Arquivo por etiquetas: Normalización

Por que o preguntas?

A través desta viñeta do debuxante Fran Bueno, a Coordinadora Galega de ENDL, presenta unha campaña que convida á comunidade educativa a reflexionar sobre a pervivencia, cando non intensificación e reactualización, dos prexuízos lingüísticos que hai sociedade arredor da lingua galega e os seus falantes.

A páxina da campaña contén unha primeira escolma de recursos didácticos e diferentes actividades e experiencias que a través das aulas ou noutros ámbitos contribúen a mudar as imaxes negativas que empecen o proceso de normalización lingüística e minguan os dereitos democráticos dos galegofalantes.

Audiovisual e música 100% galegos

Mentres hai quen pon toda a vontade, e aínda máis, en desprezar, confundir e problematizar a lingua galega, xorden proxectos novidosos e frescos, apostas arriscadas e moi laboriosas e programacións ben ideadas e planificadas como os dous eventos que organiza o Equipo de Normalización Lingüística do IES Audiovisual de Vigo nas próximas semanas.

O vindeiro xoves 17 de febreiro terá lugar nese centro o Percebe Son, unha iniciativa que, ademais de se presentar como un foro cultural, musical e de entretemento, é un proxecto educativo no que o alumnado de 2º de PARE (Produción Audiovisual, de Radio e Espectáculos) leva á práctica aquilo para o que se está formando nas aulas do instituto. Este festival procura impulsar a escena musical galega e reforzar o galego como vehículo de expresión da sociedade tamén na música e na cultura.

O programa, moi completo, combina momentos para a reflexión coa emisión dun programa radiofónico ao vivo ou momentos estritamente lúdicos e participativos como un Galeoke ou os concertos de grupos  referentes na escena galega como Som do Galpom ou Ataque Escampe. Xurxo Souto, Tonhito de Poi, Xocas ou Aid serán os encargados de dar unha visión, dende a veteranía e a mocidade, sobre a música en lingua galega, á que se suma a perspectiva fundamental da distribución que achegará toupa.net.

Traballiño dende a mesma canteira dunha efervescente realidade da música galega que será algo máis visíbel grazas ao Percebe Son.

Poucos días despois, dende a mesma base do audiovisual chega o ciclo A Semana das Curtas, outra actividade organizada por este Equipo de Normalización, desta volta coa colaboración da Coordinadora Galega de ENDL. Dende o luns 28 de febreiro até o venres 4 de febreiro os centros educativos  terán a posibilidade de participar nunha especie de ciclo ou festival virtual simultáneo no que se proxectarán curtametraxes, videoclips e algunhas desas breves reportaxes documentais de eufalo.tv nas que os falantes toman a palabra para falar da súa experiencia máis persoal e íntima coa lingua.

Divulgación do traballo audiovisual galego e fomento do idioma a través de linguaxes atractivas para o alumnado, que sen abandonar a dimensión lúdica terá un papel activo no desenvolvemento desta iniciativa ao valorar e intercambiar as súas opinións con outros rapaces e rapazas a través do blogue da actividade.

Non queda máis que darlles os parabéns os responsábeis do Equipo de Normalización e demais departamentos colaboradores do IES Audiovisual de Vigo e convidarvos a todos e a todas a seguir e participar do Percebe Son e A Semana das Curtas.

Máis propostas TIC para a normalización lingüística e a aprendizaxe do galego

O vindeiro venres comezan na Facultade de Ciencias da Educación da USC as II Xornadas sobre Linguas e Educación en Galiza, que nesta edición se centran na “planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios”. O programa recolle palestras e relatorios que teñen como eixo común a planificación lingüística como ferramenta para a normalización dos centros escolares e da súa contorna e o papel que xogan os docentes nos proxectos normalizadores. Ademais, daranse a coñecer experiencias concretas que nesta dirección se desenvolven en diferentes niveis e centros educativos enmarcados en contextos moi diversos.

No bloque de experiencias que abordan a Planificación lingüística orientada tamén á normalización da contorna social acompañarei (e digo ben, acompañar) a Pilar Ponte para achegar unha panorámica, algún proxecto xa testado e unhas cantas propostas e reflexións sobre o uso educativo das redes sociais no ámbito da normalización lingüística.

