Arquivo por etiquetas: Luís Dávila

Xaneiro mollado, se non é bo para o pan, é bo para o gando

Prestoume a idea que Pilar Ponte acuñou no seu blogue e concretou nunha categoría, Para min e para ti, que recolle materiais publicados por diferentes persoas que poden ser aproveitables para as aulas. Esta entrada podería formar parte desa proposta pois recolle materiais publicados en distintos sitios web, que escolmo xunto con algún artigo propio para completar o tema xa recorrente da riqueza lingüística da lingua galega para nomear a chuva e outros fenómenos metereolóxicos.

Galicia Ciencia (04-01-2016)

Galicia Ciencia (04-01-2016)

Galicia Ciencia, páxina sempre interesante e de primeira utilidade, publica hoxe As cen palabras en galego para designar a chuvia coincidindo con este comezo de ano de temporal ininterrompido e recuperando a tese de investigación da profesora Elvira Fidalgo, que publicou artigos como “Denominacións galegas de chuvia / chover” (referencia bibliográfica aquí) e A onomatopeia como creadora de denominación da chuvia/chover. Noutras obras colectivas tamén atopamos traballos como os das investigadoras M. González González e B. Varela Vázquez: As denominacións da ‘chuvia miúda’: variedades diatópicas e lingua literaria e Denominacións para ‘ceo’ e ‘nubes’ en galego moderno.

Mais para aplicar directamente nas aulas recupero estes exercicios léxicos da páxina Anxo González e Vitoria Ogando e mais tres artigos propios publicados neste blogue e no do Departamento de Lingua Galega do CPI Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior, especialmente o terceiro deles, que inclúe algúns temas musicais:

Engado, así mesmo, unha proposta de traballo de aula que me dá a coñecer Miro Villar en Twitter: O alumnado de 3º da ESO do CPI Viaño Pequeno fixo en 2014 este Dicionario da chuvia en Trazo. Grazas, Miro!

Fraseoloxía, música, fotografía, cinema, literatura e ensaio… o tema dá para un mundo entre nós. Lembrades esta imaxe de Manuel Rivas en Unha espía en el reino de Galicia (Xerais, 2002):

Os indíxenas levan o paraugas como un apéndice, suxeito ás vértebras dorsais a maneira de aleta de peixe. Como bo anfibio, o que máis lle gusta ao galego é falar do tempo. Se é de política, remítese á meteoroloxía… -Mexan por nós e edicimos que chove. -Home, nunca choveu que non escampara ! O galego anfibio está en perigo de “abdución”. Ós abducidos de Expediente X méteselles un ser estraño na cachola. Os galegos abducidos méteselles unha especie de tío cachas de Vigilantes de la playa que se amouca cando chove como se caera augarrás. Trátase dunha mentalidade que considera exóticas as chuvieiras, os orballos, as brétemas, a rosa dos ventos e toda a paisaxe indómita do ceo. E Constrúense as cidades e vilas de maneira trapalleira, sen ter en conta o eterno retorno das augas, como se as borrascas das Azores foran un conto do Xestal. O galego anfibio sabe que Galicia non sería Galicia sen a chuvia. Respira polas branquias e leva o paraugas coa elegancia dun brazo ortopédico.

"O paraugas", de Dani Vázquez : https://www.flickr.com/photos/dani_vazquez/albums

“O paraugas”, de Dani Vázquez: https://www.flickr.com/photos/dani_vazquez/albums

Quen se anima a facer unha escolma de materiais humorísticos comezando, por exemplo, coas viñetas de Luís Davila ‘O Bichero’? Baixo a etiquetas metereoloxia (sen til) e metereoloxía (con til) xa publicou máis de medio cento de viñetas.

Luís Davila, "O Bichero"

Luís Davila, “O Bichero”

Advertisements

Orballo, poalla, mera, chuvisca, barruzo…

Era cousa un día de recoller todo canto material hai aproveitable para traballar nas aulas o léxico do tempo metereolóxico. E darlle un enfoque ameno e divertido pois hai moitísimos recursos de diversa fasquía para facelo (refraneiro, anuncios, música, textos literarios, cinema, deseños para camisolas e outras prendas e obxectos, etc.). Non faltaría o humor e a retranca da que acostumamos botar man para capear o temporal nas conversas e situacións cotiás (as viñetas de Luís Davila, O Bichero, terían un lugar destacado). Esta entrada publicada no blogue do colexio pode ser un exemplo moi modesto de por onde irían as cousas.

