Arquivo por etiquetas: música galega

Porque me sae do galego

Por se alguén tiña dúbidas, así de clara e contundente chega a mensaxe dende o Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, a ritmo de hip hop nas rimas rapeadas de Gamy e a realización de Natasha Lelenco.

Así soa este verán

Cun chisco de retraso, e outra vez en resposta a unha invitación das xentes de Irimia para que colaborara na sección “O Fervedoiro” da súa revista (nº 859, do 16 de xullo ao 2 de setembro; tamén no blogue Irimegos), trazo unha breve panorámica das novidades discográficas da música galega no que vai deste ano 2012 e da axenda estival de festivais. C0ma sempre, fágoo como simple afeccionado, por iso non están todos os que son, mais si son todos os que están. Para seguir o calendario de concertos, nada mellor que acudir ás páxinas especializadas, especialmente a GZ Música, que mesmo está cubrindo os festivais e colgando os vídeos na rede. Parabéns para eles e, unha vez máis, o meu agradecemento polos seus consellos a Olga Nogueira, que disto sabe  moito. Poderedes atopala na Sala Discotasca de Redondela, un novo espazo para a música en directo que xa programou propostas moi interesantes no pouco tempo que leva aberto.

ASÍ SOA ESTE VERÁN

Chega o verán, un tempo propicio para gozar da música ao vivo. As propostas multiplícanse por toda a xeografía do país e os melómanos, e a parroquia trouleira en xeral, enfróntanse a unha axenda infinita de concertos. O abano de posibilidades é amplo: música ao aire libre ou en locais nocturnos, para bailar nas prazas, nos auditorios e nos torreiros da festa, ou apostando pola vivencia multitudinaria dos festivais e das mil e unha verbenas dunha programación local que parece non ter fin.

Os vellos rockeiros nunca morren

O inverno e a primavera deixáronnos unha boa colleita de novidades discográficas. Rock, jazz, pop, folk…, 2012 foi un ano no que as nosas bandas e solistas lle botaron un pulso moi digno á crise e aos problemas endémicos do sector: industria feble, invisibilidade mediática, falta de apoio institucional, circuítos case inexistentes, etc.

O panorama rockeiro volveu dar mostras da súa vitalidade con novos traballos de bandas xa consolidadas e a estrea doutras nóveles. Zenzar celebrou os seus vinte anos con Vaise armar, que na súa liña habitual abunda no rock máis xenuíno e as letras cargadas de crítica social, pero con concesións tamén a ritmos e motivos máis divertidos e bailables. Outra das bandas máis lonxevas e que conta cun son máis definido e recoñecíbel polo público, Ruxe Ruxe, sacou un novo disco. O seu Rock do país ten un público asegurado, como demostraron cun cheo na presentación na Capitol de Santiago. Rock sen edulcorantes, toques punkis, baladas apoiadas en letras máis íntimas e a gaita como selo de identidade.

Entre as bandas máis novas, destaca o segundo disco de Machina, Ensaio sobre o silencio, un traballo onde o metal e o hardcore non deixan espazo ás melodías baladeiras do disco anterior; e o “gastropunk” dos Terbutalina, a banda de Muros que non deixa indiferente a ninguén coas súas letras irreverentes e cun directo igual de rompedor: o seu son as Hostias para todos. Outras formacións ás que seguir con atención son Kathaarsys, que publicou o directo Rara vez, e Camarada Nimoy, que dá a coñecer cun disco homónimo o seu rock sesenteiro.

Da fusión e outros estilos

Na música de fusión estreouse un grupo cun percorrido de varios anos nos escenarios e que non tiveron présa por editar uns discos moi esperados polos seus seguidores. Dende Ourense, O Sonoro Maxín homenaxea a música popular fusionando cumbias, e os ritmos latinos en xeral, o rock e a raíz tradicional da charanga e da festa para ofrecernos a “verbena do século XXI”.

