Arquivo por etiquetas: Queremos Galego

Por que o Decreto para o Plurilingüismo é ilegal?

O pasado xoves tivo lugar en Lalín a presentación do ensaio Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo (Laiovento, 2010) nun acto convocado por Queremos Galego e o grupo Profes co Galego. Nesta publicación colectiva colaboran maxistrados, avogados e profesores universitarios especializados en diversos campos que, baixo a coordinación do xuíz Luís Villares, botan luz sobre este decreto e analizan, con rigorosidade e polo miúdo, as eivas legais deste novo regulamento aprobado polo goberno da Xunta, que conta co rexeitamento xeral da comunidade educativa e de institucións como Academia da Lingua Galega e o Consello da Cultura Galega.

O maxistrado Luís Villares Naveira, titular do xulgado de primeira instancia da Fonsagrada e coordinador territorial de Xuíces para a Democracia, encargouse de situar as políticas de normalización lingüística no marco lexislativo actual e de explicar como a xurisprudencia existente xustifica o ensino en lingua galega cunha maior intensidade que a que tivo até o momento.

A seguir, Alba Nogueira, profesora de Dereito da USC, demostra que o Decreto para o Plurilingüismo é contrario a leis e tratados de ámbito internacional, estatal e autonómico, fundamentalmente, a Carta Europea da Linguas Rexionais e Minoritarias e a Lei de Normalización Lingüísitica, sen esquecer a Lei Orgánica da Educación, o Estatuto de Autonomía e a Constitución Española, normas de rango superior que tamén enmarcaron a intervención do xuíz Luís Villares.

Tras Lalín e Redondela, onde recuncaron ao outro día, Luís Villares e Alba Nogueira achegarán nos próximos días esta análise tan necesaria nestes comezos de curso a outras cidades e vilas do país nun exercicio de responsabilidade que procura proporcionar un mínimo de seguridade ao profesorado que vai seguir impartindo as súas aulas en lingua galega. Recomendamos difundir entre o profesorado galego a seguinte presentación, autoría de Alba Nogueira e Manuel Bermúdez (SNL da USC), que resume os principios de ilegalidade do decreto (tamén disponíbel como documento en Scribd).

A presentación do volume Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo foi, así mesmo, unha boa ocasión para convocar unha xuntanza do grupo Profes co Galego, que se organizou durante o verán a través das redes sociais (sitio no Facebook) e que aglutina profesorado das áreas máis directamente implicadas polo decreto 79/2010. A prensa de hoxe recolle unha carta sólida e contundente dirixida por este colectivo ao conselleiro de Educación. No seu blogue poderedes atopar modelos de textos para levar aos claustros e facer chegar ás familias co obxectivo de explicar cales son as razóns polas que o profesorado afectado aposta por seguir impartindo as súas materias en galego.

PD: obsérvese nos vídeos como, nunha reveladora alegoría, ás costas de Luís Villares e Alba Nogueira  se amorean un feixe de bolsas cargadas cos libros de texto do curso anterior, moitos dos cales serán tirados ao lixo por culpa deste decreto, como se os seus contidos xa non fosen aptos en lingua galega.

A sociedade civil actívase a prol do idioma

Paso por Brétemas e traio nas mans unha bola de pan quentiño para nos alimentar de ilusións e savia nova na defensa da lingua.

Galego. Patrimonio da Humanidade

Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consensos básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos. Ese valor partía da subordinación histórica dun idioma que foi sempre o das maiorías populares pero que tamén estivo sempre discriminado ou proscrito, salvo os períodos en que Galicia e España gozaron da democracia. A liberdade e o dereito ao uso do idioma propio foron historicamente da man.

A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán. Os que tal sosteñen queren evitar a presenza do galego nas súas vidas para pecharse en ámbitos en que o castelán sexa o único idioma. Pero Galicia é unha sociedade na que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en situación de desigualdade, polo que o galego debe recibir unha especial protección. Só así se poderá afirmar que se actúa en xustiza e na procura da igualdade entre os dous idiomas.

Esa é a letra e o espírito da Constitución, do Estatuto de Autonomía, e da vixente Lei de Normalización Lingüística. As sentenzas do Tribunal Constitucional así o confirman. Sen embargo, o PP saíu do consenso. Pero gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país.

A sociedade galega que sente aprecio cara a súa lingua –independentemente de cal sexa o idioma no que se expresa usualmente– debe reclamar unha volta do PP a un terreo común, así como mostrar o seu acordo coas políticas de afirmación positiva para o idioma galego, que o propio PP impulsou desde a Xunta, e que non buscan senón a súa protección. O idioma de Galicia é un patrimonio da humanidade que debemos custodiar e garantir como medio de comunicación e de creación.

 

PD 08-07-2009: A Mesa pola Normalización Lingüística lanza a plataforma Queremos Galego.

PD 20-07-2009: anúnciase un novo colectivo, Prolingua.