En relación a isto, lembro que hai un tempo armara unha charla (repetida no Centro Galego de Donostia, na Cátedra de Estudos Galegos da UCM e no Galicien Zentrum da Universität de Trier) nestes termos. Xa choveu!

charla_trier

Actualización (01/01/2014): Unha ducia de días de chuvia (por David Lombao, no Praza Pública) ou a chuvia que marca os nosos momentos colectivos.

Unha análise precisa do que está a acontecer

 
Luís Dávila

Luís Dávila

Moito ten dado o que falar a famosa “consulta sobre a lingua galega no ensino”. Tanto, que non dá para abranxelo todo neste post, nin é esa a nosa pretensión. O que tentaremos é desvendar algunhas das claves deste inédito proceso, facendo memoria dos feitos e submeténdoos a unha breve análise.   

Así se presenta un “Breve dossier sobre os ataques á lingua e á cultura galegas” que podes ler íntegro aquí.

PD 21-07-2008: con esta cobertura institucional, é normal que a galegofobia se manifeste sen reservas. Máis info no Portal Galego da Língua e no blogue Made in Galiza, no que se anima a responder a esta nova discriminación.

PD 24-07-2008: relato da moza que sufriu esta discriminación no Centro Deportivo Base de Área Central (SdC):

Parece ser que dende Base están buscando á persoa que acudiu á entrevista de traballo do Centro Deportivo Base de Área Central o venres 10 de xullo. Foi a min a quen aconteceron os feitos. Non vou entrar en discusións, simplemente denunciei un feito discriminatorio. O que pasou foi o seguinte:
Entrei no Centro Deportivo Base de Área Central atendendo a un anuncio da porta que poñía:
“Se necesita dependienta. Razón aquí.”
Na tenda había unha rapaza atendendo a unha señora. Detrás do mostrador había un home que me pareceu ser o xefe. Dirixinme a el e díxenlle:
“Veño polo anuncio de dependenta.”
Ó que el me respondeu:
“¿Me permite su currículum?”
Eu respondinlle:
“Por suposto”.
Despois de pasar varias veces da primeira á segunda páxina do currículo, o home preguntoume si como dependenta só tiña experiencia nunha tenda . A miña resposta foi que si, pero que nesa tenda eu estaba soa e ó cargo de todo. Respondín en galego, e cando calei, porque non parecía ter interlocutor, o home dixo, palabras textuais:
“Como veo que no sabes hablar español, no me interesa. Gracias”
Nun principio fiquei calada, pensando que se trataba dunha broma de mal gusto, pero ó ver que o home non se inmutaba e me devolvía o currículo, dixen en ton sarcástico, agardando rectificación:
“Son bilingüe”.
El respondeu de novo o mesmo, ante o cal comezou a disputa, aínda que non se lle pode chamar tal, porque o home non se alterou o máis mínimo, o único que fixo foi repetirme varias veces:
“No habla español, no me interesa. Gracias.”
Como si se tratase do lema do seu establecemento.
Eu marchei, e fixen o que considerei oportuno, denunciar ante A Mesa de Normalización Lingüística, ante o Defensor do Pobo, enviar o escrito a distintos medios de comunicación e presentar unha queixa no Centro Comercial de Área Central.
Todos e cada un deles fixeron posible que hoxe este feito se saiba, aínda que teño que recoñecer que non pensei que acadara tanta difusión.
Paréceme incrible que alguén poida supoñer que a estas alturas da historia, exista algún galegofalante que descoñeza o español, cando segue a ser a lingua dominante.
Por desgraza, este feito non ten só un nome e apelidos, acontece a diario. O importante é que non o deixemos pasar, que denunciemos.

Grazas a todas as persoas que, dun xeito ou de outro, apoiaron esta denuncia.

Un saúdo.

Eleazar López García.