Este ano deixounos máis novidades dos máis variados estilos, como o pop electrónico do A pior, de Projecto Mourente, e o funky dos coruñeses Loretta Martin con Despois da mandinga. En ambos casos, ademais, publicaron uns videoclips, de moi boa factura, dos singles de presentación. Porque se algo hai que destacar da nova escena é a incursión polos novos formatos e o diálogo con outras artes, que aínda, pese a que resulte sorprendente a estas alturas, son novidosos entre nós. Así, produciron videoclips Ataque Escampe, Machina, Zenzar e os Nao, que adiantan o tema “Mafia” dun disco que está aínda en fase de produción. E do diálogo con outras expresións artísticas saben os Labregos do Tempo dos Sputnik, que versionan poemas de Celso Emilio, Lois Pereiro, etc. No mesmo diálogo coa literatura atopamos o novísimo traballo da hiphopeira viguesa Aid, que versiona a Rosalía de Castro no disco-libro Rapoemas.

Como vemos, en época de penurias económicas e de desartellamento das políticas culturais, os creadores ensaian novas fórmulas para saír adiante, ben sexa cunha “Xira Surreal” como a de Marful, que nos seus concertos mesturaron música, gastronomía e divulgación do patrimonio, ou Os Cempés, que no seu regreso publican Tentemozo pola vía do crowfunding ou financiamento colectivo, paraguas baixo o cal tamén saíu o disco Doutor Apertas. Tributo a Magín Blanco.

Do folk e do jazz

Dende o folk, a música de raíz en xeral, e o jazz non deixan de chegar as boas novas. Comezamos o ano coa aclamación de Sós, de Mercedes Peón, como un dos mellores discos do 2011 en Europa, e a estrea do novo traballo das Leilía. Outra das grandes referencias do noso folk, Luar na Lubre, lanzou Mar Maior, e un músico de luxo como Pancho Álvarez publicou Sonche Atlántico. Peldenoz, Balakandra, Unicornibot ou Quempallou seguen asegurando o relevo nos estudos de gravación e, sobre todo, nos escenarios, reforzados coa volta de Doa e o disco A fonda dos cervos. As propostas singulares veñen da man de aCadaCanto, o disco conxunto de Xavier Díaz, Guadi Galego e Guille Fernández, e o espectáculo iLalelo, no que a música de Budiño complementa as historias de Carlos Blanco, ou viceversa.

O jazz, pola súa banda, segue contribuíndo ano a ano en cantidade, mais sobre todo en calidade, a este vizoso panorama musical. Aos nomes xa recoñecidos de Abe Rábade, co disco A Modo, e Nani García Trío, con Renaissance, engádense o debut de Monica de Nut Trío, con disco homónimo, e os discos dos jazzeiros do sur: Iago Fernández, con Agromando, Alberto Vilas Quinteto, con Esperianza, e Xan Campos Trío, Orixe cero. Onde atopalos? Nos locais que programan música en directo.

O difícil momento económico

Falamos de entrar no verán gozando da música ao vivo, sen esquecer que esta é a grande oportunidade para que moitos grupos poidan darse a coñecer. Ás dificultades económicas municipais para programar no verán (sen mencionar que fan unha aposta case exclusiva pola música comercial) e a retirada de apoio da Consellería de Cultura aos festivais de base, súmanse a escasa atención que prestan os medios privados e públicos (salvando as honrosas excepcións dos programas Planeta Furancho, Tres Peixes Voando e Estudio 3 da Radio Galega) e o perfil baixo dado pola administración ás liñas de actuación que tan bos resultados deran nos últimos anos (Galician Tunnes ou Rede Galega de Música ao Vivo). A canteira padece tamén esta falta de atención (Xuventude non dinamiza a Rede de Locais de Ensaio ou o Certame GZCrea) e só concursos como Cantalingua (CIG-Ensino & AS-PG) e Novo Son e Vasacarnota? (Radio Galega) serven de plataforma de difusión dos novos valores. Neste contexto, unha boa guía para programar o noso verán constitúeno as webs específicas, entre as que salientamos gzmusica.com, komunikando.net e musicaengalego.blogspot.com.

As citas deste verán

Este foi un ano de regresos, como as dos Resentidos (A tribo toda baila, 12 de maio en Ourense) e Aerolíneas Federales, que xunto coa música dos incombustíbeis Siniestro Total han de protagonizar unha das novidades veraniegas, o musical Galicia Caníbal, que celebra a música galega dos 80. Pero, sen dúbida, o regreso máis esperado foi o de Heredeiros da Crus, a mítica banda do Barbanza que revolucionou a escena dos 90 volveu cun esperadísimo concerto en Ordes no que xuntaron máis de 3000 fieis. Como soubo a pouco, xa hai DVD do directo e han de caer un novo disco e unhas cantas citas máis para velos en xullo e agosto.

