Arquivo por etiquetas: Núñez Feijoo

Cando os prexuízos ideolóxicos gobernan un país

O pasado martes o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, fixo unha nova escala nesa turné sen fin polos medios madrileños á que nos ten acostumados dende que accedeu ao goberno. Desta volta estivo nun programa da televisión de El Mundo, Veo TV.

Polo dito, o ocultado, e polo que se entende entre liñas, a intervención de Feijóo explicita perfectamente as liñas mestras do seu ideario ideolóxico-político, e a súa acción política nestes case tres anos, no que respecta á lingua galega.

O decreto 79/2010, aprobado unilateralmente polo seu goberno malia o rexeitamente practicamente unánime de todos os axentes do mundo do ensino (organizacións sindicais, colectivos de docentes de diferentes áreas de coñecemento, asociacións de directores de centros públicos, asociacións de nais e pais, colectivos de renovación pedagóxica e o Consello Escolar, ademais da RAG e o Consello da Cultura entre outras entidades), define un modelo educativo que é o “menos malo dos sistemas” no marco da lexislación actual, segundo o noso presidente. Como cita o propio Estatuto, que acaba de ser cuestionado polo propio Valedor do Pobo, parece abrir unha vez máis a porta a mudanzas lexislativas de grande calado pois parece que o “problema” está no Estatuto ou, no seu defecto, a Lei de Normalización Lingüística de 1983, que vén sendo cuestionada por sectores do seu partido dende hai varios anos a raíz da polémica toponímica ou do propio Decreto para o Plurilingüismo, que na opinión dos xuristas atenta contra os seus principios básicos (vid. informes e análises aquí).

De especial gravidade son as afirmacións (a partir do 2’34”) de Feijóo cando, despois de defender a consulta ás familias para escoller a lingua en Infantil, sinala que se se dese opción de escolla lingüística entre un idioma e outro ás familias a situación evoluiría cara a un sistema diferente, “de tal forma que os galegofalantes quererían que os seus fillos só estuden en galego, os que falan español só en español e nos colexios e nos recreos habería, entre comillas, os alumnos nacionalistas e os alumnos non nacionalistas”. Esta aseveración verbaliza perfectamente, na miña opinión, a política educativa que vén aplicando dende hai case tres anos o goberno Feijóo. Equiparar a escolla do galego nunha enquisa como a que se fai en Infantil, ou nunha posíbel elección entre eses dous modelos, cunha determinada opción ideolóxica é falsa, como sabe calquera galego, e sectaria. Feijóo acaba de demostrar que na súa “cruzada” contra determinada opción ideolóxica a lingua forma parte desa “batalla”, de aí a teima persecutoria contra o idioma. O primeiro é lexítimo, o segundo non o é, é máis: é profundamente antidemocrático por moito entrecomillado que faga.

Nesta longa resposta tamén dá a entender que as persoas que desexan separar os alumnos e as alumnas por aulas en función da lingua escollida, ou falada, son as familias que optan polo galego: na actual enquisa “decídese, polo único sistema que coñecemos, que é o maioritario, se se ensina a ler e escribir en español ou en galego, e en moitos casos decídese que é o español, e sentímolo para aqueles que prefiran o galego. Lamentabelmente non imos nin duplicar profesores nin duplicar clases”.

Por último, cae nunha profunda contradición ao falar da introdución do inglés, que xa foi sinalada por detractores, e mesmo por defensores, do Decreto para o Plurilingüismo. Primeiramente, sinala, para vender o seu decreto ante o propio presentador, os contertulios habituais e aqueles sectores da audiencia dese programa que poidan pensar que Feijóo recuou nas súas promesas electorais de lingua á carta no noso sistema educativo, que o alumnado de Primaria e Secundaria pode escoller a lingua que desexe para se dirixir oralmente ao profesor ou para redixir os seus traballos e probas escritas nas materias que non sexan lingüísticas (artigo 12.3 do Decreto 79/2010). Logo, como xa lle escoitamos anteriormente, ao igual que ao Secretario Xeral de Política Lingüística, recorre coma sempre ao inglés para disfrazar unha lexislación que o que persegue é reducir a presenza do galego no ensino. Todos sabemos que para adquirir competencia nunha lingua estranxeira, tamén nun idioma minorizado como o galego, é fundamental a inmersión, neste caso, nas materias que sexan impartidas nesas linguas. As seccións bilingües, e agora os denominados propagandisticamente centros plurilingües, ensaian esta fórmula para o inglés (fundamentalmente) en materias como Educación Plástica e Visual, Coñecemento do Medio, Educación Física, Bioloxía ou Ciencias Naturais. É de supoñer que a fórmula ideal pasa porque o alumnado interactúe oralmente na aula, nos traballos e nos exames, en inglés. Para esta contradición non teñen resposta (lembremos o vídeo As aulas e o despacho, a partir do minuto 6’30”). Esta inmersión négase para o galego ocultando que a competencia en comunicación lingüística é tranversal, que se adquire en todas as materias e que pode ser avaliábel polo profesor de calquera delas. É, ademais, un dos fins fundamentais da LOE, que sinala que o alumnado debe rematar o ensino sendo competente en ambas linguas oficiais, outra lexislación vulnerada polo Decreto 79/2010 e que, como reflicten os datos (só hai que repasar os resultados desiguais en galego e castelán na avaliación de diagnóstico ou o estudo Situación do ensino da lingua e a literatura galega na ESO), cada vez estamos máis lonxe de conseguir para a totalidade do alumnado galego.

