Recén saída do forno, e aínda co arrecendo tenro do pan fresco, chega a primeira recensión en vídeo dunha novela da nosa Floco de Millo, Iria Vázquez (4º ESO B), que se estrea como booktuber na súa canle de Youtube con Agosto do 36.
O mérito é seu, que entre diferentes posibilidades que lles dei -apenas comentada moi por riba cun exemplo: Made in Galiza, por Sebas G. Mouret- para se saír do tradicional traballo escrito sobre unha lectura de clase escolleu esta. Hai outra reseña do curso pasado sobre Unha estrela no vento, de Nico (Nicolás Porto), mais ten que pasar polo taller de edición. Moitos parabéns a ambos por se saíren do rego e ter iniciativa para probar novas fórmulas!
O fenómeno dos booktubers procede do mundo anglosaxón pero chegou con forza ao ámbito hispánico a través dos países sudamericanos, como soe pasar con moitas tendencias deste tipo. Neste artigo de Ramón Nicolás no seu Caderno da Crítica e nestas aproximacións da prensa (unha e dúas), hai exemplos dabondo para se mergullar no fenómeno Booktuber. Algo máis:
- Unha referencia: El Coleccionista de Mundos, ou Sebas G. Mouret. Deumo a coñecer hai dous ou tres cursos o compañeiro Orlando e dende aquela Mouret xa puxo en marcha tamén unha canle en galego: O rocho das ideas.
- Outra moza booktuber que me dá a coñecer Heladio: Nubes baixo ti.
- Unha idea para promocionar a lectura: Eu leo, eu son Booktuber, da Biblioteca Municipal de Narón.
- Unha experiencia: Booktuber en galego, no IES Illa de Sarón (Xove).
- Unha guía: Como ser un booktuber?, no blogue do Praia das Palabras (Clube de Lectura do IES de Vilalonga).
Haberá que explorar máis en serio esta ferramenta como canle de difusión da literatura no ensino e como recurso para estimular a comunicación e a creatividade na materia de Lingua.