Porque citas hai moitas e cómpre escoller, que as fins de semana non dan para máis. No ámbito da música tradicional, non esquezamos os numerosos encontros e seráns que podemos seguir a través do blogue especializado Malmequer, mentres que no folk non faltará á cita o triángulo máxico de Ortigueira, Zas e Pardiñas, xunto a outros festivais menores como Música na Noite, Asalto ao Castelo, Festival Irmandiño ou o Vilariño Folc, que se abren a outros estilos. Tamén dan entrada a outras músicas, os festivais máis rockeiros como o Derrame Rock e o Brincadeira, que cada vez máis deixan espazo para as bandas do país, que encontran nestas grandes plataformas unha boa oportunidade para se dar a coñecer. Quen quere máis? Os festivais de menor formato pero de máis autenticidade, de acampada, poboacións pequenas e enclavados en espazos naturais, atraen milleiros de festivaleiros. Algúns xa se celebraron e foron abrindo o apetito (Repercusión e A Rebusca de Manzaneda) e outros veñen aí: Sons da Lameira, Nordestazo Rock, Arreaocabo, Festigal, Antrospinos, Festival da Terra e da Lingua, As Revenidas, Festidoiro, Rebumbio…

Só nos queda, pois, preparar a mochila, escoller rumbo e gozar dos sons deste verán do 2012.

O verán, tempo para as músicas ao vivo

Coa chegada do verán, volveron os amigos e amigas irimegos a pedirme unha colaboración para “O Fervedoiro”, unha sección da histórica revista Irimia (30 anos, case nada!) que contribúe a difundir as propostas máis actuais e algúns apuntamentos para a análise do panorama cultural galego. Desta volta (número 836, do 4 ao 17 de xullo de 2011) paseamos a nosa ollada amateur por unha axenda estival ateigada de citas para vivir a música ao vivo mais sen esquecer as últimas novidades discográficas. Agardo que vos dea algunha pista para gozar do país e da súa música nas próximas semanas.

O verán, tempo para as músicas ao vivo

O lume da noite de San Xoán e os mil e un foguetes do interminábel rosario de festas estivais anuncian unha estación propicia para a música. É tempo de música para se acompañar no paseo do serán, entre toallas e con sabor a salitre ou nesa viaxe tan agardada nos últimos meses. Mais sobre todo é tempo para a música ao vivo, compartida entre as masas festivaleiras ou sentida con complicidade entre a pequena audiencia dun concerto improvisado nunha noite quente de agosto.

Acompañe ou non o bo tempo, os festivais e as festas locais son citas obrigadas que ofrecen un abano amplo e plural de propostas ante as que se fai ben difícil escoller. Con todo, é a crise a que está a provocar unha redefinición do calendario tras a inflación dos últimos anos. Acontece para os grandes eventos institucionalizados, no que as administracións pasaron a funcionar practicamente como axencias de contratación, e os festivais autoxestionados por asociacións, que ano tras ano fan posíbel un pequeno milagre a base dun enorme esforzo colectivo e moita imaxinación.

