Arquivo por etiquetas: música

Historia dunha muller, Celso Emilio feat As Garotas de Ribeira

Historia dunha muller

Contaréivos a historia
de aquela muller fea, tristemente
sentada diante a porta
de un remoto domingo de foguetes,
mentras a noite espreita nos tellados
ás ledas anduriñas tecelanas.
Seica ten un marido que foi mozo
e agora é soio sombra
ou meridián de ventos ventureiros.·
Un home que lle escribe indescifrábeles
cartas de amor cando é ano bisiesto,
datadas en Shangay ou Terranova.

Pero ela nunca chora, está sentada
á porta dunha estrela, está esperando
cos ollos postos sobre as duras pedras,
ferida polo tempo, escura llanza.

Contaréivos a historia.

Tivo un fillo de achego nas carqueixas
que aquil ano cheiraban a pecado.
Tivo un fillo lexítimo
legalizado en cánones i en libros,
folio tantos, ut supra, reintegrado
con pólizas e timbres espedientes.

Os fiIlos foron indo
hasta un día de abril, precisamente,
que lles nacéu nas maus unha paisaxe
de capricornios trópicos con lúas
e máxicos pandeiros barloventos.

¡Xa non tiña remedio!

Marcháronse o bastardo e o lexítimo
camiño de ningures
baixo estreIas sin nome.

Agora collen caucho, curten peles
de caimán no Orinoco,
según dixo un veciño
que rexenta un quilombo de mulatas
alá en Venezuela.

Pero ela nunca chora, está sentada
á porta dunha estrela,
ferida polo tempo, escura llanza.

O soño sulagado (1954)

En galego…. meu o mundo é!, noso o mundo é!

O Magosto e o Apalpador, o Samaín, o Entroido, o Día da Árbore ou o Día do Libro ou a figura de Roberto Vidal Bolaño. Na canle de Youtube de Paco Nogueiras Nodar comeza a haber un bo repertorio de videoclips musicais orixinais, creativos e divertidos, para levar ás aulas nas diferentes efemerides escolares que imos celebrando ao longo do curso. Ou traballos coma este, que non teñen data sinalada, que valen para os 365 días do ano porque co galego… noso o mundo é! (versión extendida, cómica e teatral aquí),

Audiovisual e música 100% galegos

Mentres hai quen pon toda a vontade, e aínda máis, en desprezar, confundir e problematizar a lingua galega, xorden proxectos novidosos e frescos, apostas arriscadas e moi laboriosas e programacións ben ideadas e planificadas como os dous eventos que organiza o Equipo de Normalización Lingüística do IES Audiovisual de Vigo nas próximas semanas.

O vindeiro xoves 17 de febreiro terá lugar nese centro o Percebe Son, unha iniciativa que, ademais de se presentar como un foro cultural, musical e de entretemento, é un proxecto educativo no que o alumnado de 2º de PARE (Produción Audiovisual, de Radio e Espectáculos) leva á práctica aquilo para o que se está formando nas aulas do instituto. Este festival procura impulsar a escena musical galega e reforzar o galego como vehículo de expresión da sociedade tamén na música e na cultura.

O programa, moi completo, combina momentos para a reflexión coa emisión dun programa radiofónico ao vivo ou momentos estritamente lúdicos e participativos como un Galeoke ou os concertos de grupos  referentes na escena galega como Som do Galpom ou Ataque Escampe. Xurxo Souto, Tonhito de Poi, Xocas ou Aid serán os encargados de dar unha visión, dende a veteranía e a mocidade, sobre a música en lingua galega, á que se suma a perspectiva fundamental da distribución que achegará toupa.net.

Traballiño dende a mesma canteira dunha efervescente realidade da música galega que será algo máis visíbel grazas ao Percebe Son.

Poucos días despois, dende a mesma base do audiovisual chega o ciclo A Semana das Curtas, outra actividade organizada por este Equipo de Normalización, desta volta coa colaboración da Coordinadora Galega de ENDL. Dende o luns 28 de febreiro até o venres 4 de febreiro os centros educativos  terán a posibilidade de participar nunha especie de ciclo ou festival virtual simultáneo no que se proxectarán curtametraxes, videoclips e algunhas desas breves reportaxes documentais de eufalo.tv nas que os falantes toman a palabra para falar da súa experiencia máis persoal e íntima coa lingua.

