Arquivo por etiquetas: Os pinos

Eduardo Pondal revisitado no ‘Hino de Galiza’ de El Puto Coke

En plena actualización de artigos do arquivo deste blogue, que precisa unha revisión de ligazóns, vídeos e outros materiais que logo de tanto tempo foron caendo ou sendo eliminados da rede, din coa nova da publicación do novo álbum do rapeiro vigués El Puto Coke, que en Coke Céspedes fai unha nova versión hip hopeira do himno galego, que nos remite a dúas entradas (unha e dúas) do primeiro ano de vida do Caderno de Lingua.

En Galiciaflow dánnos máis detalles do tema (as colaboracións son de luxo):

Segundo nos conta o propio Coke, esta canción conta cun sample do grupo Ialma (fillas de emigrantes galegos en Bélxica), con guitarras de Isaac GarabatosWöyza nos coros, Dj Fabián nos scratches e Anxo Lorenzo á frauta e á gaita. Ademáis, ó comezo do tema colabora o grupo afrocubano Cabildo Componedor ás voces e á percusión.

El Puto Coke, que nos últimos anos produciu rapeir@s do colectivo Licor Café como Wöyza, que tamén participa neste novo disco xunto a artistas como Iván Ferreiro (coñecedes Bocata e futbolín? Canción obrigada para a Xeración Xabarín) e Gran Purismo (obrigada tamén a recreación da infancia de Pardeconde que popularizou o necesario Aberto por reformas de Xurxo Souto), xa transitara polo galego con temas como “Irmán” ou “G-g-A-a-LEGO”, letras combativas que chaman polo orgullo e combaten os prexuízos.

Seguro que os/as compañeiros de Son de Poetas, a antoloxía da poesía galega musicada, non han tardar en engadir esta nova versión do poema de Pondal nese proxecto que xa é referencial para as aulas de lingua e literatura.

Cen anos do himno galego… e a ti que versión che gusta máis?

O próximo día 20 de decembro cúmprense 100 anos de vida do Himno Galego, que se interpretou por vez primeira na Habana en 1907, aínda que algunha tese defende que a estrea tivo lugar dez anos antes.

A letra pertence ao poema “Os pinos”, de Eduardo Pondal, e Pascual Veiga é o autor da música dun himno que naceu pola vontade dun grupo de intelectuais galeguistas á fronte dos cales destacou o ferrolán Xosé Fontenla Leal, empeñado en dotar a Galiza duns símbolos identitarios que acabaron por tomar forma no seo da diáspora galega. Na columna da esquerda está disponível a rememoración daquel día emitida na TVG.

Un himno nace para ser cantado e hai moitos tipos de himnos no mundo: uns institucionais e máis populares, uns modernos e outros máis clásicos, algúns cantan grandes xestas e outros as belezas da terra, a maior parte teñen unha letra da que carecen moi poucos… Aos nacionais dun país pode gustarlles máis ou menos o seu himno, poden cantalo ou non e mesmo poden versionalo nos máis variados estilos.

E a ti, que versión do himno galego che gusta máis?

Podes preferir a versión máis clásica, á capella nas marabillosas voces das pandereteiras de Leilía (vídeo borrado), ao xeito flamenco, nun solo popeiro de guitarra (vídeo borrado), no rock dos Skacha, saído do fol da emocionante e espida gaita dun mestre gaiteiro ou de ducias de gaitas no marco único do Festival de Ortigueira….. ou aínda mesmo acompañadas polas voces do coro centenario Toxos e Flores, o venres mesmo no Luar (vídeo borrado) ou nunha xoia de gravación de 1922. E que dicides do himno recitado por Eduardo Blanco-Amor “machucado” co “Love generation” de Bob Sinclair (éxito do verán ’07) no “Galician love generation” (bótadelle un ollo á Antoloxía do Machuco e descargade o tema… paga a pena)?

Ao mellor, ti o que prefires é o momento, non tanto o estilo; por iso, decántaste pola solemnidade dun acto institucional, polo fervor dun acto político ou, se cadra, por cantalo nun estadio de fútbol. E, a todo isto, hai quen o sabe porque o aprendeu moi ben, hai quen disimula e hai quen desentona e non lle importa para nada.

E para aqueles aos que lles repugnan os himnos por aquilo que din que seica dividen á xente, incluso hai un himno integrador, obra dos xeniais Mofa e Befa: nada máis e nada menos que o himno español -ao que lle buscan letra- cos versos de Eduardo Pondal.

E se chegaches con folgos ata aquí e aínda non o tes claro, é posíbel que se che poña a pel de galiña igualmente -se es d@s veteran@s da reconversión naval seguro- cando escoitas Miña terra galega, todo un himno de Siniestro Total.

ACTUALIZACIÓN: 18-01-2012