Unha vez máis, os carteis adiantan dous modelos xa consolidados, que non asumidos, para a música cantada en galego. Por unha banda, a exclusión ou unha presenza cativa na axenda con máis proxección mediática, que comezou co Sónar Coruña (17-18 de xuño) e o Vigo Transforma (do 30 de xuño ao 2 de xullo), e continuará co Cultura Quente (Caldas, 22-23 xullo), o Noroeste Pop-Rock (A Coruña, agosto) e as festas patronais das cidades e as vilas. Nelas, haberá sitio para algunhas bandas galegas que cantan en castelán mentres que a música en galego confinarase ao folk, aos teloneiros e a escenarios secundarios. A excepción que confirma a regra, o Derrame Rock, que trae a Ourense unha boa mostra da escena alternativa estatal e galega. Pero, por outra banda, os Lamatumbá, Som do Galpóm, Medomedá, Ulträqäns, O Leo, Skarmento, Labregos do Tempo dos Sputnik, Labazada, Malandrómeda, Kästomä, Avante, Sacha na Horta, Ataque Escampe, Galegoz, Fracasados de Antemano, Galegoz, Os Tres Trebóns, Raiba, Chotokoeu, Dios ke te Crew, Magnifique Bande, Banda Crebinky ou Ruxe Ruxe, entre outros, acudirán á Música na Noite  (Teo, 1-2 de xullo), Revenidas (Vilaxoán, 15-16 de xullo), Festival da Terra e da Lingua (Narón, 15-16 de xullo), Festigal (Santiago, 24-25 de xullo), Antrospinos (Taragoña, 29-30 de xullo), Castelo Rock (Muros, 7 de agosto), Festival do Castro (Pantón, 20 de agosto), Pontelouco (Castro Caldelas, 20-21 de agosto) ou o Festidoiro (Cuntis, 26 de agosto). Estes festivais convértense nunha especie de feira sectorial da nosa música que asegura a presenza das bandas noutros carteis futuros, tece redes colaborativas entre artistas e colectivos e son fundamentais para a creación de públicos.

Fóra destas propostas eclécticas, non faltarán á cita os festivais temáticos, como a tríada do folk galego (Ortigueira, Zas e Pardiñas) e o ronsel de numerosos palcos máis modestos e seráns participativos como o Vilariño Folc (Aldán, 20 de agosto), o Festival Irmandiño (Moeche, 21 de agosto) e As Nosas Músicas (Couso, 14 de agosto) dedicados á música de raíz. No jazz destacan o Imaxinasons (Vigo, 7 -15 de xullo) e o Festival Internacional de Pontevedra (22-25 de xullo), e na escena popeira chegarán o Lolapop, o Felipop, o Vibrasons e o Dolorock. A mestizaxe, pola súa banda, non faltará no Brincadeira (Ordes, 11-13 de agosto) ou o Son Rías Baixas 2011 (Bueu, 4-6 de agosto). E como orientarse neste vizoso calendario de propostas: a través de MUSiQUEoh! (http://www.musiqueoh.com), un novo sitio na rede que centraliza as páxinas dedicadas á música galega.

Se alguén quere vivir a música afastado das multitudes, hai tempo aínda para gozar das novidades discográficas do segundo trimestre do ano, que con sorte poderemos escoitar tamén enriba dos escenarios. Precisamente, Uxía conmemora os seus 25 anos de traxectoria cun disco para o directo, Meu canto, que combina pezas clásicas e temas non gravados con anterioridade. Outros que están de aniversario son os Treixadura, que con Esas i que é muiñada festexan 20 anos da mellor tradición coral galega. Os marinenses de Liorna reescriben en Sarahyba un longo camiño polo folk mentres que os tamén veteranos Doa recollen cantigas medievais en A fronda dos cervos. Os novos proxectos tamén se abren paso. O seu apelido dá nome á estrea da violinista Begoña Riobó, que se acompaña de músicos de ampla traxectoria no folk, mentres que outros virtuosos como Quim Farinha, Pedro Pascual e Kin García se adentran dende a tradición nos camiños vangardistas en Talabarte.

A música trastlántica de Ugia Pedreira e o brasileiro Fred Martins mergúllannos novamente na dimensión galega da lusofonía a través de Acróbata. Tamén na confluencia de estilos, neste caso jazzísticos, aparece o Jazz from Galiza!!, de Xacobe Martínez Antelo Cuarteto, e ao encontro da literatura saíu Manu Clavijo, que actualizou a poesía en Lois Pereiro. Canción Última…., como ao vivo fixo o grupo Ondas Martenot co autor homenaxeado nas Letras Galegas. A estrea de Ulträqäns cun disco homónimo, a volta máis ca nunca autoxestionada dos Ataque Escampe en Violentos anos dez ou os Novos Tempos de K-Raxe, unha nova aposta de metal sen concesións da factoría musical de Cerceda, confirman a creatividade da nosa escena musical, que agarda xa polo novo disco dos DKTC, Humanose.

