xa en formatos semellantes a este, como o “documento” (sic.) En galego, por que non? Contra os prexuízos e as simplificacións sobre a lingua galega, de Núñez Singala, publicado tamén por Galaxia en colaboración coa SXPL, xa explorando as posibilidades que abren as novas tecnoloxías, como podedes ver nesta dinámica ou no caderno Os camiños das linguas, ambos da autoria do profesor Luciano Fernández.

Pregunta: por que os materiais de Ana Iglesias e Manuel Núñez Singala non foron publicitados no apartado de novas da SXPL ou nos boletíns do Observatorio da Lingua Galega?

Nota: nun post anterior incluía un breve guión sobre Linguas cruzadas

Os meus dardos

Dende o blogue coa mellor denominación de orixe da blogosfera mundial, Made in Galiza, Séchu Sende atinoume cun Prémio Dardo.

«Com o Prémio Dardos reconhecem-se os valores que cada blogger, emprega ao transmitir os mesmos por culturais, éticos, literários, pessoais, etc., que, em suma, demonstram sua criatividade através do pensamento vivo que está e permanece intacto entre suas letras, entre suas palavras. Esses selos foram criados com a intenção de promover a confraternização entre os bloggers, uma forma de demonstrar carinho e reconhecimento por um trabalho que agregue valor à Web.

Este Prémio obedece a algumas regras:
1) Exibir a imagem do selo;
2) Linkar o blogue pelo qual se recebeu a indicação;
3) Escolher outros blogs a quem entregar o Prémio Dardos.»

E os meus dardos zoan camiño de…

Xano Cebreiro, que non só remexe na lingua 

Alberto Armada, infatigábel abrindo camiños para os/as compañeiros/as do cole no seu Ticblog

Seso Durán, que nos achega a súa música de xoguete

Heladio, dende a rúa dos Caladiños ensinando a recoñecer o presente ollando polo retrovisor

Os blogues educativos (revisión)

Convidado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, acudín como “sparring” á  Xornada de Encontro dos Lectores de Galego (29-30 de decembro) para falar dos blogues educativos ante o colectivo de docentes que conforman a rede de Lectorados de Lingua Galega polo mundo adiante e do que eu mesmo formei parte entre os anos 2002 e comezos do 2006.

Esta presentación vén sendo unha revisión destoutra elaborada hai un mes para outro curso de formación. Máis que nada, a miña achega é moi limitada e, se cadra, este Caderno de Lingua demostra que calquera docente sen coñecementos previos da web 2.0 pode aproveitar estas novas ferramentas no seu traballo cotián. O slide actualiza algunhas ligazóns a bitácoras educativas e apenas incorpora, como contidos novos, un achegamento ás redes sociais, en concreto á plataforma NING e mais a Palabea e Edufrysk, dúas redes sociais orientadas á aprendizaxe de segundas linguas, a primeira a linguas maioritarias como o inglés, o español, o alemán, etc. e a segunda á lingua frisoa.

Nas xornadas organizadas pola SXPL houbo achegas de moito valor. Destacaría a proposta de traballo para a aplicación das TIC na aprendizaxe do galego polo alumnado dos lectorados (e non só), presentada por Xaime Varela Sieiro, profesor de lingua galega no IES Chano Piñeiro de Forcarei, ou experiencias concretas como o manexo do programa Subtitle Workshop para a lexendaxe de filmes, dada a coñecer por Uxía Iglesias, lectora na Universidade de Kiel (Alemaña); o proxecto dun documentario de Xabier Cid, da Universidade de Stirling (Escocia); e o traballo co vídeo nas aulas de Séchu Sende. Son todas elas actividades que poden dar moito xogo no ensino secundario e das que falaremos en breve.

“Se estás comigo, berra: arriba, arriba, arriba!”

Así chamaban á resistencia Fermín Muguruza e Aztlan Underground no tema “Son unha nación andante” e deste modo quería achegar ao caderno a atinada reflexión de Séchu Sende en resposta ao pesimismo no tema da lingua. Todos temos caído algunha vez nese estado de ánimo pusilánime e derrotista, non nos imos enganar, e por veces facemos terapias colectivas -deprimentes e improdutivas- alí onde nos convocan para falar disto. Terapias que non conducen a nada, que non procuran solucións nin unha catarse, que delatan un paso atrás e non precisamente -como diría o clásico- para coller pulo. Reproduzo o último trecho do texto de Séchu porque é o único perfil no que quero e debo verme reflectido, o único que ten que proxectarse aos ollos do alumnado:

Mas a energia que em muitos lugares da Galiza está a desenvolver muita gente em favor dum processo de comunicaçom em galego é muito mais intensa do que ás vezes podemos pensar. Penso.