Como base da miña intervención recorrerei, entre outros materiais, a esta magnífica e moi traballada proposta do profesor de Lingua Galega e Literatura Xaime Varela Sieiro (actualmente por aquí), que é a base dun relatorio presentado hai xa un tempo nunha Xornada de Encontro dos Lectores de Galego. Aínda que o autor se centra no uso educativo das aplicacións da web 2.0, especialmente dos blogues, no ensino/aprendizaxe nos lectorados de galego (que só parcialmente se puxo en práctica neste Planeta GaLE), moitas das actividades (diapositivas 35-42) que propón nesta presentación son adaptábeis ao ensino non universitario para dinamizar unha rede social de intercambio entre equipos de normalización ou na materia de lingua, como el mesmo experimenta cos seus cativos londinenses (1, 2 e 3).

Cumpría xa, pois sen tempo non era, publicar este traballo:

As palabras máxicas

Hai uns días os do Clube de Lectura do instituto fomos contarlles historias aos pequerrechos de varios colexios do Son. Nunca tal fixemos mais foi unha experiencia intensa e emocionante. Habemos repetir.

Coma sempre, Davide ten as palabras precisas, non fai falla engadir nada máis.

todos os días vivimos un tempiño no paraíso

dálle o teu tempo a estas imaxes, déixate ser coma un neno e asómbrate coas palabras máxicas dos contos

Vodpod videos no longer available.

Medo

Logo de moito traballo e moita ilusión, o verdadeiro motor dos soños, chega á rede o último froito do proxecto SonCine, unha humilde utopía escolar feita realidade no Instituto de Porto do Son.

Vodpod videos no longer available.

more about “Medo“, posted with vodpod

medo from SonCine on Vimeo.

Lemos na canle de SonCine:

é unha curta de medo / morre ata o apuntador / o profe di que cando matas un personaxe é que non sabes que facer con el / fixémola rapaces de 3º de ESO / o profesor di que o que importa é facer; que se non fas é como se non non soubeses; el di: saber é unha acción; e berramos acción canto quixemos / tamén di que o resultado é importante pero que moito máis o son os riscos que asumes e o que aprendes dos erros / se o mira por aí imos levar unha nota moi alta porque erros hai a mancheas / quizais por iso o puxemos (ao profe) nesta curta de profesor… fantasma

Gustoume andar preto desta xente durante este curso que xa vai chamando polo verán.

Ante os prexuízos, a Tecnoloxía tamén en galego.

De Tecnoloxia.org vía ENDL do IES da Pobra do Caramiñal.

Unha iniciativa necesaria

O ENDL e o ETIC do IES da Pobra do Caramiñal veñen de poñer en marcha unha wiki de materiais en lingua galega que estean disponíbeis na rede. Trátase dunha plataforma aberta ao profesorado para recoller e partillar recursos de todas as áreas didácticas de Secundaria e, como din os responsábeis do proxecto “aínda que a iniciativa é nosa, está aberto á colaboración de todo o mundo. Se o espallas e fas achegas, saímos todos e todas gañando…”. A que agardamos?

Parabéns!

Sarmenteiros da lingua en Pontevedra

Vieiros

Se pola Estrada e a Terra de Montes comezan a traballar nos cimentos dunha coordinadora comarcal de ENDL, pola banda de Pontevedra a Escola Oficial de Idiomas da boa vila, o CEIP San Benito de Lérez, o Colexio Príncipe Felipe, o CEIP Os Campos de Monteporreiro e o CEIP Campolongo dan os primeiros pasos para traballar en rede pola lingua dende e para o ensino creando unha nova coordinadora.

Na conxuntura actual, na que os recortes aos programas de fomento da lingua galega son só unha pinga na ofensiva contra o idioma no ensino e a antesala dunha desfeita aínda maior, é preciso sumar esforzos para traballar con enerxía e firmeza na promoción, na capacitación lingüística en galego do noso alumnado e na extensión de usos dentro e fóra das aulas. Parabéns, Sarmenteir@s!

Dun dos centros que forman parte desta nova coordinadora comarcal de ENDL, o CEIP de Campolongo, chega tamén un novo blogue e unha mascota moi xeitosa para o equipo, obra dunha alumna de 6º de Primaria:

Julia Reguera Penela (6º A), do CEIP Campolongo de Pontevedra