A invisíbel efervescencia da música galega

Os amigos e amigas de Irimia (blogue da asociación) pedíronme unha colaboración para a súa revista na que ofrecese unha panorámica xeral da música galega no ano 2010. Como simple seguidor da escena musical, neste artigo, publicado no nº 824  (17-30 de xaneiro de 2010), achego unha valoración sobre a situación actual da música do país, en especial da vehiculada en lingua galega, e unha escolma dos discos do ano que vén de rematar.

A invisíbel efervescencia da música galega

Trazar un panorama da música galega no ano 2010 non deixa de ser unha tarefa curiosa cando o traballo de solistas e bandas está suxeito a uns ritmos diferentes aos que caracterizan unha produción cultural estábel e normalizada. Un disco de Berrogüetto ou Lamatumbá, por falar de dous grupos referenciais, ten un percorrido máis pausado e longo, e a dinámica da edición, presentación, difusión e contacto co público, que ao final retroalimenta a propia creación artística, non sabe de exercicios anuais.

Calidade clandestina

O ano que vén de rematar volve demostrar que na escena galega hai calidade, variedade e apostas arriscadas e orixinais. A que se debe entón que o público descoñeza o que se está a facer? Por que non existe unha demanda que responda a esta oferta talentosa e relativamente ampla? A música galega sobrevive á marxe dos circuítos maioritarios, o público non a atopa nos medios de comunicación, que lle prestan unha atención marxinal. E se isto sucede en xornais, radiofórmulas e canles de TV privados, máis grave é que os medios públicos prioricen a produción allea fronte á propia. Se o 2009 supuxo a desaparición de programas como Aberto por Reformas e Extrarradio na RG e Onda Curta e Miraxes na TVG, o 2010 confirmou a posición subalterna da música, confinada ás segundas canles e a horarios clandestinos da radio e televisión galegas. As novidades discográficas rara vez teñen cabida en informativos e magazines, que non adoitan picar discos galegos nas ráfagas, anuncios e minutos musicais de recheo. A RG mesmo lle fixo contraprogramación ao Apologhit, concurso que viña coorganizando exitosamente con Vieiros, e lanzou o Vas-sacar-nota.

Sounds from Spain

A esta eiva sumouse a falta de planificación institucional dunha Consellería de Cultura que parece desistir da encomenda de fortalecer unha industria musical aínda feble e necesitada de circuítos e estratexias de difusión. Relegada a un lugar secundario na programación xacobea, a consellería volveu caer na identificación entre música en galego e música de raíz. “O pop e a música galega marcan a axenda de concertos patrocinados por Xacobeo 2010”, titulaba un comunicado de prensa da Consellería. Ignoramos que prexuízos existen para non vender como música galega o rock, o pop, o hip hop ou a fusión, e si grupos que cantan en castelán e inglés. Isto mesmo se repite nas publicacións da AGADIC ou de Xuventude e nas feiras internacionais ás que acode Cultura, agora baixo o selo Sounds from Spain que dilúe a oferta diferenciada nunha etiqueta global. A falta de patrocinios aos festivais locais e comarcais, onde os grupos galegos se fixeran un oco nos últimos anos, e a inercia na xestión das redes de locais de ensaio e locais de música en vivo, debilita máis os circuítos que dan oportunidades ás novas xeracións musicais.

Mais falabamos dunha oferta de calidade e diversa no 2010. A música de raíz retomou parte do vigor perdido na década cun auxe importante das citas reservadas á música tradicional e coa publicación dos discos de grandes referentes do folk como Luar na Lubre, Carlos Núñez, Mercedes Peón, Budiño, Cristina Pato ou Sondeseu. Un álbum que debe ocupar un lugar preferencial no 2010 é o esperado Kosmogonías, de Berrogüetto, que tras catro anos volveu para renovar un estilo propio e recoñecíbel, agora coa voz de Xabier Díez, e cunha videocreación de Olalla Sendón de agasallo. Outra proposta orixinal é a do compostelán Narf e o guineano Manecas Costas en Aló Irmão!, unha confluencia de tradicións e estilos traballada no directo, ao que tamén temos acceso en formato DVD. Aínda neste ámbito destacamos O Manual de sedución de Marful, froito dunha tranquila maduración de ritmos, melodías, arranxos e letras suxerentes que chega logo dun primeiro traballo publicado en 2006 que fora ben acollido por público e crítica.