O Planeta ENDL no Galicia Hoxe

O xornal Galicia Hoxe dedica unha ampla reportaxe na súa sección “Maré” ao recén creado Planeta de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que botamos a andar dende o ENDL do CPI don Aurelio a semana pasada. Ademais de dar conta do funcionamento, dos obxectivos e dos contidos desta ferramenta, a xornalista Vanesa Oliveira recolle as declaración do coordinador do noso equipo a respecto da intención do novo goberno galego de derrogar o Decreto 124/2007.

En galego, en contacto

Con máis de 70 webs subscritas nunha semana, o Planeta de Equipos de Normalización Lingüística é unha nova ferramenta para saber “ao día todo o que acontece en relación coa lingua”

En só unha semana, máis de 70 páxinas web xa se uniron ao Planeta de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) que impulsa Román Cerqueiro, profesor no CIP Aurelio M. Rei García de Cuntis e coordinador do ENDL do centro. A partir da aplicación da rede chamada Planetaki -unha rede de actualizacións dos portais máis visitados- xúntanse nun único sitio web as bitácoras e blogs que comparten traballo en defensa da lingua. “O planeta é apenas iso: baleirar nunha mesma páxina toda a información que xeran os blogues e webs dos ENDL. Foi un compañeiro do IES da Pobra, Luciano Fernández, verdadeiro motor do ensino da lingua galega en relación coas TIC, quen falou da posibilidade de crear unha páxina deste tipo logo de que eu compilase medio cento de enderezos nunha entrada do meu blogue, o Caderno de Lingua”, explica Cerqueiro.

A idea de converxer en espazos de encontro que deran a coñecer o labor dos ENDL é “unha reflexión compartida por moitos profesionais do ensino comprometidos coa normalización do idioma”. Unha necesidade expresada nos foros nos que coinciden os traballadores dos Equipos de Normalización que desenvolven “unha programación anual de actividades que supón unha carga de traballo moi elevada e marcada por un alto grao de voluntarismo”.

Este “Planeta” de relacións permite coñecer as experiencias que se están a desenvolver noutros centros, de maneira que se constitúe nunha ferramenta co fin de “estabelecer dinámicas de cooperación para rendibilizar os recursos, especialmente, os humanos e canles de contacto estábeis”.

O Planeta funciona dun xeito sinxelo. “Abonda con entrar e deixar o enderezo”, apunta o profesor. A maioría das webs que se poden atopar son “blogues de equipos, mais tamén agregamos páxinas de referencia como as canles de lingua de Vieiros ou Chuza, a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, a Coordinadora de Traballadores da Normalización da Lingua (CTNL) ou Servizos de Normalización dos concellos”. As bitácoras dos ENDL dan a coñecer as súas actividades como concursos, revistas escolares ou reflexións do alumnado pero tamén hai “un caudal importante de información sobre a actualidade da lingua, que é fundamental para mantérmonos ao día de todo o que acontece en relación co galego, dende a aparición dunha ferramenta nova até a actualidade cultural do país, pasando por reflexións de tipo sociolingüístico.”

“Non se aposta por levar a tensión lingüística á xente”

Ao ver de Román Cerqueiro, o traballo dos equipos “non pode ficar entre as paredes das escolas e dos institutos, ten que chegar na medida das nosas posibilidades a toda a comunidade escolar e ao contorno dos centros, pois realizan un labor positivo para o ­desenvolvemento educativo e cognitivo do alumnado e de toda a sociedade, que posúe na lingua galega un extraordinario valor cultural e comunicativo”. A principal eiva que invisibiliza o seu traballo reside “en nós mesmos, no feito de non apostar pola comunicación para (e)levar a tensión lingüística, en termos construtivos, á sociedade”.

Como en boa parte dos centros escolares galegos, o colexio Aurelio M. Rei de Cuntis conta dende hai máis dunha década cun Equipo de Normalización. Os alumnos deste centro “forman parte dos equipos, formulan propostas, toman decisións e participan no desenvolvemento e a recepción das actividades”, aínda que “non é sempre fácil incorporalos activamente aos proxectos”.

Nos últimos dous cursos, “vimos apostando polo traballo das competencias lingüísticas activas con obradoiros de teatro, de improvisación oral, de hip hop, organización de obradoiros de fotografía, deseño, graffitis e blogues, ademais de dotar o alumnado de competencia nas TIC”. De feito, traballan nunha rede social privada para dinamizar o intercambio co IES Lamas de Castelo de Carnota. Tamén crearon no centro unha fonoteca, unha comicteca e unha videoteca en lingua galega. “Estamos a participar na creación da Coordenadora de ENDL das Terras do Umia con centros de Caldas, Portas e Moraña”, conclúe o docente.

MEDIDA POLÉMICA
Derrogar o decreto, “unha involución”

Román Cerqueiro lembra que os ENDL “foron creados no seu día polo Partido Popular e no Decreto 124/2007, que materializa no ensino medidas recollidas no Plan Xeral de Normalización impulsado polo Goberno de Manuel Fraga e aprobado por unanimidade no Parlamento Galego en 2004, recoñécese administrativamente a figura do coordinador ou coordinadora dos equipos por primeira vez”.

O decreto do galego no ensino incorpora “a obriga de elaborar un Proxecto Lingüístico de Centro”. Por iso, Cerqueiro coida que “a promesa de Núñez Feijóo de derrotar este decreto e a súa ruptura unilateral do consenso lingüístico augura unha involución evidente”. Na súa opinión, “se un instrumento que trata de xestionar o patrimonio lingüístico dotando de competenia plurilingüística o alumnado é derrogado por Núñez Feijóo baseándose nos prexuízos, en falsidades pedagóxicas e intereses políticos dunha minoría que estabelece un lugar secundario para o galego, estará rachando a cohesión social promovendo a segregación idiomática nas escolas”.