Arquivo por etiquetas: planificación sociolingüística

Proposta para elaborar o Proxecto Lingüístico de Centro

A necesidade de contarmos cunha planificación lingüística de centro rigorosa e baseada en presupostos sociolingüísticos e pedagóxicos innovadores, ademais de útiles e produtivos para o alumnado e a sociedade, descarrilou coa chegada á Xunta de Galicia do goberno de Núñez Feijóo, que derrogou, por intereses electorais e dende presupostos ideolóxicos sectarios, o Decreto 124/2007 sen ser avaliado, a pesar de que se enmarcaba nun Plan Xeral de Normalización consensuado no Parlamento e polos axentes do ámbito educativo.

Como xa abordamos nalgunha ocasión con anterioridade, traemos ao Caderno unha proposta moi interesante para aplicar no marco lexislativo actual, o deostado e mal chamado Decreto para o Plurilingüismo. Esta presentación, de Susana Arís (do IES Illa de Arousa, modélico tamén polo seu compromiso co ensino público) é un moi bo modelo de intervención tanto pola contextualización inicial do PLC como pola guía que nos ofrece para elaborar o documento e as medidas prácticas contidas nel. Destacaría, especialmente, que se trata dunha proposta cunha sólida base teórica, moi traballada e que combina adecuadamente o traballo das competencias e os instrumentos utilizados. Incorpora tamén a avaliación e inclúe un consello na diapositiva nº 66 que, se cadra, ten que verse antes do resto. 😉 Aínda que está deseñada para a ESO, é adaptable a outros niveis educativos.

Complétase esta entrada con diversos modelos de enquisas sociolingüísticas elaboradas por Equipos de Normalización Lingüística recentemente (IES Pazó da Mercé das NevesIES de Chapela de Redondela e  IES Pintor Colmeiro de Silleda).

Elaboración da Planificación Sociolingüística de Centro

De entre as achegas do III Seminario de Dinamización Lingüística nos Centros de Ensino que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística hai que destacar o obradoiro impartido por Mercedes Queixas Zas, tanto pola calidade da exposición da relatora como pola necesidade de seguir formándose na elaboración da Planificación Sociolingüística de Centro dende unhas bases teóricas sólidas e unhas liñas de acción ben orientadas e contrastadas. 

A PSC é un instrumento de traballo fundamental se queremos facer do Proxecto Lingüístico de Centro (PLC) un documento efectivo, coherente e avalado pedagoxicamente, que por suposto repercuta positivamente nas competencias lingüísticas do noso alumnado e nos usos sociais da lingua galega. O presente traballo fornecer claves para iso.

No CPI don Aurelio comezamos este camiño no curso pasado ás apalpadelas, quédanos moito que facer por diante e a día de hoxe non hai visos de que chegue a bo porto, xa porque non hai un grupo de traballo formado (“formado” nos dous sentidos: nin constituído nin con coñecementos previos na materia) xa porque non hai liderado da equipa directiva para abordalo. Cales son as vosas experiencias a este respecto?