Propostas pop, cantautores e outros ritmos

No terreo do pop sobresae o novo disco de The Homens, Cuarta potencia, un power-pop renovado cun son máis melódico, coa aparición do órgano Hammond e unhas guitarras máis potentes e afiadas que de costume. Un son máis experimental e rockeiro é o que achega Noise Project en Asuntos que se resolven co tempo, disco que se pode descargar de balde do netlabel A Regueifa, plataforma fundamental xunto coa páxina Komunikando.net para a proxección da escena alternativa. Tamén dende a autoedición chega Fluzo cun sorprendente disco homónimo que se move nos límites do hip hop. Sen saír das marxes, confirmouse o hardrock melódico de Nao co seu segundo disco, Coas túas mans. Houbo estreas, ademais, de bandas asentadas como Ruxe Ruxe (Na fura de diante), os últimos bravús, e Lamatumbá, que con A órbita da banda hipnótica encheou de sons mestizos os escenarios festivaleiros, onde foron habituais grupos con discos do 2009 como Som do Galpóm, Cuchufellos ou Guezos, e O Sonoro Maxín, que por fin entrarán nos estudos de gravación neste ano.

O vigor do jazz e novidades para as crianzas

Poden completar este abano de propostas para seguir coñecendo e gozando no 2011, apostas de autor tan singulares como as de dous Emilios, Emilio Rúa (Interior) e Emilio José (Chorando apréndese), o blues de Victor Aneiros (Brétemas da memoria) e a rica escena jazzística con Virxilio da Silva (Odysseia), Roberto Somoza (Yellow), Abe Rábade (Zigurat), Sumrrá (Sumrrá 4.0), Baldo Martínez e Maite Dono (Sons-Nús), A Tribu (A chamada) ou Álvaro Bieito, que co seu Introducing non só inaugura a súa carreira senón tamén “Azos”, a primeira colección de jazz da discográfica galega Falcatruada.

A escolma anual ficaría incompleta se esquecemos produtos novidosos como Na punta do pé, de Pesdelán, un libro-CD-DVD cunha ben traballada proposta didáctica para aprender cancións, bailes e xogos do patrimonio tradicional galego-portugués, o Galeoke, o primeiro xogo de karaoke de música galega, e o número crecente de traballos publicados para o público infantil. Cunha produción ambiciosa que comeza a ser habitual e mestura música, textos, videoclips… en libros-disco ou CD-DVD, no 2010 chegaron A nena e o grilo, de Magín Blanco; Tic Tac, de Pablo Díaz; Ola-ola-la, de Mamá Cabrá; Abracadabras, con textos de Marica Campo e música de Pirilampo; ou o recén saído do forno Arrolos de salitre, de Xabier Díaz. Son estas achegas importantes para facer “normal” a música do país, e a lingua galega, nos cantares e nos xogos xa dende o berce.

Music.gal, un bo escaparate da actualidade musical do país

A Feira das Industrias Culturais Galegas, Cultur.gal, acolle acertadamente na súa segunda edición unha boa mostra das manifestacións máis dinámicas da cultura galega do momento. Superado o enfoque daquela primeira edición celebrada hai dous anos en Pontevedra, desenvolvida ao redor do libro, na feira que comeza mañá na Coruña estruturase nun programa moi completo e atractivo que, madia leva, se fai imposíbel seguir.

A música ocupa un lugar preferente cunha novidosa, cando menos por estas terras, programación profesional, que se complementa cun espectáculo multidisciplinar aberto ao público, o Music.gal. Nel, poderemos gozar de The Homens, Marful, Dios Ke te Crew, O Sonoro Maxín, Projecto Mourente, etc. ao lado da compañía teatral Chévere ou as poetas Yolanda Castaño e Estibaliz Espinosa.  

A actualidade musical galega vive un momento especialmente vizoso que precisa dunha potente plataforma industrial e de comunicación que asegure o seu futuro máis alá de bums pasaxeiros, como o que viviu o folke nos anos 90. Gustaríame destacar dous discos que chegarán co 2009. Por unha banda, sinalaría o segundo traballo dos Dios Ke te Crew, que vén de presentar o seu novo web, dun deseño moi coidado e con interesantes seccións de novas, fotos, vídeos e descargas, de permite descargar todos os traballos editados até o momento pola crew de Ordes. En breve o seu novo disco. Por outra banda, cambiando totalmente de estilo, o esperado segundo disco de Marful, un grupo que emociona ao vivo aínda máis que na gravación.