Divulgación do traballo audiovisual galego e fomento do idioma a través de linguaxes atractivas para o alumnado, que sen abandonar a dimensión lúdica terá un papel activo no desenvolvemento desta iniciativa ao valorar e intercambiar as súas opinións con outros rapaces e rapazas a través do blogue da actividade.

Non queda máis que darlles os parabéns os responsábeis do Equipo de Normalización e demais departamentos colaboradores do IES Audiovisual de Vigo e convidarvos a todos e a todas a seguir e participar do Percebe Son e A Semana das Curtas.

Música e normalización da lingua

Agora que o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CPI don Aurelio de Cuntis está inmerso no Proxecto Musigal. concordo plenamente co artigo de Xesús Fraga, merecedor do Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo, no potencial que ten a escena musical actual en galego no proceso de normalización do idioma.

A bendita intranscendencia do pop

“Eu pretendín, coas miñas cancións, loitar para que desapareza a imaxe de menosprezo da miña lingua. Quero demostrar que non é un idioma só para os humildes e, asemade, que a xente humilde vexa que coa lingua que fala se poden cantar cousas ledas e de hoxe”. Quen así se expresaba non era un abandeirado da canción protesta nin un compositor tradicional, senón un músico pop: Andrés do Barro reivindicou un lugar para o galego na música popular. Nos tocadiscos dos guateques, na radio do adolescente solitario, nos coches dos namorados. Na vida cotiá. A normalidade, en definitiva.

Engádelle máis valor que expresara as súas arelas en 1971, tempos nos que o galego se vía confinado ao couto do folclorismo, que el rachou co fito d’O tren. Se este tema é un clásico non é por unha cuestión lingüística, malia o seu uso rompedor e visionario da lingua, senón polas calidades propias do xénero: melodía, ritmo, sensibilidade pop. Por paradoxal que pareza, o éxito do galego semella radicar en non atribuírlle máis importancia cós demais elementos que entran en xogo na creación artística.

Nun década dominada polos cantautores folk, o exemplo de Do Barro tería que agardar máis de dez anos para prender un relevo. Os Resentidos abordaron o xénero dende outra perspectiva, a dos artistas pop que converteron elementos da cultura de consumo en iconas, visión que aplicaron a unha sociedade en cambio: a Galicia autonómica que vivía unha transformación urbana na que, segundo o caso, o substrato rural era un lastre incómodo ou unha raiceira necesaria. Os Resentidos captaron o seu zeitgeist, pero, igual que O tren, se Fai un sol de carallo chegou a himno xeracional non só se debeu á súa audaz mestura de gaita e sintetizador, senón tamén á súa perfección pop, a que cimentou e espallou o seu éxito: alí onde os referentes galegos se perdían na tradución, estaba o pop. Como Do Barro, foron unha luz inspiradora, pero solitaria.

Outro decenio transcorrería ata o seguinte chanzo: o bravú, un movemento heteroxéneo encabezado polos Diplomáticos de Monte Alto, que asentou a primeira xeración como tal do pop galego, mais de vida curta. O bravú acusou a crecente fragmentación do público, a competencia do novo folk, pero, aínda máis, o limitado atractivo musical das súas propostas, agás contadas excepcións.

E coma se dun ciclo decenal se tratase, o pop galego atópase agora inmerso noutra revolución de grupos que empregan o galego, quizais por primeira vez, como algo tan natural como os seus gustos musicais, realmente variados: o pop potente de The Homens, a electrónica de Fanny+Alexarder e Projecto Mourente, a fusión de Lamatumbá, o hip hop de Dios Ke Te Crew, a excentricidade de Ataque Escampe… A implantación de Internet forneceunos de ferramentas para ampliar as súas influencias e difundir as súas cancións. A estes grupos nótaselles lixeiros por non ter que cargar coa responsabilidade de facer país ou salvar o idioma, algo ao que, por paradoxal que pareza, están a facer: desde esa normalidade á que aspiraba Do Barro, a quen esta fornada rende homenaxe no disco colectivo Manifesto Dobarrista. Grupos que non queren que os etiqueten pola súa opción lingüística, senón que queren gozar da mesma liberdade para o idioma que para as guitarras, mesmo se se trata de cantar un Sha-la-la-la que o público corea porque sabe a letra das súas cancións favoritas, sen prexuízos lingüísticos. É pop, é en galego, e gústame. A bendita intranscendencia do pop está a dicir moito polo idioma.