Somos crític@s, rebeldes, exigentes, e, sobre todo, trabalhador@s.

Nestes momentos críticos para a nossa própría existéncia como povo… é umha prioridade cargar-nos de energia, falarmos da língua com humor, com seguridade e com vontade de cambiar o nosso presente, agora, e deixar de falar do futuro como se fossemos videntes ou, pior aínda, visionári@s.

E si, tenho a completa seguridade de que as cousas cámbiam. E de que depende de nós e da nossa força de trabalho persoal e social a intensidade da transformaçom.

A cuestiom nom é deter o processo de desgaleguizaçom. A clave é começar o processo social de galeguizaçom.

Alertemos, si, sobre o perigo. Mas construamos as soluçons.

Um processo que só se pode activar desde a cultura da participaçom.

Entre moit@s!

Aí quedan as palabras contra o pesimismo de Séchu, do que recomendo ler o texto enteiro. Para rematar, dicían naquela canción que me quedara gravada alá polo ano 99 e coa que comezaba este post de urxencia:

Son unha nación andante. As miñas raíces son profundas mais por momentos podes ver que os meus pés sangran porque eu estou xunguido sentimentalmente a un territorio, mais identifícome coa lingua. Díxoo Sarrionandía? Non, díxoo Pessoa, “a lingua portuguesa é a miña nación”. Porque eu propoño unha estratexia de resistencia simbólica á dominación lingüística, á posición estrutural na sociedade e, daquela, observo como senten o pánico á ruptura cultural (…) A miña actitude de resistencia é, ademais, un estado de alerta permanente. Son unha nación andante. Pecho a miña man e ergo o puño. Se estás comigo berra: Arriba! Arriba! arriba! Estou descolonizando a miña mente. Son unha nación andante.

A sociolingüística nas aulas

Nesta última semana do trimestre, e logo de traballar anteriormente o plurilingüismo no contexto europeo e peninsular, introducimos o concepto de normalización lingüística nas aulas de 4º da ESO. Fixémolo a partir de dous textos xa coñecidos: a “Fábula do castellanoparlante” (tirado -creo- dalgunha das entregas das Prácticas de Lingua de Antonio Colmenero) e a “Guía Sexual da Sociolingüística” (artigo de Séchu Sende que ficou en segundo lugar no III Premio a artigos xornalísticos normalizadores 2007 do Concello de Carballo).

Fábula del castellanoparlante

Guía Sexual da Sociolingüística

Á hora de manexar os materiais do libro de texto, bótase en falta un tratamento da sociolingüística máis acaído, un enfoque máis construtivo e positivo que apele ao uso do idioma como instrumento comunicativo e en función dos usos, dos dereitos e da súa proxección internacional fronte a conceptos como “opresión” e “autoodio”, que é nos termos nos que se expresa o conflito lingüístico no manual que manexamos este curso. O factor identitario é importante, cómpre reforzalo en moitos sentidos porque vai ser beneficioso para o benestar de tod@s, mais facer recaír na lingua o peso fundamental -por veces único- da identidade galega é perigoso á vez que improdutivo para o proceso da normalización: “Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”, “Se es galego debes falar galego”, “Mentres haxa un galegofalante existirá Galiza”… Non parece que se traballase moito historicamente esoutro discurso que construíse valores positivos en torno á lingua.

O éxito do Made in Galiza de Séchu Sende no ensino ten a ver algo con isto, non só pola mudanza nas formas senón tamén no enfoque dos contidos. Como afirma o autor, “o proceso de normalización da lingua galega é un proceso comunicativo conflitivo. Os axentes sociais máis críticos denunciamos a ineficaz política lingüística da administración, o desprezo dos media ou a eficacia da escola para desgaleguizar as novas xeracións. É un proceso no que o enfrontamento e a queixa son continuos. A perda da lingua é un drama, abofé. Mais que pasaría se ligásemos o discurso da normalización da lingua ao pracer? Se falásemos desde o discurso da satisfacción e a analoxía do bico?”.

Obrigado a Séchu Sende por tantos textos proveitosos!