Para rematar, fágome eco seguindo ao levantador de minas da presentación e distribución nesta feira do disco do Obradoiro A Coruña Son, que se poderá descargar de balde na rede en dúas semanas.

Un par de desexos musicais para o 2009: que O Sonoro Maxín, despois do moito que brincamos este verán en varios concertos da banda, edite algo; e que o noso Musigal de Cuntis siga medrando. 

A canción como protesta

Tempo de verán, tempo de folgar e tempo tamén para reflexionar. Cando hai aínda resta máis dunha quincena para rematar as vacacións, son moitas aínda as citas musicais que nos depara o calendario máis próximo. Unha desas citas que temos marcada como obrigada é o Festidoiro 2008, o festival que organiza a Asociación Cultural O Fervedoiro, colectivo co que o ENDL do CPI don Aurelio de Cuntis se ten atopado ao longo do curso no labor da dignificación e dinamización lingüística.

Para celebrar o segundo aniversario da asociación, O Fervedoiro programou un atractivo cartel musical para o próximo 22 de agosto, que terá lugar a partir das 22:30 horas no Campo da Feira de Cuntis. O Festidoiro 2008 segue a afondar nunha das principais liñas de traballo que a asociación desenvolve ao longo de todo o ano, a normalización cultural e lingüística, desta volta con SKÁRNIO, NAO, Motor PËRKINS e SEM RESPOSTA, bandas que apostan pola música en lingua galega e por un forte compromiso social nos seus temas.

E se hai tempo para pensar bailando no Festidoiro, tamén o hai para reflexionar arredor da cuestión da función social da música en Galiza da man de protagonistas de tres etapas ben diferentes da nosa música: Vicente Araguas, integrante dos míticos VOCES CEIBES, un dos máximos espoñentes da Nova Canción Galega de finais dos 60 e comezos dos 70; Davide Senén, unhas das almas de XENREIRA e do “rock irmandiño” dos anos 90 como eles gustaban dicir; e de Paulo Tobío, voz de SKÁRNIO, unha das bandas máis comprometidas coa realidade social galega e internacional da actualidade. Este coloquio serve de presentación do festival e terá lugar hoxe na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis a partir das 21:30  baixo a lenda A canción como protesta.

Os dous cartaces son obra de Martiño Picallo, cuxos deseños gráficos e fotografías recomendo vivamente.

Arredor da música en galego

 Seso Durán achega esta interesante reflexión sobre a presenza da música galega, máis en concreto a vehiculada en lingua galega, nos medios de comunicación e, en consecuencia, na sociedade. Neste artigo, abórdanse en clave galega cuestións como o da “excepción cultural” ou a necesidade de contar cunha industria musical que dea saída aos produtos locais. Xa polo correo, preguntabámonos Seso e mais eu como se podería afrontar dende o ensino esta problémática artellando programas conxuntos que superen as iniciativas illadas que se están a levar adiante en diversos centros educactivos de todo o país.

 

Un pouco antes de ter noticia de Musigal a través de Román Landín, eu mesmo levara a cabo co meu alumnado de música no IES As Bizocas unha actividade que non pretendía máis que sacar á luz polo menos parte dos seu hábitos de escoita.  A actividade era tan simple como traer a clase unha canción nun soporte reproducible por unha computadora, presentala diante dos compañeiros, falar un pouco da letra, pouco máis.  O 9% achegou un cd orixinal, o 4,5% (2 en total) das cancións estaba en galego, as dúas de Heredeiros da Crus, por certo.

