Arquivo por etiquetas: medios de comunicación

O galego na rede: gústanos (II)

Segunda entrega na que respondo ao pedimento dos amigos de  Irimia (blogue da asociación) que me solicitaban unha escolma de sitios web en galego de interese. O artigo sae publicado no número 848 (do 6 ao 26 de febreiro de 2012) deste veterana publicación.

Agardo propostas, que caeu moito peixe fóra da rede!

O idioma ante un novo paradigma sociocultural

Na entrega anterior formulamos a necesidade de considerar a rede como un espazo que se debe conquistar para o idioma, mais non só como un ámbito de actuación máis da política lingüística coma outros (empresa, administración, medios, etc.), senón como unha oportunidade para a normalización lingüística. Isto é: no canto de preguntármonos se a súa presenza na internet reflicte a saúde da lingua na sociedade, afrontemos o reto de ver na rede unha plataforma para ir por diante da sociedade e tirando dos usos idiomáticos. Por que? Porque xa diciamos que as TIC lle conferen un valor engadido ao galego (prestixio, utilidade e visibilización). E máis que? Porque vivimos inseridos nunha sociedade en plena transformación na que a tecnoloxía dixital e as novas canles de comunicación invaden as moi variadas parcelas do noso cotián, até o punto de afectaren aos nosos hábitos sociais e culturais. Neste novo paradigma, a creación, a transmisión e o consumo do coñecemento e a información están mediatizados por unha infinidade de ferramentas e servizos que nos converteron en consumidores e produtores a un tempo nunha fase máis participativa e horizontal da rede.

Información en galego

No camiño da normalización é preciso atinxir todos os ámbitos, mais os medios sempre foron obxecto dunha atención especial pola súa relevancia social. Era e é preciso contarmos con medios informativos en lingua galega e se botamos a vista atrás, non moito, comprobamos que saímos dun bienio horribilis coa desaparición de medios de referencia, dixitais como Vieiros, ou en papel como Galicia Hoxe, A Nosa Terra ou A Peneira (con edicións tamén na rede). Mesmo nos vimos privados de medios que foron máis alá da raquítica porcentaxe en que usan o idioma as cabeceiras tradicionais. Foi o caso de Xornal de Galicia.

Como diciamos no número anterior, ante a falta dunha política lingüística para as TIC, e (engadimos) para os medios, xorden iniciativas que, partindo de proxectos de base social, abren camiños á pluralidade informativa e á lingua. Praza Pública naceu hai uns días pensada e deseñada para internet e para “evitar o silencio que encore a Galicia”. Canda este medio, a iniciativa Vitaminas para o galego vén de darlles visibilidade a máis dunha ducia de medios de alcance nacional (De Luns a Venres, Galicia Confidencial, Tempos Dixital, Novas da Galiza ou RadioFusión), comarcal (Certo, Crónica3 A Mariña, Que pasa na Costa, Val Miñor.info, Terra Chá e O Sil) ou temáticos (Disquecool e Surf GZ), todos eles pequenos (grandes) proxectos que vehiculan información e contidos variados en galego. Nas próximas semanas uniranse a este esperanzador panorama Sermos Galiza e Diovio, empresas colectivas que fan posíbel esa rede democratizadora.

+ Internet + Galego + Futuro

Este non é só o lema dunha campaña institucional -xa vencida no tempo e nas urnas- para a tripla festividade do 17 de maio, Día da Internet, das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e das Letras Galegas. É a aposta por unha estratexia creadora, en positivo e dinamizadora da rede da que fan gala moitos sitios web que achegan contidos no noso idioma.

Na listaxe das 100 páxinas web galegas máis populares en decembro, o galego, máis alá das páxinas institucionais e de organizacións políticas e sindicais, é a lingua -ou opción preferencial- do portal informativo Galiciaé, a rede de promoción de novas Chuza, culturagalega.org, a páxina da empresa R (mundo-r) e Código Cero, o recomendábel “Diario das novas tecnolóxicas de Galicia” que publica este ránking mensual.

Se non atendemos a clasificacións, os contidos flúen en galego pola rede en milleiros de sitios web, blogues e nas redes sociais. Hai tantos como intereses diversos pode haber nos lectores de Irimia, que tamén se asoma ao internet. Recomendemos uns cantos pola súa calidade no deseño e no tratamento dos contidos. Xa citados: Disquecool e SurfGz. A primeira é unha fiestra para estar ao tanto das últimas tendencias en Galicia, para descubrir o máis in da moda, as novas tecnoloxías, a arte e o deseño ou a publicidade feita aquí. E a segunda páxina tráenos “as novas da praia” para os amantes dunha práctica deportiva na que Galiza é unha potencia.

Seguindo na senda deportiva, ofrece versión en galego Curuxarallye, a revista mensual dese mundo do motor que arrastra milleiros de seguidores ás pistas do rural semana tras semana. Para a música hai unha oferta variada, para seguir a actualidade e tamén para descargar discos e temas, comezando por Komunikando e seguindo por Ghastas Pista, A Regueifa, Malmequer, Música en Galego e O Toxo Rabudo. O cinema ten o seu espazo en A Cuarta Parede, a “primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica”, e Cinema Galego, un proxecto colaborativo para difundir a nosa creación audiovisual; e os videoxogos coméntanse en Memoria Pixelada.

Os amantes da gastronomía catarán as receitas máis saborosas e os viños máis exquisitos en Código Cociña, porta de entrada de ducias de bloggastrónomos, moitos tamén en galego. Un dos país da criatura é Manuel Gago, autor do popular Capítulo Cero, no que transmite paixón en todo o que conta: deseño, TIC, roteiros ou patrimonio e arqueoloxía, campo no que tamén impulsa o web Patrimonio Galego.

Moitos contidos en galego, de calidade e sustentados na implicación de moitas persoas: a rede constrúea a sociedade, aínda que non haxa unha planificación de quen debera potenciar o idioma na arañeira. O futuro escríbese no noso teclado, ten os pés nas orixes e a esperanza nos que deixan o berce. Para eses cativos, a Orella Pendella, para que lles transmitamos na lingua do corazón “ditos, recitados e cancións infantís”. E, para non esquecer as palabras coas que o pobo armou historias, Galicia Encantada, a “Enciclopedia da fantasía popular galega”. Outros dous proxectos colaborativos, diso viñemos falando, de partillar.

Quedamos nesa Praza!

Hoxe nace Praza Pública, un novo medio dixital en galego, un espazo necesario para o encontro da cidadanía activa deste país que se vén sumar a outros pequenos (grandes) referentes locais, comarcais e temáticos que achegan vitaminas para o idioma.