Centrándonos no tema do idioma é evidente que existe unha desconexión entre a música que consumimos e a que producimos @s galeg@s.  Moito me temo que a demanda non se corresponde coa oferta, nin coa calidade da mesma.  Non só é unha mágoa que a máis importante explosión de talento que nunca houbo na música popular do país (a que comezou a mediados dos 90) esté chegando na práctica a tan pouca xente.  Tamén estamos ante unha disfunción do mercado que dificulta o noso desenrolo humano e económico nunha industria, a cultural, que constitúe un pilar determinante en calquer economía avanzada.  Disque un empresario do cimena dos Estados Unidos dixo unha vez: “Nós producimos películas boas, regulares, malas e moi malas…o problema é que queremos vendelas todas”. Nós non podemos vender nin os nosos mellores produtos; a nosa música está fóra dos circuitos comerciais. Sobrevive en pequenos locais de concertos, tamén en recintos grandes mais son moi poucos os que poden chamarlle xira ao que máis ben semella unha sucesión de actuacións sen planificación aparente, en discos autoproducidos e polo menos en parte subvencionados – e iso non é malo, non hai sector produtivo sen subvencións -, dos que como moito se venden dúas ou tres mil copias. 

Por aí temos que empezar a diagnosticar o estado das cousas.  Moita xente alude á singularidade cultural para xustificar leis que protexen a industria cinematográfica da omnipresencia e omnipotencia de Hollywood.  Francia, por exemplo. Tamén hai quen non está dacordo desde as posicións máis liberais e afirma que haille que deixar todo ao mercado. Pero non sexamos inxenuos, o mercado non é libre dabondo.

España, problemas de pirataría aparte, é un pais singular: non está tan “colonizado” pola música en inglés como o pode estar Alemania e o mercado na súa lingua maioritaria, o castelán, é case planetario. A música popular que se consume é predominantemente nese idioma. Pero o castelán non é o único idioma oficial en España e os que temos outro (xa o consideremos único, propio,  propio mais non único, propio complementario, etc…) tamén temos dereito a invocar a nosa singularidade cultural. Tamén temos dereito a vender as nosas producións en galego, ben sexan boas, regulares, malas ou moi malas.  E de paso vertebrar o noso tecido industrial. 

Temos dereito, non si?

Proxecto Musigal, música na túa lingua

musigal 

Que é Musigal? Un proxecto que che trae a música feita en galego.

Todo é música que fala a túa lingua, feita por xente coma ti para ti. Non sexas repugnante e dálle caña á música en galego. 

Como? Ao longo do mes de maio terás a oportunidade de coñecer bandas e solistas a través do préstamo de discos na biblioteca, da internet, de charlas e obradoiros, de audicións nos recreos… A que esperas?

Concurso: cos teus votos elixiremos os mellores temas e editaremos un CD. E haberá premios! Xa estás tardando!  

O Equipo de Normalización Lingüística presenta mañá o Proxecto Musigal, unha iniciativa que pon en marcha coa colaboración da Concellaría de Turismo, Cultura, Deporte, Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Cuntis para dar a coñecer ao alumnado a música feita en galego na actualidade. Os obxectivos que nos propoñemos no Equipo son: 

1.- Dar a coñecer a música galega actual nos máis variados estilos (rock, pop, hip-hop, metal, electrónica, fusión, jazz, raíz, etc.).

 

2.- Ensinar ao alumnado a buscar produtos culturais fóra dos circuítos establecidos, máis mediáticos, e máis comerciais.

3.- Rachar os prexuízos que exclúen o galego dos modos de vida máis moderna e vangardista.

Tras facerse cunha boa colección de discos de música en galego e ter pronto para a súa difusión o tríptico informativo (que contén unha chea de enderezos de música galega), o Musigal colle carreira da man da xornalista Belén Regueira, unha voz autorizada para coñecer a música galega máis actual. No Caderno de Lingua daremos boa conta deste ilusionante proxecto que se pode consultar aquí.

belén regueira

<CREATIVIDADE> <POP> <SEN COMPLEXOS> <DANCE> <ENERXÍA> <PARA BAILAR> <DE AQUÍ> <DE ALÁ>   <ROCK>  <METAL> <PARA GOZAR> <TRADICIÓN> <PARA PENSAR> <FUSIÓN> <MODERNIDADE> <HIP-HOP> <SKA> <ELECTRÓNICA> <PARA AMAR> <FOLK> <MESTIZAXE> <REAGUE> <HARD> <O PRESENTE> <TÚA> <MIÑA><DE TOD@S><NA TÚA LINGUA> <O FUTURO> <EN GALEGO>…